Sonia López: «Cando somos nais cambia todo»

GALICIA

Sonia López nunha reportaxe para Godaddy facendo unha asesoría de porteo infantil
Sonia López nunha reportaxe para Godaddy facendo unha asesoría de porteo infantil Noelia Jimenez

Gañar o certame de Miss Galicia levouna a ser un dos rostros máis coñecidos da televisión galega. Dende o 2015 forma parte de Gaia, un proxecto sobre maternidade e crianza

28 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sonia López (Sarria, 1977) nunca tivo «unha vocación clara». Aínda así, foi un dos rostros máis coñecidos da televisión galega durante a década dos 2000, cando presentou programas como Luar, A solaina ou Acompáñenos. Comezou neste mundo a raíz de converterse en Miss Galicia no 1998: «Esa foi a miña porta de entrada na tele e no mundo da comunicación e o que me permitiu saber o que quería ser». Esa paixón recén descuberta foi a que a impulsou, con 27 anos, a estudar a carreira de xornalismo: «Iso é algo do que me sinto orgullosa. Eu fun un pouco ao revés, empecei traballando e despois deses anos de experiencia, sentía que a única forma de rentabilizalo era tendo unha formación que me avalara», conta Sonia.

Pero todo cambiou cando se converteu en nai. O concepto da maternidade sempre a «removeu moito», pero non foi ata que naceu o seu primeiro fillo, Lucas, cando se deu conta de que non tiña «nin idea de como funcionaban os bebés». Con Lucas coñeceu Gaia, e co nacemento no 2015 de Elsa, a súa segunda filla, comezou a formar parte deste proxecto.

Na práctica Gaia é unha tenda de artigos para bebés. Pero en realidade é moito máis que iso: «É unha tenda que encerra unha forma de entender a maternidade e a crianza moi respectuosa tanto coas mulleres como coas crianzas e as súas necesidades reais. En base a iso ármase todo o demais», explica. Así, tentan trasladar esta idea aos seus cursos e produtos, como portabebés e xoguetes cos que o neno poida xogar como queira: «É toda unha filosofía que se centra no respecto ao pequeno como ser con capacidade de decidir e que ten unhas necesidades concretas que debemos acompañar con respeto, sen imposicións». 

Detrás deste proxecto está un equipo multidisciplinar formado por tres mulleres procedentes de ámbitos distintos, ás que, en principio, o único que as unía eran as súas maternidades.Tres nais coas mesmas inquietudes que buscaban compaxinar a súa forma de entender a maternidade e a crianza co seu labor profesional: «Cando somos nais cambia todo. Daste conta de que inevitablemente terás que renunciar a algo, pero ningunha de nós queríamos renunciar á crianza dos nosos fillos nin á nosa vida profesional».

Ela mesma recoñece que leva dadas «moitas voltas», pero se ten que facer balance, Sonia só ten boas palabras: «Considérome unha persoa moi afortunada porque todo me foi vindo moi rodado, sen buscalo e sempre tiven a sorte de facer o que me apeteceu e o que quixen facer». Así, despois dunha vida chea de cambios, ten claro onde está a causa de boa parte deles, e o motor de dos que están por vir: «Os meus fillos son a máis grande causa de felicidade da miña vida. Viñeron para cambialo todo, para conectarme comigo mesma e coa vida que quero ter».