De volta á toponimia de toda a vida: de Agolada a Ribeira pasando por Verdillo

borja casal REDACCIÓN

GALICIA

Investigadores da RAG asesoran concellos e particulares cos nomes escritos dos lugares

29 may 2022 . Actualizado a las 08:28 h.

Cambiar o nome dun concello, aldea ou lugar non é asunto menor. Poñer con uve o que se viña escribindo con be trae debate: primeiro entre os veciños, logo entre os investigadores e ás veces ao revés. Ben o saben os expertos do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG), quen se encargan da fixación de topónimos [os nomes dos lugares] a petición da Administración ou mesmo da propia veciñanza.

Un dos casos máis recentes é o de Berdillo, unha parroquia de Carballo que solicitou un estudo para dar coa súa orixe. A xente do lugar defende a forma con uve por considerar que é a tradicional e a investigación da RAG coincide con esa idea, xa que o seu uso é maioritario na documentación medieval. Agora é competencia da Xunta aceptar a proposición que fai a Academia: que Berdillo pase a ser Verdillo e deixe o be.

«Cando conviven dúas formas optamos preferentemente pola máis próxima á súa etimoloxía. A máis conservadora», explica Gonzalo Navaza, membro do Seminario do Onomástica da RAG. Exemplos de cambios hai moitos, pero os expertos aclaran que non hai criterios únicos e que cómpre estudar cada topónimo en particular, mesmo cando hai un nome que se repite por Galicia adiante.

Neses casos a forma pode presentar diferenzas pola fala desa zona. Exemplo diso son os Ramirás que hai na provincia de Ourense (como o concello do mesmo nome) e os Ramiráns de Pontevedra. «A variedade dialectal inflúe nos nomes. Resumindo moito, Ramiráns sería o resultado esperable na metade máis occidental de Galicia e Ramirás na oriental. As dúas formas son galegas e perfectamente válidas, pero na toponimia respectamos a forma oral que se adecúa á realidade da zona», anota Ana Boullón, quen tamén fai parte do Seminario de Onomástica. «Pasa o mesmo con Bertamiráns, no concello de Ames, que puido ter evolucionado como Bertamirás de estar noutro lugar», engade.

Con be, non con uve

Se hai un topónimo que trouxo debate ese foi o do concello de Ribeira. Con todo, a discusión foi máis social que académica, xa que os investigadores da RAG non dubidan sobre a súa forma con be. «A complicación veu por un dirixente local que preferiu a forma con uve, pero neste caso non había dúbidas. De feito, os indicadores das estradas da Xunta xa che mandaban a Ribeira e non a Riveira», apunta Navaza.

Neste caso, o topónimo orixinal, igual que outros Ribeira en Galicia, escribíase con be na Idade Media e vén do latín riparia, pero a influencia do castelán fixo que evolucionase cara ao uve. Cando acontece isto os expertos procuran recuperar a forma orixinal e corrixir o topónimo deturpado. «Non é lóxico que as palabras que teñen coincidencia co léxico común, como Ribeira, vaian con outra grafía», comenta Boullón, referíndose á ribeira dos mares, lagos ou ríos.

E no léxico tamén houbo evolución: o propio Álvaro Cunqueiro, escritor mindoniense, publicou en 1933 o seu poemario Cantiga nova que se chama riveira, onde empregaba o termo con uve, pero anos despois usou a forma en be na súa Obra en galego completa (1980) para reescribir os poemas en que aparece a palabra.

Os cambios de letra non sempre se aceptan entre a veciñanza, xa que a relación cos topónimos acaba por ser moi persoal. «Na xente funciona iso de que un topónimo foi así ‘‘toda a vida'', pero ese ‘‘toda a vida'' só é o que alcanza a memoria», argumenta Gonzalo Navaza sobre as reticencias de quen leva anos, por exemplo, usando Riveira ou Berdillo.

Con todo, e dependendo do caso, ás veces os investigadores asumen a evolución dun nome se hai correspondencia coa lingua común. No seu día, discutiuse sobre se había que escribir O Grove, Ogrove ou Ogrobe, xa que nos textos antigos aparecía co artigo soldado (a orixe está en Ocobre) e con be e uve indistintamente. Porén, aceptouse a forma actual froito da deglutinación, que é o fenómeno polo cal se separa a letra que antes estaba fusionada. Iso mesmo pasou co concello coruñés de A Baña, que sen a evolución sería Abaña.

Distinto criterio houbo con Agolada, orixinalmente así escrito en galego e con deglutinación na súa tradución ao castelán baixo as formas La Golada ou Golada, que non se aceptan.

Diminutivos

A deglutinación é o que explica que un topónimo como Agrela apareza ás veces escrito como A Grela. A súa orixe etimolóxica está no diminutivo de Agra [grande extensión de terra de cultivo], polo que non debería ir separado, mais neste caso hai indicadores na Coruña onde aparece separado. De calquera forma, os académicos que se encargan destas investigacións insisten en evitar polémicas. «Ás veces a xente dálle moita importancia á forma escrita, cando ao final tan só é a forma que escollemos para escribir. A realidade das palabras está na forma oral porque a lingua é iso: oralidade», afirma Navaza.