«Esta reforma non vai animar a máis persoas a vir, pero si a regularizar aos que xa están aquí»

Manuel Varela Fariña
M.Varela REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

Rubén Lois é catedrático da USC e vicepresidente da unión Xeográfica Internacional

17 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e experto en demografía Rubén Lois (Palas de Rei, 1961) observa na reforma do regulamento unha oportunidade para normalizar a situación das persoas en situación irregular na comunidade.

—Que impacto terá a nova norma?

—Non é que vaia a animar a máis persoas estranxeiras a vir, pero si a facilitar a regularización e inserción dos estranxeiros que xa están aquí. Temos, principalmente, dúas situacións: unha lexislación moi restritiva, facendo excepcións coma cos ucraínos ou venezolanos por razóns políticas, cunha taxa de concesións de residencia para refuxiados moi baixa e con moita lentitude; e na inserción laboral, dicíase que só poden atopar postos de traballo que non foran cubertas por españois. Moitos son traballadores para enrolarse en barcos, aí si que dan permisos a estranxeiros. Hai sectores concretos menos especializados que non se dan cuberto e aínda así se dificulta a inserción. Nun contexto laboral mellor, como o actual, esta lei permitirá a integración das persoas en situación irregular.

—Non tanto a atraer xente logo.

—Non tan importante. Tivemos vagas moi fortes cando hai conflitos bélicos, pero entraron moi poucas persoas. O problema é que che concedan residencia ou permiso provisional pero á vez che poñan dificultades á hora de traballar. Esta nova lei é o intento de que polo menos os que están no limbo se lles facilite traballar en máis sectores. Coa inmigración sempre houbo man moi dura e non se viron grandes cambios en relación a outros países. En España hai unha gran bolsa de inmigrantes que cómpre regularizar.

—Afondará na integración?

—O mercado laboral funciona. Hai ameaza de crise pola inflación e a enerxía, pero a economía segue crecendo. Con esta lei se regularizan casos estraños como o de evitar a inserción laboral pero sen chegar a expulsar aos migrantes en situación irregular.

—Por que hai unha poboación inmigrante tan baixa en Galicia?

—Neste caso hai dúas Españas: a mediterránea e madrileña con porcentaxes máis altas e a Iberia húmida, na que rolda o 5 %. Isto é porque van a grandes cidades, hai un efecto chamada importante. O recrutamento de man de obra pouca cualificada, como na construción ou nas colleitas, é máis alta no sur. Tamén, subsidiariamente, na hostalería. No bum construtivo no norte, por exemplo, non se produciron desenvolvementos tan fortes. Logo están as redes: cando chegan migrantes de Marrocos, Senegal ou Ecuador, eses primeiros van as grandes cidades e fan un efecto chamada.

—E os descendentes da emigración galega en América?

—Moitos conservaron a dobre nacionalidade. Son migrantes reais porque cambiaron de domicilio, pero non son dende o punto de vista legal porque xa tiñan pasaporte español.