María Souto, meteoróloga: «Ímonos ''mediterraneizar''»

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

A popular muller do tempo asume que o seu entorno lle pregunte se choverá ou fará sol e advirte que a seca vai para largo

05 ago 2022 . Actualizado a las 18:18 h.

Só tes que pechar os ollos e escoitar a María Souto (A Coruña, 1971) para darte conta de que estás a falar con alguén da familia. A súa voz leva anos dando novidades sobre brétemas, treboadas, anticiclóns e outros fenómenos que condicionan as nosas vidas. Este verán só fala dunha cousa: a calor.

—Non vivira moitos veráns como este.

—Está sendo moi seco e cálido. Falta chuvia, pero é o lóxico no verán. O extraordinario é o tema das temperaturas, o de non poder durmir ben tantos días. Non me estraña que sexa o tema de conversación.

—Fálase de rexistros históricos.

—Eu estou máis na predición que nos datos. Pero este xullo, dende logo, foi extraordinariamente seco. Choveu como moito, un día.

—Hai quen di que isto é para sempre. Temos que acostumarnos a esta calor?

—Hai unha tendencia a un aumento da temperatura media, chove de forma distinta, máis torrencialmente, dun xeito ao que non estamos acostumados en Galicia. Os modelos climáticos apuntan a este cambio, que non sabemos cantos anos vai durar.

—Pois se segue así, aos galegos vainos cambiar o carácter.

—Ha, ha. Pois si. Ao mellor ímonos mediterraneizar, se é que existe esa expresión. Teño un compañeiro que vive en Santiago que di que se vai comprar un aparato de aire acondicionado porque non durme polas noites. Iso hai quince ou vinte anos era impensable.

—Tamén cambia a forma de ver a meteoroloxía.

—Si. Hai xente que ten o coche no garaxe, cólleo pola mañá, déixao pola tarde e non é consciente das condicións meteorolóxicas salvo o fin de semana, que quere pasear. Antes había máis xente que vivía no campo, facía máis actividades no exterior. Nós vemos que o que pasa de luns a venres non ten tanta demanda como o que pasa a fin de semana.

Edgardo

—Seguro que o seu entorno lle pregunta moito polo tempo. Igual chega un momento que resulta molesto.

—Si, si que me preguntan: unha voda, vacacións... Pero non é algo que me moleste ou que me angustie. É parte do meu traballo e case da miña vida. Hai anos que non estou na tele, pero cando estaba, non me preguntaban só a min, senón aos meus pais, ao meu marido e aos meus fillos na escola.

—E iso que agora todos temos no móbil unha aplicación bastante fiable de predición meteorolóxica.

—Si, pero eu tamén entendo que falar en persoa con alguén che dá outra seguridade. A frase é: «Pero mírame ti aí». Aquí, a Meteogalicia, chámanos moitísima xente, aparte dos medios de comunicación: profesores que queren facer unha excursión, produtoras que non saben se gravar en exterior ou interior, moitísimo gandeiro que ten que segar a herba, particulares que queren facer unha festa... Hai que ter en conta que vivimos en Galicia e que, aínda que haxa moita información, podemos ter de todo nas 24 horas do día. Temos a variabilidade meteorolóxica e a variabilidade xeográfica. Pode haber 42 graos en Ourense e 18 en Malpica... É complexo, e non é unha escusa. Ás veces pídennos un titular corto, pero os titulares son veleno.

—Algunha vez chamará alguén indignado por erros na predición.

—Si. Nas redes sociais tamén poñen algún comentario. Algunha vez pasa, pero hai que ter en conta que as predicións non son exactas ao cen por cen. É unha parte máis do traballo recibir esa resposta. Para o bo e para o malo.

—A seca, vai para largo?

—De momento, si. Vese algo de chuvia nos mapas. Pero é na montaña de Lugo, na de Ourense, zoas elevadas onde hai moito calor, pódese formar algunha tormenta, pero non é chuvia de calidade. O que é un día de auga non se ve. O máis preocupante está nas temperaturas porque imos seguir pasando moito calor polo día e, sobre todo, pola noite. Non se ve cambio de tendencia.

—O que hai que cambiar é o concepto de bo tempo.

—Si, é outra cousa que nos di algunha xente. A expresión de bo tempo ten moitos matices que non tiña antes. Aínda que no verán o bo tempo é ir á praia, cando non chove no inverno, hai xente que está contenta porque non usa o paraugas, pero para moita outra xente, é desesperante.

—E vostede, onde vai de vacacións?

—Depende da situación familiar. Eu teño nenos e, aínda que xa son un pouco máis maiores, gústame ir con eles á praia. Eu veraneo no Barbanza.

—Por certo, o seu refrán do tempo favorito?

—Nunca choveu que non escampara.

—Deixemos o tempo, Celta ou Dépor?

—Teño que dicir Deportivo porque son coruñesa. Pero o Celta cáeme moi ben.

—Defínase en catro palabras.

—Optimista, práctica, alegre e natural.

—Que lle gusta facer no tempo libre?

—Pasear cerca do mar, ver á xente...

—Gústalle a cociña?

—Non demasiado. Cociño, pero non son nada cocinitas.

—Dígame algo que lle resulte repugnante.

—A prepotencia, a chularía.

—Unha canción.

Turnedo, de Iván Ferreiro. É un pouco triste, pero ten un vídeoclip que me encanta.

—O máis importante na vida é...

—A saúde.

—É unha boa resposta para unha muller que se define como práctica.

—Si, ha, ha. Son de pouca filosofía. Recoñézoo.