Comezou co teatro nos anos 70, protagonizou varias series e acadou un Goya polo filme «Mar adentro». Agora segue no audiovisual e promove unha fundación para un rural sostible
28 jun 2022 . Actualizado a las 13:30 h.Pouca xente haberá en Galicia que non recoñeza a cara de Mabel Rivera (Ferrol, 1952). A súa carreira como actriz levouna a traballar en series como Pratos Combinados ou O Sabor das Margaridas. Tamén en filmes como Mar adentro, As pantasmas de Goya ou María Solinha. Esta mesma semana fixo 70 anos e agora enfronta unha nova temporada de rodaxes e proxectos. «Tiven teatro toda a temporada pasada co Centro Dramático e agora empezarei cos ensaios dunha nova película prevista para setembro», adianta a intérprete, que non perde a oportunidade de recordar a realidade que enfrontan as actrices da súa idade. «O campo vaisenos pechando co paso dos anos», subliña.
Con todo, Rivera recoñece que nestes tempos houbo un cambio impulsado polo aumento de mulleres directoras e guionistas. «Correspóndelles contar as nosas historias», di. Nese sentido pon de exemplo o cinema británico e nomes como Judi Dench, con papeis que se adaptan con normalidade aos seus anos. «Antes era habitual contratar actrices máis novas e maquillalas para facelas pasar por vellas. Agora sáenme traballos de avoa, pero de avoa que ten cousas que dicir e iso faime explorar novas fases como actriz», afirma.
Tempo de cambio tamén é o do audiovisual. Para mostra a súa participación en Rapa, unha serie rodada nun dos espazos da súa infancia (a serra da Capelada). «Son lugares que merecen ser contados e agora as series fanse desde un punto de vista máis cinematográfico. Cada capítulo é case unha longametraxe e como actriz agradécese moitísimo. Pasan moitas cousas e o traballo é moi esixente, pero é interesantísimo».
Esta forma de facer series contrasta cun dos seus traballos máis recordados: o de Pratos combinados (1995). «Era unha serie moi longa que se caracterizaba porque case nunca pasaba nada. Esa continuidade é boa porque dá traballo, pero cando o que fas é sota, cabalo e rei... para nós significa morrer como intérpretes», di.
Esa dinámica rompeuna co seu papel en Mar adentro (2004), filme dirixido por Alejandro Amenábar e gañador dun Oscar, que lle valeu un premio Goya como Mellor actriz de reparto. «O que me deu a coñecer en Galicia foi saír fóra. Eu era Balbina [a súa personaxe en Pratos combinados] e os produtores dicíanme que non me vían noutros papeis. O encasillamento pódenos facer moito dano».
Alén do traballo audiovisual, Mabel Rivera tamén emprega boa parte do seu tempo na Fundación Galicia Verde, da que é socia fundadora xunto con seu home, Enrique Banet. As instalacións están nunha parroquia de Forcarei e desde alí buscan recuperar sementes autóctonas, ademais de impulsar proxectos como o de Corredores Verdes. «Intentamos promover unha agricultura ecosocial. A idea é crear unha relación entre as persoas que producen e as que consomen para alimentarnos en proximidade e en temporada. Queremos dar formación, crear redes de distribución e montar unha televisión rural por internet. Trátase de dar a coñecer outros hábitos e poñer a funcionar terras abandonadas», reflexiona.
Fun
A protagonista da serie Pratos combinados no papel de Balbina e gañadora dun Goya polo meu papel en Mar adentro, dando vida a Manuela.
Son
Actriz que vén de participar na serie Rapa e unha das socias fundadoras da Fundación Galicia Verde.