Evencio Ferrero, alcalde de Carballo: «Fomos tomando decisións ben aceptadas polos veciños»

S. G. CARBALLO / LA VOZ

GALICIA

Leva vinte anos no cargo e 43 de concelleiro. Ten ampla maioría absoluta, e defende a cultura de xestión municipal do BNG

24 mar 2023 . Actualizado a las 14:05 h.

alcalde de Carballo, Evencio Ferrero (1955), do BNG, fixo balance destes últimos catro anos de mandato e, en resumo, do seu período de vinte de alcalde (é edil dende 1979) e do que espera. A entrevista estivo conducida por María Meizoso nas instalacións centrais de La Voz de Galicia, en Sabón, e pódese ver na web e nas redes do xornal.

—Leva vinte anos como alcalde. Se lle preguntasen por un Carballo no 2003, cando accedeu ao cargo, sería como o de agora?

—Chegamos á necesidade de ter que implicarse na sociedade carballesa. Son dunha xeración que, cando eramos novos, viu desaparecer todos os símbolos carballeses. A igrexa, o Concello, os Baños Vellos, o campo de fútbol, a zona do campo da feira... Auténticos símbolos. Segundo Carré Aldao, Carballo era un dos exemplos de vilas modernas e ben deseñadas, e todo ese bo legado foi desaparecendo. Así que chegamos á fácil conclusión de que había que construír outro Carballo que non fose o da desfeita, facer algo novo. Dende o 2003 tivemos a oportunidade política, coa confianza dos carballeses e carballesas, de poñer en marcha ese novo modelo de Carballo que sempre nos gustaría que se dese. E fomos tomando decisións e, polo que se ve, moi ben aceptadas polos veciños e veciñas de Carballo, e niso estamos. Nese proceso de transformación de facer de Carballo un bo lugar para vivir. Con erros e acertos, sen dúbida, pero creo que os acertos superan con creces eses posible erros, e así o avalían os nosos veciños.

—Como resumiría o modelo polo que apostaron? Cales foron as claves e os pasos dados?

—É unha interpretación da realidade. As necesidades, as grandes carencias que tiña Carballo. A falta de espazo para os cidadáns. Os espazos teñen que servir para algo máis que para que circulen os coches e dean voltas buscando aparcamentos sen que os atopen. Tivemos que ir reinvestindo toda esa situación. A rúa Coruña, unha das céntricas de Carballo, onde agora hai unha actividade comercial moi importante e, sobre todo, de hostalería, naquel momento tiña dobre sentido de circulación, dobre aparcamento aos lados, dobres beirarrúas nas que non podían cruzar dúas persoas. E a do Hórreo, igual. Foi un proceso transformador gradual, dando pasos para que a propia cidadanía entendese que eses espazos tiñan que ser para desfrute, para que a xente en vez de pensar en desprazarse de Carballo a outras localidades da comarca, pensen que os demais poden vir a Carballo para gozar dun moi bo centro urbano, con moi bo comercio, con moi bos servizos de hostalaría... E, polo tanto, poñer en valor as grandes potencialidades que Carballo tiña e que ata o daquela estaban ocultas, desprazadas ou opacas.

—Levaron moitos premios por esas transformacións: os das cidades sostibles e que camiñan, Cegasal, «Alas en tus pies», Vilas en Flor, o Fiot... Cales son os pasos a seguir?

—Está citando só algúns dos premios deste último mandato, e esperemos que veñan algúns máis. Cando un concello como o noso recibe eses recoñecementos... Algúns deles transcenden de Galicia, como o do Fiot, recoñecido por un observatorio a nivel do Estado, como o evento cultural máis importante de Galicia. Algo di iso. Cando se realiza por persoas que teñen que avaliar a traxectoria e o impacto de determinadas accións de goberno provocan sobre a cidadanía... Sempre é de agradecer. Por aí teremos que seguir traballando. Dicimos dende hai tempo que Carballo ten que ser ese bo lugar para vivir. Ten que ser un obxectivo, e con iso teremos que camiñar. A transformación urbana cada vez depende máis de decisións municipais, pero tamén de fóra do Concello. Hai outras Administracións que necesariamente teñen que intervir para que todo este modelo urbano sirva para seguir mellorando a calidade de vida e as condicións de mobilidade e habitabilidade dos veciños.

