O número de mozos que falan castelán multiplica por catro aos galegofalantes

GALICIA

O castelán xa supera ao galego como idioma máis empregado en Galicia
22 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Hai só dez anos, cando o Instituto Galego de Estatística publicou os datos, o 43 % da poboación era monolingüe en galego. O idioma levaba xa anos perdendo usuarios, pero esa tendencia quedara estancada dende había un tempo. Os últimos rexistros oficiais que permitían medir o estado de saúde da lingua publicáronse no 2018. Reflectían aínda que o galego era o idioma maioritario para algo máis da metade da poboación, entre o que un 21,5 % dicía ser monolingüe nel. Unha nova enquisa do INE, difundida esta semana e que complementa a actualización do Censo 2021, racha con todo aquilo e sitúa xa ao galego por debaixo do castelán en número de falantes por unha diferenza de 25.000 persoas. E o panorama é aínda peor.
Os galegofalantes son minoría en todos os segmentos de idade, especialmente entre os máis novos. Hai 231.757 menores de 20 anos que se expresan a diario en castelán fronte aos 64.265 que o fan en galego. Algo máis, 76.193, empregan ambos idiomas indistintamente. É dicir, cómpre multiplicar por catro o número de galegofalantes para igualar os de castelán. A fenda vaise fechando segundo aumentan os anos, pero o galego non volver ser superior ata cumpridos os sesenta. A partir desa franxa de idade, o idioma conta con preto de medio millón de usuarios, máis do dobre que en castelán.
O seu uso muda tamén en función do contexto. O 34,8 % dos enquisados fálano sempre cando están na casa ou en familia. Esa porcentaxe baixa seis puntos se é rodeado de amigos, e cae dez, ata o 24,3 %, cando un se expresa no traballo. No ambiente laboral, un de cada cinco galegos nunca fala no seu idioma.
O estudo volve rexeitar unha expectativa optimista sobre o futuro do galego cando se observa o seu coñecemento. É certo que un 92,7 % di entendelo perfectamente e un 83 % recoñece saber falalo e lelo. Pero ao debullalo por idades, o INE alerta de que o 7,6 % dos mozos menores de vinte anos aseguran non poder falar nada de galego, mentres que outro 21,7 % recoñecen facelo con dificultade. Na linguaxe escrita, malia terse criado todos co idioma como materia obrigatoria durante os seus estudos, só o 73,2 % fano ben —a porcentaxe só baixa entre os maiores de 60 anos, cuxa inmensa maioría non gozou de educación en galego—. Hai un 15,4 % que non son quen de escribir en galego e outro 17,4 % que admite ter dificultades para facelo.
Santiago, onde máis
O INE tamén desagrega o número de falantes en grandes municipios. Os datos amosan que apenas hai diferenzas entre as cidades de Galicia, nas que A Coruña ten a menor porcentaxe de persoas que saiban galego. En concreto, o 89,6 % do seus habitantes. En Santiago acadase a maior proporción, cun 92,2 %. Ademais, en Madrid e Barcelona rexístranse 38.241 e 19.624 persoas que poden usar o idioma, respectivamente.

O galego é a lingua maioritaria dos veciños en oito de cada dez concellos
Tres cuartas partes da poboación censada en Galicia fala galego, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Algo máis do 30 % fano sempre neste idioma, unha porcentaxe similar a do catalán en Cataluña e dez puntos superior a do éuscaro no País Vasco. Así, o galego é a lingua maioritaria para algo máis da metade da poboación —hai un 21,5 % que din que o empregan máis que o castelán no día a día—. Estes datos, que se desprenden da enquisa estrutural a fogares de 2018, son practicamente unha repetición dos recollidos cinco anos atrás. O idioma vive, polo tanto, unha situación de estancamento durante a última década, se ben hai grandes diferenzas dentro do territorio e se se bota a vista atrás no tempo. No ano 2003, o 43 % da poboación era monolingüe en galego.