José Ramón Gómez Besteiro, delegado do Goberno en Galicia: «Neste momento non estou pensando en ser candidato do PSdeG á Xunta»

José Manuel Pan
José Manuel Pan REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

ÁLEX LÓPEZ-BENITO

Entrevista | «Estou á disposición do que me diga o secretario xeral» do partido, di tras voltar á primeira liña despois de sete anos afastado

16 abr 2023 . Actualizado a las 14:54 h.

«Claro que veño facer política». Con esa frase, José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) deixou claro o seu camiño hai unha semana, cando tomou posesión do cargo de delegado do Goberno en Galicia. Para moitos, a frase ten máis significados do que parece, porque o seu retorno á primeira liña, logo de sete anos en silencio por mor das imputacións xudiciais, removeu a política galega, e porque a ninguén se lle escapa que Besteiro aparece neste momento como o principal activo para ser candidato do PSdeG á Xunta.

El nega esa percepción: «Non hai operación Besteiro, eu agora estou centrado na Delegación do Goberno», da que tomou posesión hai unha semana. Aínda que no seu partido haxa cada vez máis voces que o sitúan como a gran esperanza do PSdeG, el di que iso «é froito do cariño e do afecto».

—Vai ser vostede o candidato do PSdeG á Xunta?

—Non vou contestar, pero si que podo dicir que neste momento non estou pensando niso.

—A súa reaparición causou unha revolución na política galega.

—Quizá o feito de levar sete anos sen falar pode contribuír a iso. Eu veño coa mellor das ilusións, con toda a vontade e capacidade de esforzo do que son capaz. Creo que nos sitios onde estás tes que ter a vontade de estar satisfeito co que vas facer e asumir o reto con responsabilidade.

—Que queda daquel Besteiro que tivo que marchar no 2016?

—Queda o mellor. Pasaron sete anos, pero a esencia do que era e do que son é a mesma. Non se perdeu nada en min. Incluso a vida fóra da política é enriquecedora. Percibes as cousas con menos ansiedade. Ás veces, ese pouso de cidadán axuda a ver as cousas de forma distinta. Creo que estes sete anos tamén me axudaron a medrar como persoa, pero no esencial sigo sendo o mesmo, con virtudes e con defectos.

—En decembro do 2022 quedou liberado das imputacións xudiciais e o seu nome empezou a soar forte. Que ten que pasar para que vostede dea o paso que moitos socialistas esperan?

—Despois de sete anos, cando podes volver aportar, o primeiro é gozar dese momento e, logo, ordenalo. E iso é o que fai o partido agora. Chegou o momento de que eu poida aportar na Administración e no partido, o momento de colaborar. Nunca deixei de ser militante e, polo tanto, estou a disposición para axudar no que me diga o meu secretario xeral [Valentín González Formoso]. Porque como eu fun secretario xeral, sei o que sente un secretario xeral. O que hai que facer é apoialo e estar á súa disposición.

—E se o secretario xeral do PSdeG lle pide que se presente ás primarias?

—Valentín González Formoso ten unha alta responsabilidade, que é dirixir todo ese proceso, e que se iniciará cando el dispoña. Ademais, o tradicional no PSOE é que o secretario xeral sexa o candidato. Chegado o momento, cando el o marque, porque acaba de dicir que estamos centrados nas eleccións municipais, abrirase un proceso no que poderán competir todos os que queiran. E ao final a decisión non será o dedazo de ninguén, será o que digan os militantes socialistas.

—Pero iría vostede a unhas primarias para ser candidato?

—Non podo falar de hipóteses. Acabo de ser nomeado polo presidente Sánchez como delegado do Goberno. Non me podo poñer agora noutra situación que non sexa a da Delegación do Goberno de España en Galicia. Non sabemos que vai pasar no futuro, pero neste momento non podo contestar outra cousa.

—No 2016 dimitiu por unha decisión libre e persoal. Volveu usar esa fórmula na toma de posesión.

