Segunda idade e 3/4

GALICIA

ALBERTO LÓPEZ

Primeiro paradoxo. Cando se alcanzan uns anos en que poden ser meirandes os gastos médicos ou asistenciais, os ingresos minguan e, no caso de tantas pensións, son exiguos. Segundo. Cando a persoa acumula por idade a maior carga de distintividade, é adscrita ao grupo homoxéneo dos “vellos”, a terceira idade ou calquera outro eufemismo. Terceiro. No período da vida en que máis precisos e prementes se fan os servizos públicos, os vellos pasan a ser mercadoría suculenta para un negocio de centros ou residencias que cumpren ou non os requisitos necesarios. Cuarto. O valor da experiencia, do traballo de outrora, do coñecemento e dunha práctica social valiosa non están na moda. Son o contrario do presentismo, do efémero, do último grito.

E, porén... Examinemos o público asistente a concertos, conferencias, exposicións, actos culturais en xeral: a media de idade é ben alta. A ximnasia mental continúa viva, a despeito mesmo de condicións físicas mermadas. Tal diríamos do alumnado da Universidade Senior, atentísimo e ávido de aprender e de contrastar o sabido coas novidades correspondentes.

Un meu parente fala dun clube informal que el chama «Avoas e avós sen fronteiras», prestos sempre a axudar na crianza dos netos, comida, loxística e outros mesteres que requer a educación infantil. Se estes servizos se pagasen, non habería orzamento público que resistise. De modo e maneira que: abaixo o paternalismo e a condescendencia! Os vellos non son un rabaño uniforme e homoxéneo nen uns incapacitados para a vida moderna (moderna?). O combinado do tradicionalismo de antano co exacerbado individualismo de hogano é perverso. Por tanto: respeito, compaixón (no sentido etimolóxico), atención personalizada, estima do que fixeron e fan.

Como hoxe non somos ninguén se non nos asociamos a un sub-sub-grupo, elevado despois a grupo con maiúsculas, servidora declárase membro da segunda idade tres cuartos, integrante futura da Galiza Vella, perdón, entrada en anos. Anótense as/os interesados.