Unha xornada con Ana Pontón: conducindo o BNG e cruzando o país ao volante do coche de sempre
GALICIA
Parlamento, catro actos con candidatos, compra e familia: así reparte o día a líder do Bloque e nai de Icía
05 mar 2023 . Actualizado a las 17:39 h.Coche diésel algo machucado, Renault de 14 anos con máis de 400.000 quilómetros, unha cadeira de bebé no asento traseiro e a líder do Bloque ao volante. Chega ben cedo Ana Pontón (Chorente, Sarria, 1977), vestida de americana azul e camiseta branca. É venres e o Parlamento de Galicia está case baleiro, por alí pasarán ese día máis nenos (hai visita do colexio Martagona de Melide) que políticos. Ela vai camiño das dúas décadas como deputada na Cámara galega (era a máis nova, con Fraga aínda de presidente), tres anos á fronte do primeiro partido da oposición e tres tamén como nai de Icía, o primeiro cargo co que ela mesma se describe nas súas redes sociais. E así, como nai e portavoz nacional do BNG, ten que repartir esta xornada.
8.20 horas
Chegada ao Parlamento e reunión de axenda. Hai reunión de preparación de semana no grupo parlamentario do BNG. Os luns están reservados para a xuntanza dos 19 deputados. Este venres o grupo é máis reducido: cinco mulleres e catro homes. Están Olalla Rodil —posiblemente a súa deputada de máis confianza, e que ven de anunciar a súa próxima maternidade— e Luís Bará, ambos viceportavoces. Os demais son o equipo subterráneo, o que non aparece nos medios. Agás Teresa Varela, responsable de comunicación (unha veterana no partido), o resto levan con Ana Pontón menos de tres anos. Están o economista Joam Romero, a xurista Ana Rúa, o coordinador do grupo Manuel Anxo Fernández, e Miguel Fernández e Andrea Vila, persoal de gabinete e comunicación. A cita nunha sala ampla do Parlamento non se vai máis aló dos 45 minutos, centrada na campaña do 8M, na lei do «só si é si» e nas preguntas que lle fará Pontón a Alfonso Rueda no Parlamento esta próxima semana. A líder pregunta, anota e puntualiza.
9.15 horas
Repaso a notas e primeiras chamadas. Di Ana Pontón que o seu despacho «é a rúa». Hai algo de slogan aí. Porque despacho ten, no Parlamento, con varios cadros cedidos pola Cámara, e só un persoal, regalo de Cesáreo Sánchez. «Pero paso pouco tempo no despacho, e na sede do Bloque, case nada», matiza. Nos estantes, unha ilustración de Pinto & Chinto, a colección de libros de historia de La Voz de Galicia ou un ensaio do historiador Carlos Babío sobre o espolio de Meirás (máis tarde volveremos aí). Tamén unha orla de Ciencias Políticas, a súa facultade (estudou entre 1996 e 2001), da promoción do ano 2017, da que foi madriña. Nese cadro están uns cincuenta alumnos e sinala profesores dos que garda moi bo recordo, como Ramón Máiz ou Celestino García. Tamén está na orla a profesora Marta Lois, hoxe man dereita de Yolanda Díaz; pero esta, recorda, non lle deu clase. Daquela, cando estudaba en Compostela, xa era militante do BNG; entrou en Galiza Nova con 16 anos. Entón, na súa casa o seu pai díxolle que non o comentase moito. «Decateime de que aínda quedaba pouso da represión franquista», comenta.
Repasa mentres toma notas entre o ordenador e o móbil. A primeira chamada é a Carme da Silva, coordinadora das municipais, por unhas eleccións que van consumir case todas as enerxías ata finais de maio. A segunda chamada é a Ana Miranda, a voz do BNG en Europa. Falan de pesca e da eólica, que agora van no mesmo saco.
10.00 horas
Primeiro acto do día. De camiño á praza de Mazarelos, na zona vella de Santiago, rúa Hórreo arriba, Ana Pontón vai repasando as perspectivas electorais. «Imos mellorar en todos os concellos», repetirá ao longo do día. O Bloque ten alcaldías en 28 concellos, e este día vai visitar unha alcaldesa nova (Moaña) e un histórico (Carballo). Tamén a dous aspirantes: un que se estrea (Sada) e unha que repite (Santiago). Esta última, Goretti Sanmartín, agarda cun grupo de comerciantes, todas mulleres —a presenza feminina repetirase durante toda a xornada—, que queren trasladar as súas inquedanzas pola marcha da cidade. «Aquí pode haber sorpasso» ao PSOE de Bugallo, confían no Bloque, aínda que a enquisa de Sondaxe non o ve tan claro. As comerciantes, unha vintena, lamentan que a zona vella estea quedando sen veciños mentres campan as tendas de recordos. «Goretti, tes moito que facer», dinlle. Será ese acto a súa primeira comparecencia ante os medios.
