O conselleiro de Educación pide máis fondos europeos para impulsar o galego nas novas tecnoloxías

la voz REDACCIÓN

GALICIA

O conselleiro Román Rodríguez, no centro, durante a xornada para dar a coñecer o Proxecto Nós
O conselleiro Román Rodríguez, no centro, durante a xornada para dar a coñecer o Proxecto Nós xoán crespo

Román Rodríguez participou este luns nunha xornada para dar a coñecer o Proxecto Nós, que busca achegar a lingua a servizos como Siri ou Alexa

23 may 2022 . Actualizado a las 17:47 h.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, pediu este luns que o Goberno central incremente os fondos europeos destinados á lingua galega para impulsar a súa chegada ás novas tecnoloxías. A petición tivo lugar en Santiago durante unha xornada para dar a coñecer o Proxecto Nós de intelixencia artificial, desenvolvido pola Universidade de Santiago a través do Citius e o Instituto da Lingua Galega, para incorporar o galego en servizos dixitais como os asistentes de voz (Siri ou Alexa) ou os tradutores automáticos, entre outros. No acto tamén estiveron Carmen Gallach, a comisionada especial para a Alianza pola Nova Economía da Lingua, e mais Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega.

«A incorporación do galego e das outras linguas oficiais ás contornas dixitais debe ser un compromiso de todas as administracións e entidades porque é unha garantía para a súa preservación e promoción», apuntou o conselleiro, quen considerou insuficientes os fondos destinados ás linguas cooficiais no Proxecto Estratéxico para a Recuperación e a Transformación Económica (PERTE).

«Queremos poder falar con Siri, Alexa ou Google no idioma co que máis cómodos nos sintamos para ingresar sen obstáculos na realidade económica global. Iso require o compromiso de todos», engadiu Rodríguez, quen destacou que este tipo de iniciativas normalizadoras requiren dun importante apoio económico e cifrou o custo do Proxecto Nós en máis de 15 millóns de euros, dos cales xa se inxectaron 750.000 para poñer en marcha os primeiros traballos. Porén, en canto aos investimentos a prol do galego, os grupos da oposición no Parlamento galego criticaron recentemente a baixada orzamentaria de tres millóns do departamento de Política Lingüística.