Os lingüistas rexeitan laiarse polo uso do galego e urxen accións políticas e sociais

Manuel Varela Fariña
Manuel Varela SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

CARMELA QUEIJEIRO

O presidente da RAG advirte de que o idioma aínda «está vivo», pero que cómpre maior compromiso cara el

23 dic 2022 . Actualizado a las 18:14 h.

Os datos do INE sobre o uso do galego, que por primeira vez é superado polo castelán como lingua maioritaria, afondan na crise do idioma. «Sempre batemos co mesmo ferro sen poñer compromisos e iniciativas enriba da mesa», protesta Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega. A nova non colle a ninguén por sorpresa. O do INE é un estudo máis que retrata esa realidade, como tamén foi o publicado pola RAG hai algo máis dun ano a partir do caso concreto das escolas infantís de Ames. «As familias que fan o esforzo de transmitir o galego aos seus fillos atopan que, cando contactan co sistema educativo, de forma inmediata ou tras varios meses, volven á casa falando castelán ou castrapo», explica un dos seus autores, Henrique Monteagudo.

Pero dende a academia rexeitan «botar as mans á cabeza coma sempre». «Hai unha hipocrisía social de laiarse e que ninguén se mova. É un problema político, pero tamén de compromiso do conxunto da sociedade», alerta Freixanes, que fai unha versión da frase de Kennedy: «Non te preguntes que fai o galego por ti, senón que podes facer ti polo galego».

A chave de todo, ou polo menos a máis preocupante, está entre a xente nova. O INE reflicte que contan cunha boa comprensión lectora e escrita, e capacidade para falalo e escribilo, mais non o levan ao seu día a día. «Temos problemas na socialización, faltan espazos de socialización para o uso do idioma con naturalidade: no traballo, no ocio...», enumera o presidente da RAG.

Freixanes avoga por reflexionar cara «un gran pacto social pola lingua», con iniciativa política, pero tamén a partir de cada un. Malia todo, sinala que o galego é unha lingua «que está viva», e pon como exemplo os preto de 40 millóns de consultas no dicionario online da RAG, pero que é preciso «mollarse e comprometerse coa lingua».

A Mesa pola Normalización Lingüística tamén interpreta que esta situación é «reversible». Aínda así, o seu presidente, Marcos Maceira, insta á Xunta a impulsar unha política lingüística que «garanta a presenza e a posibilidade» de usar o galego en todos os espazos. Tamén reclama que suspender o popularmente coñecido como decreto do plurilingüismo no ensino por ter contribuído a esta situación de perda de galegofalantes.

Unha solución pragmática

Dende a outra academia que estuda e fomenta o idioma, a Associaçom Galega da Língua (Agal), o seu presidente, Eduardo Maragoto Sanches, lamenta tamén a «falla de visión estratéxica» para evitar chegar a este momento. Igual que Freixanes, pensa que existe un «debate falso» a partir dos datos do INE, de alarmarse pero non tomar medidas. Apunta a outras sociedades, como a vasca ou catalá, onde o idioma propio tamén perde falantes. Mesmo en culturas coa cobertura dun estado, como en Irlanda co gaélico, en Islandia co islandés ou, incluso, en Portugal, onde o inglés gaña terreo e coñecemento entre os mozos. A diferenza radica aquí, segundo Maragoto, na rede internacional coa que conta a lusofonía, a mesma que pide aproveitar co galego.

«Son optimista, pero debemos enfocar ben os obxectivos. Non ten sentido prolongar indefinidamente a estratexia de convencer a cada galego por puro sentimentalismo ou patriotismo», argumenta o filólogo, que reclama que o galego pase a ser «útil» para quen queira empregalo. «Non hai que gañar falantes, senón usuarios de calidade, que se sintan cómodos usando a súa lingua», continúa.

Chama así a que o galego una o seu camiño co portugués para ter «un futuro garantido». «Tornarémonos en privilexiados porque falaremos directamente con trinta países. Esa é a maior plusvalía que ten o galego», afirma o presidente da Agal, que considera que isto permitiría manter «o galego máis xenuíno, pero aproveitando unha oportunidade».

Rueda recoñece a «obriga» da Xunta de fomentar o seu uso e Pontón lembra o «ataque» co decreto do plurilingüismo

O estudo deixa distintas interpretacións entre os líderes políticos, aínda que coinciden en ser optimistas malia todo. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lembrou onte que os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, publicados en setembro, aínda situaban ao galego lixeiramente por enriba do castelán. Iso si, recoñeceu a «obriga» do Goberno galego de «fomentar o seu uso» e que «quen queira usar o galego o poida facer en calquera circunstancia». Ademais, subliñou que en Galicia hai unha «cordialidade lingüística» que, segundo el, non existe noutra comunidade bilingüe. Rueda apuntou tamén á incorporación do galego ás novas tecnoloxías como chave para a «pervivencia e medre dos galegofalantes». Nesta liña, apuntou a iniciativas como o Proxecto Nós, en colaboración coa Universidade de Santiago.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, entende que os datos «demostran que a política lingüística do PP supón un ataque directo para o presente e o futuro do galego». Apunta así ao popularmente denominado decreto do plurilingüismo, que segundo a líder nacionalista «non era máis que a coartada» dos populares para «quitarlle espazo ao galego no ensino». Denuncia que este decreto vulnera a Lei de Normalización Lingüística e propicia as queixas de pais e nais que ven como «os seus fillos e fillas entran pola porta da escola falando galego e saen falando castelán». Esta medida supuxo, continúa Pontón, «avanzar no monolingüísmo en castelán», ademais de supor un «fracaso» na aprendizaxe para o inglés. A estatística do INE sitúa a Galicia á cola das comunidades en coñecemento deste idioma, un punto que tamén salienta o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso: «A promoción do inglés foi a escusa que empregou Feijoo para reducir o peso do galego na escola».

«O PP nunca creu na conquista de novos espazos de uso para o galego, como o leva demostrando dende o ano 2007, cando con Feijoo á fronte rachou o consenso para regular o uso da lingua propia nas aulas», di en referencia aos apoios dos dirixentes populares á plataforma Galicia Bilingüe neses momentos.

Pontón fala dun «terrible balanzo da políticas lingüística» da Xunta, aínda que advirte de que é posible «reverter a situación» para impedir a perda dun «sinal de identidade e de orgullo» que conecta aos galegos «con máis de 300 millóns de persoas» a través dunha lingua propia. «Hai que devolverlle ao galego o seu papel protagonista no ensino, acabar coa nefasta realidade de ter unha escola pública desgaleguizadora e usar os medios públicos para xerar contidos para a infancia e a adolescencia», propón.