11.30 horas
Saída a Moaña. De volta ao Parlamento, Ana Pontón saúda polo seu nome a cinco persoas e detense cun par delas. Di que xa, logo de 28 anos, é unha veciña máis de Compostela, a única entre os líderes políticos de Galicia que non vive no concello no que naceu, aínda que confesa que lle queda sempre ese «estou de paso, a miña casa é Chorente». Alí están os seus pais Aurita e Luís, os seus irmaos (dío así, coa variedade da lingua de Lugo) e o único curmán de Icía. «Procuro ir todo o que podo, pero non é doado...», di. A axenda empeza a cargarse estas semanas. Agora toca ir ao sur, a Moaña, no seu Renault, que na chapa deixa ver o paso do tempo; o BNG non ten vehículo, tampouco chofer. Nesta ocasión conduce Miguel Fernández para que ela poida repasar datos e facer novas chamadas. Falará con Miguel Anxo Fernández Lores, xusto ao paso da AP-9 por Pontevedra. Non perde a oportunidade de recordar que foi o Bloque o que logrou os descontos na autoestrada tras o pacto de investidura para Pedro Sánchez. Pero daquel documento quedaron moitos outros compromisos sen cumprir, e co deputado do BNG descolgado das relacións co Goberno. «Eu non diría iso, somos coherentes, temos un deputado de 350, e facemos máis que o resto dos deputados galegos», subliña. Recorda que aquel acordo asinouse con Adriana Lastra —hoxe apartada no PSOE—, coa que tiña boa relación. Di que no Goberno tamén fala con Ione Belarra e con Irene Montero, ambas de Podemos. E que ten unha relación «cordial» con Yolanda Díaz. Cústalle máis destacar nomes no PPdeG e no PSdeG. Tras un silencio cita a Miguel Santalices, presidente do Parlamento; e a Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. E Alfonso Rueda? «Pois nin me chama nin nos informa de nada», remata.
12.30 horas
Sanidade como tema quente. Nótase unha especial complicidade entre Leticia Santos, de 38 anos, e Ana Pontón. A alcaldesa de Moaña —goberna en coalición cos socialistas, que aquí agora cambian de candidato— é unha muller espontánea que recibe a responsable do seu partido cunha fonda aperta. Ela forma parte dese BNG renovado e modulado que ten en Pontón a súa cara visible para intentar ampliar base electoral. Neste concello do Morrazo, a alcaldesa agarda diante do centro de saúde, onde se concentran dende hai semanas o Bloque e un grupo de veciños para reclamar ao Sergas máis médicos. «Levamos tanto tempo que cando o consigamos, que o imos conseguir, a ver que facemos», ri Leti, como a chaman no partido. Pontón gábase das alcaldesas do Bloque, e de como unha formación tan masculinizada —«como todas», puntualiza a continuación— deu paso ás mulleres. «Houbo un cambio xeracional no Bloque en 2016», explica. E cita, aparte de a Santos, á propia Olalla Rodil ou a Noa Presas. Ela mesma entrou no Parlamento para relevar a unha das pioneiras na primeira liña, a incombustible Pilar García Negro, da que se desfai en eloxios, como de Encarna Otero. Cando toca falar de homes, cita a tres referentes: Camilo Nogueira, Alfredo Suárez Canal e Paco Rodríguez.
14.30 horas
Recollida de Icía. O encontro en Moaña remata cun pequeno encontro cunha ducia de militantes (hai un cento deles no concello, segundo di a alcaldesa), nun bar de vistas marabillosas e con Mari Trini no fío musical (está soando a de «se me ha caído una estrella en el jardín», e un non sabe como interpretar ese momento). Tras un café rápido, toca saír para recoller a Icía na escola infantil. No camiño de volta, Pontón resta épica á compatibilidade da vida familiar e o liderado dun partido, máis cando os avós (esa rede de seguridade) están lonxe: «Fago o que fan miles de mulleres deste país acotío, nada máis, e o mellor que se pode». A diferenza de Rueda ou o socialista Valentín González Formoso, ela non ten un cargo de xestión, pero non resta complicación á conciliación. Icía, mentres, xa está preparada na Raiola, centro que pertenece a unha cooperativa que dirixen varias mulleres. A Ana nai e a comitiva de xornalistas de La Voz chegan nun momento delicado: os pequenos acaban de espertar da sesta. Demasiada xente de súpeto.
