O 35 % dos centros optan por libros en castelán para materias que deberían impartirse en galego, según A Mesa

La Voz

GALICIA

Alumnado traballando con libro de texto dixital nun colexio galego, nunha foto de arquivo
Alumnado traballando con libro de texto dixital nun colexio galego, nunha foto de arquivo CARMELA QUEIJEIRO

Denuncian que a distribución horaria das linguas en Secundaria non é equitativa, e que empeora co uso do libro de texto electrónico

20 mar 2023 . Actualizado a las 16:27 h.

Un informe elaborado pola Mesa pola Normalización Lingüística conclúe que o 35 % dos centros educativos públicos de Galicia elixen libros de texto en castelán para materias que deberían impartirse en lingua galega.

O estudo, elaborado pola estudante de Filoloxía Galega Nuria Fouciños e coordinado polo presidente da Mesa, Marcos Maceira, analiza e compara os proxectos lingüísticos publicados nas páxinas web dos centros educativos, que inclúen os libros e manuais que se empregan nas distintas materias, e expoñen o programa e as medidas relacionadas co fomento da lingua galega nos centros, así como qué materias se imparten en cada idioma. O informe comprobou que o 60 % dos centros educativos teñen esos proxectos desactualizados (deben renovarse cada catro anos), ou directamente non ofrecen información ao respecto. Nesa liña, Maceira denuncia que «non existe» a inspección e avaliación que a Consellería de Educación tería que facer sobre estos proxectos.

Respecto á distribución horaria das materias en Educación Secundaria, Maceira asegura que non se cumpre o reparto equitativo de horas para cada lingua que marca o decreto do plurilingüismo. Así, afirma que as leis educativas estatais, tanto a Lomce como a Lomloe, «outorgan maior carga horaria a aquelas materias nas que o uso do galego está directamente prohibido».

A xuízo da Mesa, o emprego dos libros de texto dixitais, no coñecido en Galicia como programa Edixgal, empeora a situación, xa que a presenza e diversidade de materiais en castelán é «moi superior», cando non exclusiva, o que leva a un total de 52 horas de castelán no conxunto da ESO, fronte ás 29 horas en galego, e as 16 noutras linguas. Afirman que Edixgal inclúe «un novo veto ao galego» ao introducir o castelán en sete novas materias, algo que «incumpre o marco legal e frustra calquera intento do profesorado por corrixir esta situación». 

A plataforma acusa á Xunta de levar a cabo «unha política de eliminación paulatina, intencionada e calculada da lingua galega nas clases» e de manter unha «actitude negativa constante cara a avaliación do funcionamento do decreto», unha norma que, a pesar de ser propia, leva «trece anos incumprindo sistematicamente».

Como exemplo dese incumprimento sistemático, citan o compromiso nunca realizado de desenvolver un plan de formación que garanta a todo o persoal dos centros educativos de Galicia e dos servicios de apoio unha competencia oral e escrita suficiente para se comunicar e levar a cabo a súa actividade profesional en galego, así como ter un coñemento da situación sociolingüística de Galicia.