Alberto Varela: «Ou reformamos o financiamento local ou os servizos públicos resentiranse»

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

O presidente da Fegamp reclámalle á Xunta que poña «hora e lugar» para retomar as negociacións

24 nov 2022 . Actualizado a las 11:51 h.

Alberto Varela Paz (Vilagarcía de Arousa, 1975) é presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) dende o 2019 e alcalde da súa vila natal polo PSOE dende o 2015. Onte presentou un «moi rigoroso e denso» informe que retrata as eivas do sistema de financiamento dos concellos, que arrastran un déficit de 624 millóns de euros por competencias que non son deles ou comparten coa Xunta. A súa intención é que a análise sirva para abrir unha negociación co Goberno galego que está pendente dende o 2006 e debe deixar fóra de perigo os servizos públicos.

—Ata cando poden aguantar os concellos un déficit tan forte?

—Os gastos correntes dos 313 concellos aumentaron de forma exponencial por causas que sufrimos todos os cidadáns, como a factura da luz ou os carburantes. Iso non veu acompañado dun aumento proporcional dos ingresos. Se lle engadimos que cada vez asumimos máis competencias sen ampliar os recursos, a situación é grave, de afogamento.

—Supoño que o pasan peor os concellos pequenos, que tamén son os máis envellecidos, non?

—Estamos reivindicando, tamén a nivel estatal, que se teña en conta o envellecemento e a dispersión da poboación da nosa comunidade, que fai os servizos moito máis custosos. Por exemplo, a recollida do lixo ou a axuda no fogar, calquera pode entender que nun concello máis disperso os gastos de desprazamento provocan que sexa moito máis cara.

—A Xunta, polo financiamento autonómico, recibirá 9.402 millóns no 2023, un 17,6 % máis que este ano. Canto irá aos Concellos?

—Unha das cuestións que estamos pedindo é que estea estipulado por lei que parte dos ingresos da comunidade teñen que ir aos concellos. Así non teriamos que estar ano tras ano mendigando a suba do que se lles reparte aos 313 concellos por criterios obxectivos, que está conxelado dende hai máis de 12 anos.

—Como pode ser que non estea lexislado, hai reticencia da Xunta?

—Normalmente as Administracións que se consideran superiores teñen esa tendencia á tutela da Administración local. Parece que consideran que os fondos están mellor investidos se nos din eles en que temos que gastalos. Evidentemente é máis vendible pola súa parte se deciden eles que se o fan os concellos. Pero despois de tantos anos de democracia os concellos xa demostramos que somos maiores de idade, que somos responsables, e que non precisamos que outras Administracións nos veñan dicir «ou eses fondos os invistes nisto ou non hai fondos».

—Na crise do 2008, a lei Montoro puxo os concellos baixo vixilancia. De aí a tutela?

—As Administracións locais eran as que menos débeda tiñan, pero foron ás que máis obrigacións se lles puxeron. Puxéronse normas, regras de gasto, limitacións aos cadros de persoal, que espero que nunca volvan entrar en vigor. Púxose o foco sobre os concellos e, non obstante, o artigo que dicía que unha competencia ten que estar asumida só por unha Administración foi recorrido polas comunidades, e en Educación seguimos compartindo gastos, pero non competencias. É unha lei para esquecer.

—Pensa que a Xunta dialogará?

—A situación non dá para máis: ou reformamos o financiamento ou os servizos públicos resentiranse. E non o entendería doutro xeito porque se chegou a un acordo [no 2006] e hai que respectalo. Que a Xunta poña hora e lugar.

—O Pacto Local data do 2006, por que non se avanzou ata agora?

—Penso que por algo que xa falamos, por esa sensación de tutela por parte doutras Administracións, que pensan que é mellor que eles digan en que temos que gastar os cartos. Entendo que aqueles que transfiren os fondos perderían certa presenza, pero ao final o liderado debe telo a cidadanía.

«A Xunta ten que asumir o investimento na gratuidade das escolas infantís»

O presidente da Fegamp critica que non se recoñeza a colaboración que os concellos teñen en iniciativas como a gratuidade total das escolas infantís.

—Que custe ten esa medida para as arcas dos municipios?

—A nivel global estamos estudando canto pode supor. Pero podo poñer o exemplo de Vilagarcía. É unha cidade de 37.000 habitantes cun orzamento nos últimos anos de preto de 27 millóns. Ten tres escolas infantís, dúas do Consorcio e outra municipal. Teñen un custe para o Concello, descontada a contribución da Xunta, de 300.000 euros. É unha cantidade moi importante. Os concellos seguimos poñendo esa parte porque cremos na gratuidade, pero ten que ser a Xunta a que asuma dende o próximo ano o investimento completo.

—Critica que os concellos non participan na redacción das leis que lles afectan. Pasou iso, por exemplo, coa recente lei da auga?

—Foi unha oportunidade perdida porque é un tema vital. Aceptouse algunha alegación, pero como en todas as leis. O que pedimos é que as leis que teñan incidencia nos concellos, que menos que sexamos partícipes na elaboración. Ocorre por exemplo en Andalucía, e ten lóxica. No caso da lei da auga agora hai dúbidas sobre como se van pagar os investimentos. Un terzo os concellos, un terzo a Xunta, e o outro terzo? Agora hai que buscar ese financiamento.

—Que máis habería que revisar?

—Entre outros, levamos anos arrastrando o mantemento dos colexios e servizos claramente sanitarios como os de adiccións ás drogas. Avanzouse algo, pero había concellos con gastos en centros de saúde. Son cousas que se teñen que clarificar con urxencia. Non podemos lastrar as arcas municipais con gastos nos que non temos capacidade de xestión.