Adrián Mosquera, deportista paralímpico: «Sen a lesión non coñecería a piragua»

Candela Montero Río
Candela Montero Río REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Adrián Mosquera a semana pasada no clube no que adestra en Boiro
Adrián Mosquera a semana pasada no clube no que adestra en Boiro CARMELA QUEIJEIRO

Chegou ás paralimpiadas de Tokio e foi campión do mundo na súa disciplina. Agora adestra a diario en Boiro, coa vista posta nos Xogos de París, mentres se prepara tamén como adestrador

19 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Era «un neno de 12 anos» cando, saíndo de clases particulares, un camión o «levou por diante». A partir dese día Adrián Mosquera (Rianxo, 1996) tivo que aprender a vivir sen a perna dereita.

Pero sempre tivo claro que iso non o ía frear: «En canto puiden andar medianamente ben coa prótese, saín á rúa a intentar facer o mesmo que antes». ¿Cómo o fixo? «Tiven que experiementar e aprender moito, pero ía vendo que a maioría das cousas podíaas facer igual», explica. E entre esas cousas que «facía antes» estaba o deporte e, en concreto o fútbol e o remo, os que sempre practicara. O accidente levouno a decantarse polo segundo: «Seguiría no deporte, iso seguro. Pero ao mellor se non tivese a lesión non coñecería a piragua, se cadra seguiría no fútbol», reflexiona. «Cando retomei remo non estaba pensando no mundo paralímpico, comecei como unha afección, por volver facer deporte coma antes», recorda.

Despois pasou ao piragüismo e no 2014 púxose «en serio»: empezou a adestrar a tempo completo no clube de Boiro «e pouco a pouco foron saíndo as cousas». Naquel momento o seu obxectivo eran os xogos de Río do 2016, pero estaba «moi verde». Aínda que non puido ser daquela, as cousas foron indo, como el mesmo di, «pouco a pouco, cara arriba»: incorporouse ao equipo nacional, foi campión da Copa do Mundo Paracanoe de Piragüismo no 2021 (na que quedou segundo o ano pasado) e cumpriu o seu soño: chegar ás paralimpiadas.

No 2020 converteuse no primeiro piragüista galego en participar nuns xogos paralímpicos. Aínda que Tokio 2020 estivo marcado pola pandemia, Adrián defíneo como «algo que non ten comparación no mundo do deporte». «Creo que quedou na metade do que ía ser, pero aínda sendo a metade foi unha experiencia inesquecible», lembra.

Segue collendo a piragua a diario, co seu adestrador «de sempre» e cos ollos postos nos Xogos de París 2024. ¿E despois? «A raíz das próximas paralimpiadas xa teremos que valorar, dependendo no posto en que quedemos, se compensa seguir ou non», sentencia Mosquera. «Se vai ben, a miña intención e seguir todo o tempo que poida, pero se vemos que imos quedando atrás non podemos continuar catro anos máis», engade.

En calquera caso, Adrián xa pensa noutras opcións para cando teña que dicir adeus ás competicións, por iso dedica as fins de semanas a formarse como adestrador: «Tamén teño estudos no ámbito da administración, pero gustaríame contar con esa saída para seguir vinculado a este deporte», explica.

Non sabe onde estará de aquí a dous anos, o que é seguro e que seguirá camiñando, coma ata agora, con paso firme: «Ninguén me deu para atrás nin me excluíu a raíz do accidente. Non tiven ningunha dificultade a maiores, excepto que a día de hoxe queda esa cicatriz de que falta unha parte do corpo».

Fun

Un neno que quería ser deportista e perdeu a perna

Son

O primeiro piragüista galego en participar nuns xogos paralímpicos e futuro adestrador