A USC recoñece o labor activo de Beiras a prol do galego co premio Porteiro Garea

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Antonio Cortés

O xurado destaca de Beiras o seu «importante e permanente labor de promoción e defensa do idioma na docencia, na investigación e na propia xestión»

29 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Manuel Beiras Torrado, catedrático de Estrutura Económica xubilado da USC, acadou o premio Luis Porteiro Garea, que recoñece a iniciativa, o traballo e a traxectoria da comunidade universitaria a prol da normalización do galego na universidade. O xurado destaca de Beiras o seu «importante e permanente labor de promoción e defensa do idioma na docencia, na investigación e na propia xestión», subliñando que defendeu o uso do galego nas aulas dende os seus inicios como profesor de Economía Política na Facultade de Dereito, entre 1964 e 1965, e xa en 1968, como profesor de Estrutura e Institucións Económicas na Facultade de Económicas e Empresariais.

A súa promoción do uso do galego reflectiuse tamén «tanto como director de departamento durante máis de dez anos como na xestión» da sinalada facultade, na que exerceu como decano puntualmente en 1972, e máis tarde entre 1982 e 1984. Beiras fixo ademais uso do galego na súa actividade investigadora, nas súas publicacións académicas e nos seus ensaios de xeito habitual. Do mesmo xeito, a acta do premio recolle o emprego da lingua galega en artigos de prensa da época, en conferencias e seminarios, ao tempo que destaca a súa capacidade para facer escola: «Un bo exemplo son as numerosas teses en galego e sobre Galicia dirixidas ao longo da súa traxectoria, contribuíndo así a afianzar o uso do noso idioma no cultivo da ciencia económica». Compromiso co idioma que mantivo na súa dilatada carreira política.

O galardón leva o nome do profesor que o 16 de setembro de 1915 pronunciou no paraninfo compostelán a primeira lección en galego da que se ten constancia.