—Naquel ambiente preelectoral era imposible tratar a situación cun prisma de racionalidade. Creo que aquilo se convertía nunha pedra que se lanzaba contra o meu partido. E eu non estaba polo labor de ser cómplice desa situación. Nese momento ninguén me obrigou a dimitir. E iso é importante para ser dono dos teus actos. Fun libre na decisión da miña dimisión, e son libre agora na decisión de volver á política.

VÍTOR MEJUTO

—Que lle dixo o presidente do Goberno cando decidiu que vostede ía ser o delegado do Goberno?

—Non é tanto o que che poida dicir un día. Sempre me sentín apoiado polo presidente Sánchez. E agora espero responder ao encargo de alta responsabilidade que me fai, co apoio e o aval do secretario xeral do PSdeG. Agora estou aquí para cumprir ese encargo que me fixo o presidente do Goberno.

—Cando lle xurdiu a posibilidade de regresar á política activa?

—A partir de decembro do 2022 quedei liberado e en situación de posible reingreso na política. Tiña a tranquilidade de que se ía facer, pero non cando. E xurde que Sánchez pensa en José Miñones para ministro de Sanidade e queda vacante a Delegación do Goberno.

—Vostede ve clave para Galicia que Miñones sexa ministro.

—É que ter un ministro nun departamento como o de Sanidade supón un gran recoñecemento a Galicia. Dende ese momento a imaxe do PSdeG reforzouse e creo que tamén se reforzou a percepción da cidadanía sobre o partido en Galicia. Nas contestacións que facía o PP sobre o nomeamento de Miñones xa daba idea da súa inseguridade e da fortaleza que transmitía ese nomeamento. Iso súmase á decisión do Goberno de que Galicia teña moito protagonismo no semestre europeo e no plan de recuperación. Iso dá unha idea do peso que ten Galicia. Pedro Sánchez estase comprometendo con Galicia a todos os niveis, e tamén co protagonismo descentralizador que asume o Estado en eventos como os da presidencia europea. Non lembro que en Galicia se fixeran actos en anteriores presidencias, e agora falamos de actos de peso na comunidade. Ese protagonismo prestixia a Galicia.

—Fala de nerviosismo no PP. E no BNG?

—Este Goberno non escapa dos problemas e está canalizando investimentos históricos en Galicia, con 550 millóns na vía férrea de Ourense a Lugo ou coa modernización das industrias. É un proxecto que vai ter o apoio dos cidadáns. Verao o BNG? Pois supoño que si. Pero os presupostos que se están executando, con 1.200 millóns, e supoñen o maior investimento da historia, o BNG non os votou. As bonificacións na AP-9, o BNG non as aprobou. Non podemos estar en misa e repicando.

—Ve ao PSdeG no camiño de volver ser segunda forza en Galicia?

—Ese é o camiño. O PSdeG está chamado a ser protagonista da vida política en Galicia. E por iso traballamos todos os socialistas, cunha boa onda e con programas para solucionar os problemas das persoas. Temos un presidente do Goberno que non escapa dos problemas, que cando aparece un problema alí está el. Que os resolve e que ten a vocación de facerlle a vida mellor á inmensa maioría dos cidadáns.

Besteiro, este venres na Coruña posando con dúas mulleres que o saudaron moi preto da Delegación do Goberno.
Besteiro, este venres na Coruña posando con dúas mulleres que o saudaron moi preto da Delegación do Goberno. VÍTOR MEJUTO

«Á Xunta pídolle lealdade na cogobernanza»

Nestes anos afastado da primeira liña, José Ramón Gómez Besteiro nunca se sentiu só: «Ademais do apoio da familia e dos achegados, nunca me sentín só. Pero tampouco me sentía só comigo mesmo. Tiña a seguridade da miña inocencia, que me daba fortaleza». Entre eses achegados estaba Xosé López Orozco, o exalcalde de Lugo tamén imputado entón pola xuíza Pilar de Lara e agora, tamén, liberado. «Para min, Orozco é un referente. Del aprendín todo en política e na vida municipal, que é a mellor escola para facer política. El pasou o mesmo que pasei eu. Tamén tivo que dimitir por responsabilidade política, cando o BNG díxolle que non o ía investir como alcalde. Supoño que agora no Bloque estarán arrepentidos e tamén aprenderían que a presunción de inocencia é algo que non se debe esquecer nunca».

