É un tema recurrente na súa consulta porque o amor resulta sempre algo perturbador. Ela aposta por darlle un pouco de racionalidade
31 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.San Valentín prepara a invasión anual e pregúntolle a Victoria Canosa (A Coruña, 1968) cousas sobre o amor. Psicóloga psicosanitaria atende consultas en Ourense. Algunhas, non poucas, sobre as consecuencias de namorarse ou de perder o amor.
—Moitas consultas sobre o amor?
—Nestes tempos de redes sociais, nos que estamos todos tan expostos, as cuestións do amor son un motivo importante polo que a xente pide axuda. Porque non se ve correspondido ou porque a situación se desvirtúa porque non hai un compromiso. O amor ten que sumar.
—É un elemento moi perturbador.
—Seguro. É unha das cuestións máis importantes na vida e por iso ás veces non somos quen de racionalizar.
—Canto dura o amor romántico?
—Eu non me atrevería a dicir que dura determinado tempo, pero si que hai etapas. Primeiro aparece ese amor máis pasional que fai que esteamos enfeitizados coa outra persoa e o habitual é que iso non se poida manter moito tempo. Logo aparecen outro tipo de maneiras de relacionarnos con ese amor. Se conflúen a intimidade, a paixón e o nivel de compromiso nun cóctel equilibrado, o amor pode fluír moito tempo e, nalgúns casos, toda a vida.
—Ás veces pódese confundir amor con paixón sexual.
—Si. Pode que por ese compoñente emocional tan forte, unha atracción física ou sexual se confunda co amor absoluto. Iso non dura no tempo.
—O amor é moi bonito, pero o desamor é moi amargo. Canto máis se ama, máis se sofre?
—O desamor sempre nos doe porque é unha perda. No tempo que se mantén ese amor apréndense cousas. A medida que te desenamoras vas suavizando a caída e non é tan dura. Polo camiño podes ir aprendendo a non sufrir. Dise que a dor é inevitable, pero o sufrimento é opcional.
—O amor pódese encarar dun xeito máis racional ou vivilo «a todo filispín», como din os de Ferrol.
—O que eu vexo é que, se o vives a tope, cando falla ou se termina, hai un malestar que cada un xestiona como pode, porque ninguén o pode facer por ti. E nese afán de querer manterse nese amor que xa non existe hai unha falla de asumir as decisións de cada quen. E aí aparecen situacións de moito malestar nas que a xente se cre no dereito de seguir insistindo para que a outra persoa se manteña na relación. E iso non é bo.
—Así que o intelixente, en cuestións amorosas, é ser un pouco racional.
—Home, estaría ben. Sobre todo asumir que pode que eu queira estar con outra persoa, pero esa persoa tamén ten que querer estar comigo.
—O amor romántico ten moi mala prensa ultimamente.
—Si, porque realmente danse os estereotipos nos que se idealiza o amor e as persoas. Deixamos de estar na realidade e antes ou despois iso ten consecuencias. Eses estereotipos de pertenza non son moi sans nin realistas, porque ninguén pertence a ninguén.
—É máis difícil namorarse a medida que se envellece?
—A idade é un factor, pero non o máis determinante. Depende da historia de cada persoa. Canta máis idade, máis experiencia de vida e pode que sexa un pouco diferente. Pode que faga que a persoa sexa máis selectiva. Pero se atopas esa persoa especial, pode que o desfrutes máis.
—Un cravo saca outro cravo? Un amor cura un desamor?
—Na miña experiencia profesional non me parece unha boa idea, ao menos non tan rápido como a xente pretende. Despois dun desamor é bo estar un tempiño con nós mesmos, buscando distancia do acontecido. Un cravo non saca outro cravo, ao menos non tan rápido.
—As aplicacións de contactos...
—Son unha maneira de coñecer xente que ás veces non é fácil. Pero creo que a sobreexposición nas redes desvirtúa moito as relacións. Hai menor esforzo, menor compromiso... Dáme a impresión de que son moi utilitarias, pero entendo que eu son doutra xeración.
—San Valentín supón unha certa presión para quen non ten parella.
—Si, pero cada vez hai máis xente que non a ten e entende que o feito de tela non garante a felicidade. Ensináronnos que ter parella é o mellor, pero a realidade dinos que non.
—Vivimos con esa presión: os contos infantís, as cancións, a literatura... Todo te leva a desexar o amor.
—Todas esas mensaxes ao teu redor fan que penses que iso é necesario para ser feliz, pero non é certo.
—O amor romántico está sobrevalorado?
—Un pouquiño si. Ás veces non se discrimina o bo amor doutras cousas e teriamos que traballar máis o amor propio e logo xa acompañarnos de quen queiramos. O amor comeza por un mesmo, é o xeito de poder desfrutar despois dun amor saudable.
—Vostede namorou moitas veces?
—Polo menos, dúas ou tres. E igual podería sacar algunha máis.
—Celta ou Dépor?
—Eu son da Coruña, así que Dépor, pero desfruto tamén das vitorias do Celta.
—Defínase en poucas palabras.
—Son unha optimista que aprendeu a darlle o valor que corresponde ás pequenas cousas do día a día.
—Como aproveita o tempo libre?
—Vivo nun entorno natural, así que me gusta moito camiñar polo monte, estar cos meus, ler e desfrutar da boa compañía. E agora estou aprendendo a tocar o violín.
—Unha canción.
—Waitin’ On A Sunny Day de Bruce Springsteen. É moi enerxética.
—O máis importante na vida?
—Estar ben cunha mesma. Axúdanos a que todo o demais sexa un pouquiño máis fácil.