Jacobo Rey, director xeral de Familia: «No parque coas fillas pásoo pipa»

GALICIA

Rey Sastre, fotografiado en la plaza de Mazarelos
Rey Sastre, fotografiado en la plaza de Mazarelos Sandra Alonso

Casado e con dúas fillas, desde setembro do 2020 é o responsable de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social

13 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Jacobo Rey Sastre (Santiago, 1981) chega á entrevista cun parauguiñas de bordo rosa, un chaleco talla infantil baixo o brazo e un chupete no peto. Temos de tempo para a entrevista o que dura a quenda de adaptación da súa filla pequena ao cole. A conciliación ten esas cousas. Imos aló.

—Está a piques de facer dous anos no cargo, que balance fai?

—Moi positivo, porque é unha área moi bonita e foron dous anos moi intensos, por seguir traballando en proxectos que xa tiñamos, como as casas niño, e sobre todo pola gratuidade das escolas infantís, que foi un salto cualitativo no que é política social de infancia. Sinto moita satisfacción de que Galicia sexa referente. Non é fácil destacar cando somos 17 comunidades.

—Ao director xeral de Familia, quédalle tempo para a súa?

—Creo que todo é cuestión de organizarse. Gustaríame pasar moitísimo máis tempo coa miña familia [está casado e ten dúas fillas], pero cando ocupas determinados cargos tes que renunciar a cousas, non podes pretender ocupar un cargo político a tempo parcial, se non, non o aceptes. Pero creo que moitas veces non é cuestión tanto do tempo que pasas cos fillos como da calidade dese tempo. Non son un pai perfecto, as miñas fillas usan a tablet como todos, e hai veces que ven máis debuxos dos que me gustaría, pero tento que gocen de estar comigo. Eu, por exemplo, vou ao parque con elas e pásoo pipa.

—Pois o parque é o pesadelo de moitos pais...

—(Risas) Realmente é unha ferramenta para socializar os nenos, pero tamén os pais. Ademais, como non me coñecen, aproveito para facer de comercial dos produtos da consellería. Vexo a uns pais cun bebé e pregúntolles: «Pedístedes a Tarxeta Benvida? Que tal funciona?». Aproveito e fago estudo de mercado no parque.

—O seu cargo fala de dinamización demográfica. Tocoulle a misión imposible?

—Ante isto hai dúas opcións: unha é renderse, cruzarse de brazos e dicir que é irremediable. A outra, tomar medidas para intentar reverter a situación. É moi complicado porque é un problema que se dá en todas as sociedades occidentais, e en Galicia o saldo vexetativo xa era negativo cando eu tiña cinco anos, e agora teño 41. Pero iso non quere dicir que deixemos de traballar para darlle a volta á situación. Galicia ten moitos recursos para intentalo, por exemplo o retorno de emigrantes.

—Imaxine que queda a tomar café cun deses emigrantes galegos. Que lle di para animalo a vir?

—Diríalle que ten as portas abertas para vir cando queira e como queira. Que vai ter unhas oportunidades de progresar na súa profesión e na súa vida que probablemente non teña noutros lugares. Que Galicia é o sitio onde mellor se vive do mundo, e o mellor sitio para formar unha familia, que temos unha protección social e á familia que non hai noutras partes de Europa ou do mundo, e que aquí temos de todo. Pode elixir se quere vir a unha vila mariñeira, a unha de montaña, a unha cidade moi poboada, a unha aldea tranquila... Iso non o hai en todos os lados.

PILAR CANICOBA

—Está na política institucional, pensou en dar o salto á política de partido?

—A verdade é que estou tan centrado no meu traballo de xestión que tampouco o pensei. Pero hei de dicir tamén que nunca me pediron o carné para o que fago, xamais. Obviamente o meu pensamento vai na liña do partido que goberna, o raro sería o contrario.

—Vostede era xornalista, como leva o de pasar de preguntar a ser preguntado?

—Fatal! Fatal, fatal, fatal. Sobre todo porque cando me fan algunha entrevista ao día seguinte léoa e arrepíntome sempre por que non dixen isto, porque non dixen o outro... nese sentido son moi esixente. É certo que tamén intento sacar partido de ter estado no outro lado, e intento preparar ben as entrevistas, ir cos deberes feitos, porque eu antes de respostar, preguntei.

—E quen dá máis medo, os xornalistas ou os deputados cando toca comparecer no Parlamento?

—(Risa) A miña experiencia tanto cos xornalistas como no Parlamento é moi positiva, a verdade. Sobre todo porque hai sempre respecto, tanto cando traballo cos medios de comunicación como cando vou ao Hórreo. O que si é certo que impresiona cando chegas ao hemiciclo, sobre todo porque eres consciente da responsabilidade que tes.

—Sería quen de definirse en poucas palabras?

—Eu creo que son unha persoa totalmente normal. E síntome realmente moi afortunado porque nunca pensei que chegaría a facer o que estou facendo. O que si, teño sempre o medo constante de non estar á altura do que se me pide, e iso faime ser moi esixente no traballo.

—Ten algún referente, alguén que o inspire?

—Santa Juana de Lestonnac. É a fundadora da Compañía de María, que é o colexio no que eu estudei. Formaba parte dunha familia francesa de moito avoengo e aló polo 1600 renunciou a todo e abriu un colexio só para nenas, porque daquela a muller non tiña posibilidades de educación. É curioso realmente reivindicar a unha relixiosa feminista no 1600 como era ela.

—É dos que cantaruxan mentres traballan?

—Cantaruxar non, pero sigo un consello que lle lin a Pedro Puy nunha entrevista na que dicía que el poñía a Bach, que con esa música aumentaba o rendemento. Así que eu poño a Mozart, e déixoo de fío musical no despacho. É agradable, gústame, a verdade é que si que estás máis concentrado.

—Nin Dépor nin Celta. A vostede hai que preguntarlle polo baloncesto, concretamente polo Obra.

—Correcto. Ademais o meu tío foi o primeiro capitán do Obradoiro. Gozo cos partidos, gústanme moito. Agora coas nenas vou menos, porque non dá o tempo para todo, pero como se soe dicir, o baloncesto é o máis importante das cousas pouco importantes.