—Onde estivo vostede todo este tempo?

—Nunca me ocultei. Cando se producen estas situacións un corre o risco de pecharse en si mesmo, como unha autoflaxelación. Eu nunca fixen iso. Tiña a conciencia tranquila. Fixen vida normal, e os venres estaba en Lugo tomando os viños cos amigos na zona do Campo Castelo.

—Na súa toma de posesión dixo que ía achegar o labor do Goberno aos cidadáns. O seu antecesor, José Miñones, visitou máis de 160 concellos.

—Eu tamén vou visitar os concellos para achegar o labor do Goberno ao pé da rúa. Eu vexo así a forma de facer política. Miñones tamén viña da vida municipal, e aí é onde aprendes como é a política directa co cidadán, sen barreiras, de ti a ti. Creo que esa é a mellor forma de transmitir que é o que está facendo o Goberno de España en Galicia. E dese xeito tamén se poden percibir os problemas que os cidadáns poden ter neses lugares para poder transmitilos ao Goberno. Vou acudir ao último recuncho de Galicia.

—Fala vostede de achegar o labor do Goberno ao cidadán. Como o vai facer?

—A relación cos cidadáns ten que ser o máis próxima posible. Ás veces, coa administración electrónica separámonos un pouco e creo que hai que volver matizar iso. Porque a necesidade de aproximarse ao cidadán é unha obriga da Administración. Se non, estamos xerando brechas entre os que teñen facilidade para acceder á administración electrónica e os que non a teñen. E máis aínda na Galicia plural que temos. Este é un país heteroxéneo e, polo tanto, a resposta ten que ser heteroxénea.

—O presidente Rueda estivo na súa toma de posesión. Que lle pide á Xunta?

—Lealdade. Eu pídolle á Xunta lealdade, que significa explicarlle ben aos cidadáns que é o que está pasando, por que pasa e para que, e quen está protagonizando este momento. Iso é a lealdade institucional entre Administracións. E iso é o que implica a cogobernanza, cando hai que acudir en axuda dun concello porque ten problemas para manter os servizos de axuda no fogar, ou os de sanidade pública. Todo iso implica ser leal un co outro. Temos que empuxar todos na mesma dirección, os concellos, as deputacións, a Xunta, o Estado... Porque, repito, este beneficio vai mellorar a vida dos galegos. Se non facemos ese esforzo non imos poder aproveitar unha oportunidade histórica como a que está vivindo Galicia.

—Insiste vostede en que esta é a etapa na que o Goberno central está máis centrado en Galicia.

—Sen lugar a dúbidas. Este ano o orzamento do Estado aporta 9.400 millóns ao da Xunta. Son achegas do Estado. O plan de recuperación trouxo para Galicia 2.800 millóns ata agora. É un momento histórico e temos que aproveitar esta oportunidade para modernizar o país, cambiar o modelo económico, a mobilidade, a vida diaria, levar a Administración a cada recuncho de Galicia. Non é un momento de liortas, senón de aproveitar para facer o maior exercicio de cogobernanza da historia deste país. Cada un ten que exercer o seu papel, pero o que non nos pode parar é a deslealdade, a crítica permanente, a desconfianza... Iso non conduce a nada. Temos que aproveitar este momento.

O perfil

«Como é Besteiro? Son como o que vostede ve»

«Que como é Besteiro? Como o que vostede ve. Son un punto extravertido, pero tamén teño unha parte reservada». O delegado do Goberno defínese como «unha persoa normal». Cre que «na política hai que pensar que cada día que pasa é un día menos para estar nunha responsabilidade». Agora compaxinará Lugo coa Coruña, cidade que coñece ben. Polo de pronto, a primeira chamada que recibiu foi da alcaldesa, Inés Rey: «Benvido, son a túa veciña de María Pita».