17.00 horas
Compra nun comercio de barrio. Icía queda na casa co seu pai, Alberte Branco, que é quen adoita levar a nena polas mañás ao cole. Director de fotografía de cinema, de Fene, algunha vez acompaña a súa parella nos actos políticos. Esta tarde, Ana Pontón chega ás Cabaciñas xusto cando Lola abre a tenda, ás cinco. É un comercio de barrio no Restollal especializado en venda de produto ecolóxico e de proximidade, sobre todo de Vedra. A tenda non queda nada preto do seu barrio, pero si está entre o Parlamento e a escola de Icía. Merca verdura de temporada e lácteos. «Ana é boa clienta», conta Lola, unha muller que fala con paixón dos produtos galegos: «Pero temos un problema, que non sabemos vendelos ben, habería que poñerse de acordo entre todos para facelo mellor». «Se coñece algunha política, igual lle fai caso», din entre risas na tenda.
18.30 horas
Co candidato de Sada a uns pasos de Meirás. En Sada o BNG vén de perder o cogoberno tras unha moción de censura que acabou coa expulsión de edís de PP, PSdeG e Alternativa. O Bloque muda a cabeza de cartel este ano, e queren que sexa Pontón quen presente persoalmente a Emilo Graña, profesor da Coruña afincado nesta vila «por amor», como di el, visiblemente nervioso no seu primeiro acto público. Estréase na política nun breve mitin que escoita entre o público Abel López Soto, rexedor nacionalista ao que se aplaude moito no acto, defenestrado por outra moción de censura nos tempos de Ramón Rodríguez Ares, «Moncho es mucho». «Sada é un lugar complicado, cunha dereita que... en fin», deixa caer Pontón. Aquí as posibilidades son menos ambiciosas que en Moaña ou Santiago.
Tamén asiste Carlos Babío, o historiador do ensaio no despacho de Pontón e unha das persoas que facilitaron o proceso xudicial que permitiu a recuperación do pazo de Meirás. «Este pobo deu unha lección, foi a primeira vez que se lles quitou un ben aos Franco en España», di Pontón; non é frecuente que diga «España», senón Estado español. Nese encontro sae o tema —xunto a sanidade— bandeira do Bloque: o «bum depredador eólico en terra e agora en mar». A líder nacionalista insiste en que o Goberno e a Xunta gobernan para as eólicas, e para «as portas xiratorias».
20.00 horas
Mitin final en terreo amigo. Cando Evencio Ferrero comezaba en política, Ana Pontón tiña apenas dous anos. Hoxe el é o alcalde de Carballo, e ela, a líder do seu partido. Evencio —así, só co seu nome, aparece nos carteis deste acto de precampaña no Pazo da Cultura— é un tipo de bo talante, que coxea lixeiramente por un accidente de hai máis de trinta anos, e que vai polos vinte de rexedor. Con carisma e capacidade de arrastre. Antes de comezar o mitin soa o himno galego que ensaian con gaitas no conservatorio, no mesmo edificio. Casualidade? A carón de Evencio, na cafetería do Pazo, están, entre outros, o músico Xurxo Souto, que agora dá clases en Carballo, e Chano Calvo, o dono da conserveira que leva o seu apelido, un dos maiores empresarios de Galicia; Calvo é amigo persoal de Evencio, sobre todo polo Clube Deportivo Xiria. A Pontón estana agardando Daniel Pérez, deputado no Parlamento e exconcelleiro en Carballo. Sabe que xoga na casa: o BNG encadea varias absolutas, é o segundo concello máis poboado que gobernan eles. Xusto antes de falar, recibe unha chamada importante: é a súa nai Aurita, para ver como foi a xornada. O salón principal do Pazo está abarrotado. Un lugar amable para rematar o día. O Renault hoxe sumou 350 quilómetros aos 400.000 que arrastra. E a campaña aínda non comezou.