
O sacerdote nacido en Aguiño, que deixou a docencia pero segue a repensar sobre a fe católica dende o seu fogar en Santiago de Compostela, confésase un entusiasta do papa Francisco
26 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A palabra paixón repítese a miúdo na conversa con Andrés Torres Queiruga (Aguiño, Ribeira, 1940). Emprégaa para definir o seu amor pola lectura, o interese do último tema que investiga, o seu gusto polo traballo... O máis notable teólogo que teña dado Galicia, «fillo do mar e de mariñeiro, nacido na entrada da ría de Arousa», chega ao borde dos 83 anos sentíndose «a gusto» coa súa idade e lonxe de calquera imaxe adusta que se lle puidera presupoñer a alguén que leva décadas absorbido polas máis complexas reflexións sobre o ser humano e a fe.
Porque a tarea que Torres Queiruga botou ás costas non é pequena: achegar a relixión católica aos novos tempos, de xeito que se entenda no mundo moderno, e haxa modos de vivir a fe que encaixen coa vida actual. «Esa é claramente a miña preocupación. Porque estou convencido de que a fe só ten sentido se realmente se comprende».
Porén, o seu labor non sempre foi ben entendido. No ano 2012 foi reprendido polos bispos españois (naquel momento presidía a Conferencia Episcopal Española o tamén galego Antonio María Rouco Varela), que sinalaron que a súa obra contiña erros moi graves, contrarios á tradición da fe autorizada, polos que houbo quen chegou a pedir que o declarasen herexe. «Naquel momento a comisión da fe estaba moi controlada e con algún interese persoal de “condenarme”. Foi un episodio estraño, inxusto. Non me afectou intimamente, pero si tivo repercusión pública. A partir de entón moitos non se atreveron a invitarme a falar, en España e fóra de España», recorda.

Sen renunciar nunca ás súas ideas, segue inmerso, coma sempre, nun continuo repensar. «Agora estou metido na maior aventura da miña vida! O estudo dos misterios últimos: a divindade de Xesús, a Trindade... Levo xa cinco anos, nunca unha obra me absorbera tanto. Quería acabala este ano, pero dubídoo...», conta.
O traballo intelectual ocupa a maior parte do seu tempo,dende que deixou a docencia (deu clases na USC, por exemplo). «O meu é o tempo do xubilado, tes todo o do mundo, pero é un pouco monótono. Leo moito para o meu traballo, e escribo, pero no fondo boto de menos un tempo máis repartido», confesa, revelando tamén algúns dos seus hábitos: «Sempre soñei con madrugar moito, pero como sempre me deito tarde, ás veces á unha ou unha e media, case nunca me levanto antes das oito».
Admirador do papa Francisco
Polo seu labor de estudo e divulgación viaxou por moitos países, algo que agora case non fai. Estivo, de feito, en Bos Aires na época na que o actual papa Francisco era cardeal, aínda que non chegou a ter contacto con el. «Eu son un entusiasta deste papa. Coido que pasará á Historia como un dos máis grandes. Comprendeu moi ben que a Igrexa ten que actualizarse. A súa é unha revolución tranquila, pode que cando falte queiran reaccionar contra el, pero xa hai cousas que non van poder cambiar: atopou unha Igrexa tremendamente autoritaria, e el chegou cun talante enormemente democrático, hai cardeais que se lle opoñen abertamente e permíteo, o que veña detrás xa non poderá, aínda que queira, prohibir a crítica. E introduciu todo un estilo de vida: vive fóra do Vaticano, leva zapatos vellos... Téñolle un respecto profundo», explica.
Dende hai anos, Torres Queiruga vive no que recoñece como un dos seus lugares favoritos no mundo: Santiago. «Levo xa máis tempo aquí ca en Aguiño e estou moi contento. É unha cidade moi humana, podes ir andando a calquera lado... Hai semanas que nin saco o coche do garaxe. Se non vivira aquí gustaríame Sevilla, é moi bonita, moi plana tamén... só lle sobra calor».
Non o di, pero é posible que na cidade andaluza tamén botase en falta o acento galego, porque Torres Queiruga é membro da Real Academia Galega, e participou na primeira e premiada tradución da Biblia ao noso idioma. «No tema do uso do galego na Igrexa andamos mal, fomos cara atrás, como os caranguexos. Tivemos mala sorte. Entre a xerarquía non houbo interese en identificarse coa cultura galega, co pobo», opina. Non obstante, el está seguro de que un Xesucristo que viñese a Galicia «falaría en galego, estou convencido, porque Xesús andaba “con malas compañías” (é o titulo dun libro alemán), cos pobres, cos necesitados, ha ha ha...».

Fun e son
Sacerdote, filósofo, teólogo, autor de libros como «Repensar a revelación», «Repensar a resurrección», ou «Repensar o mal», e membro da Real Academia Galega