Suso Díaz, sindicalista e pai da vicepresidenta segunda do Goberno: «Espero que Yolanda apoie a Unidas Podemos na Coruña se vén facer campaña»

Ana González Núñez
Ana González A CORUÑA / LA VOZ

GALICIA

CESAR QUIAN

Membro da candidatura de Unidas Podemos na Coruña, di que a presión que exerce a dirección estatal de Podemos sobre a súa filla «prexudica» e «non é pertinente»

13 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O histórico sindicalista Suso Díaz (Ferrol, 1944), pai da vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, segue afiliado a Esquerda Unida, ao PCE, a CC.OO. e tamén a Sumar. Aínda que pola súa idade non lle interesa a primeira liña da política, anunciou esta semana que pechará a lista de Por Coruña, a coalición de Podemos, Esquerda Unida e Alianza Verde, liderada por José Manuel Sande, para concorrer ás eleccións da cidade herculina.

—O motivo desta decisión?

—Sempre fun de Esquerda Unida, e Podemos e a miña formación decidiron presentarse xuntos ás municipais e como é lóxico vou na lista, de último, pero vou para apoiar esa candidatura. É unha pena que non houbese unha lista unitaria coa Marea Atlántica. Non foi consecuencia de que Unidas Podemos non quixera, a que non quixo foi a Marea Atlántica.

—Á Marea non lle pareceu ben que Isabel Faraldo recollera a acta como non adscrita. Non cre que o desacordo vén por aí?

—Iso pode gustar máis ou menos, pero non pode ser un motivo para que dúas forzas políticas non cheguen a un acordo, pois sería unha desculpa demasiado pequena. A propia Faraldo estaba disposta a non presentarse para que non houbese problema, así que ese non é o motivo. Un grupo de persoas da sociedade civil da Coruña que propuxemos unha candidatura unitaria reunímonos con partidos de esquerdas e todos estiveron de acordo na candidatura unitaria menos a Marea. Non sei os motivos. Sería estupendo que houbese unha soa alternativa, pero non foi posible.

—Vostede pecha a lista de Unidas Podemos e Xulio Ferreiro a da Marea. Dous pesos pesados?

—Eu non sabía nada do de Xulio [ri] sóubeno o martes pola prensa. Eu son unha persoa maior e o que quero significar coa miña presenza é o apoio. Xa non estou para andar correndo.

—A presentación do espazo da súa filla, Sumar, fai pensar a algúns que xa non é o momento para as siglas de Podemos, pero vostede concorre con esta marca.

—Na Coruña a relación entre Podemos e Esquerda Unida sempre foi excelentísima. Non hai problema con eles. Outra cousa é que nos guste máis ou menos o comportamento doutras persoas de Podemos.

—Que comportamento non lle gusta?

—A presión que hai desa dirección estatal de Podemos cara a Yolanda non creo que sexa pertinente. Eu creo que prexudica, en vez de axudar, a favorecer que se poida chegar a unha candidatura unitaria a nivel de Estado. Para esas cousas hai que manter a calma, a paciencia, ser prudentes, saber negociar sen que o saiba ninguén e chegar a acordos. Penso que hai unha presión excesiva que non vén a conto.

—Precisamente, Podemos lanzou un vídeo con indirectas que poderían estar relacionadas coa lei «do só si é si». A reforma do PSOE é necesaria?

—Teño a impresión de que algunha reforma habería que facerlle para evitar todo o que está pasando, pero sen modificar o substancial da lei, porque é francamente boa e moi positiva. Se hai que facerlle unha corrección non pasa nada.

—Se Yolanda Díaz vén facer campaña a Galicia, vai apoiar as mareas locais ou a Podemos?

—Espero que apoie a Unidas Podemos na Coruña. En Galicia hai varias candidaturas de Podemos e Esquerda Unida. Supoño que non hai problema en que veña a Galicia e apoie esas listas. Non sei como fará no caso de Ferrol [onde Ferrol en Común e Podemos van por separado], supoño que se absterá de ir, pero non o sei, que non o falei con ela. Creo que se vén á Coruña terá que apoiar a quen apoiamos a unidade e non aos que a impediron.

—A Coruña precisa este cambio?

—Somos necesarios para introducir melloras no urbanismo e en emprego, entre outras.