—É un modelo extrapolable a outras localidades galegas?

—Eu digo que hai unha cultura da xestión municipal que é a do BNG. Cada un temos as nosas circunstancias, e non é o mesmo unha cidade histórica que unha cidade como Carballo. Aquí houbo que transformar, sempre lle vimos grandes potencialidades, e iso leva a ter un grupo de traballo forte, sólido e implicado no día a día. O trazo e as bases están moi ben establecidas. O Carballo 2030 xa está moi próximo, e ao mellor temos que poñer o horizonte máis aló. É verdade que hai obxectivos que temos que intentar acurtar neses prazos e procurar que no 2030 haxa moitas cuestións que a cidadanía formula como prioridades, que sexan para uso e desfrute dos nosos e de quen nos visita.

—Que balance fai do mandato? Do que se fixo, que destaca?

—Foron moitas actuacións transversais. Nós marcamos como obxectivo que todas as parroquias tivesen centro social de referencia, e avanzouse bastante. Nos Baños Vellos fíxose unha actuación de remodelación urbana. Para nós, os Baños, sendo un espazo que reclama moitos visitantes, é tamén zona de lecer. Había que actuar, e estamos pendentes só dunha rúa. E hai outros moitos aspectos: a cuestión medioambiental sempre foi unha preocupación permanente (e moi ben valorada por unha axencia especializada). É satisfactorio todo o que se fixo, e gratificante, pero somos inconformistas.

Evencio Ferrero
Evencio Ferrero VÍTOR MEJUTO

«En moitas cuestións, Carballo é moi exemplar» 

Evencio Ferrero analiza o que está por vir e destaca a aceptación que ten tamén dende o eido empresarial.

—De cara ao futuro, precísanse servizos en Carballo? Está a piques de abrir unha nova área comercial.

—En Carballo temos exemplos moi claros do compromiso do empresariado. Que teña unha empresa conserveira líder mundial como Calvo, a varios quilómetros do mar, amosa que hai que ser moi carballés para apostar por iso. É un paradigma dese compromiso. E vemos como o polígono está case cheo, faltan cinco parcelas, e é moi maioritariamente o empresariado de Carballo e de Bergantiños o que aposta por el. E ese último investimento que cita, de máis de 24 millóns de euros, será un referente a partir de maio. A xente ve Carballo como espazo de futuro, óptimo para seguir investindo. Hai futuro e vense as apostas.

—Que proxectos teñen pendentes para estes anos?

—En política sempre tes que ser inconformista. Se baixas os brazos mellor que veñan outros. Nós sempre cremos que Carballo merece máis, e buscaremos o mellor. Aí hai temas que transcenden ao municipal, pero son claves para o desenvolvemento futuro. Un, a ampliación do polígono. Outro, a circunvalación. Sen dúbida. Hai que evitar o tráfico pesado pola malla urbana, por unha zona escolar e deportiva de moi intenso uso. E a mellora sanitaria, algo que nos preocupa moitísimo. Eu espero que a Consellería de Sanidade poña en marcha a construción dese novo espazo, con máis servizos. E que dá aspectos como a cuestión do litoral. Intentamos conseguir fondos Next Generation, con plans para Razo e Baldaio, uns seis millóns para cada un deles, e xa cos primeiros pasos para conseguir eses fondos. E tamén ese centro social para entidades de traballo social. E a necesidade, como todos, de seguir mellorando servizos. Aí está a ampliación do abastecemento de auga e saneamento. Traballo hai moito.

—Conseguiu ese Carballo de bo lugar para vivir do que sempre fala?

—Estamos camiño de! Sempre necesitará novas actuacións e novas reflexións. Dende a xestión hai que dar pasos matizados para que non haxa marcha atrás, un continuo avance. Carballo, en moitas cuestións, é un concello moi exemplar.