Miro Casabella, membro de Voces Ceibes: «Ás Tanxugueiras pasoulles como a nós»

borja casal REDACCIÓN

GALICIA

Miro Casabella, a semana pasada en Santiago, antes de tocar nunha homenaxe a Xulio Maside
Miro Casabella, a semana pasada en Santiago, antes de tocar nunha homenaxe a Xulio Maside XOAN A. SOLER

Foi precursor da música en galego durante a ditadura franquista e logo profesor universitario. Agora, xa xubilado, cre que aínda existen moitos prexuízos sobre o que se fai desde Galicia

19 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia persoal de Miro Casabella (O Valadouro, 1946) fai parte da historia da música en Galicia. Como cantor foi un dos membros de Voces Ceibes, o mítico colectivo que deu en facer canción protesta a partir dos anos sesenta, en plena ditadura franquista e con Policía nos concertos. Hoxe, xubilado como profesor da Escola de Arquitectura Técnica da Coruña, Miro segue metido na música e aproveita o tempo cos seus tres netos.

«Antes atendíaos bastante, pero a pandemia cambiouno todo», confesa. Iso si, os pequechos son fieis seguidores dos recitais que dá o seu avó de cando en vez. E non é raro que, entre canción e canción, Miro chame a atención de algún deles: «Desde aquí vexo que se me está durmindo un neto», adoita comentar entre risos.

Así foi nos dous últimos concertos que deu este ano no Teatro Colón da Coruña. Actuou no ciclo Pioneiros da música galega: primeiro el só e logo co grupo Doa, con quen tamén tocou nos seus inicios. «Buscar non busco concertos, pero ás veces chámanme para algún acto e vou», resume Miro sobre a súa actividade musical, que non parou desde os anos sesenta.

«De rapaz xa tiña guitarra e tocaba no Valadouro. Logo fun estudar Aparelladores a Barcelona e alí coñecín xente da Nova Cançó catalá», recorda o cantor, quen faría a súa primeira proba nunha discográfica por recomendación do poeta Manuel María. «Escoitoume cantar e díxome que probase en Edigsa. Toquei catro pezas e puxéronme en contacto con xente que estaba facendo música en Santiago. Manda truco! Sendo de Galicia, coñecinos en Cataluña e gravamos», explica Miro sobre os seus inicios en Voces Ceibes, peza fundamental da Nova Canción galega.

Aqueles cantores, como Benedicto, Vicente Araguas ou Xerardo Moscoso, xa deran un concerto na Facultade de Medicina de Santiago en maio do 68. «Eu incorporeime algo máis tarde e o primeiro concerto xuntos foi ese Nadal. Tocamos no cine Capitol de Santiago e aquilo foi moito. Estaba a rebentar». Logo, cos anos, cada un dos integrantes tomou o seu propio camiño artístico: o de Miro ligado ao popular e ás cantigas medievais.

O cantor Miro Casabella nunha actuación durante os anos 70 na Coruña
O cantor Miro Casabella nunha actuación durante os anos 70 na Coruña BLANCO

Botando a vista atrás, o músico destaca o interese que tiña o público pola música en galego: «Viña xente concienciada e sen concienciar. A verdade é que había moita curiosidade en saber o que era a Nova Canción galega», di o cantante, que mesmo actuou en países como Francia, na Fête de l'Humanité do Partido Comunista francés, en 1970. «Foi impresionante. Moitísima xente e ti cantando en galego, pero viviámolo como algo normal».

Cando compara aqueles anos cos tempos de agora, Miro non ten claro que hoxe sexa máis doado facer música en galego. «Eu teño tocado en Valencia, Barcelona ou Andalucía. Antes aínda nos asomabamos por aí, pero creo que agora é máis difícil». Con todo, o cantor opina que algúns prexuízos non mudaron moito e pon un exemplo ben coñecido: «Ao final coas Tanxugueiras foi a mesma xogada que connosco. Fóra houbo xente que non quixo que nos representasen en Eurovisión. Prefiren que estean aquí tocando a pandeireta porque non lles interesa a súa proposta. E a nós pasounos un pouco iso, como que xa nos chegaba con saír na TVG. Aínda existe esa idea de que a xente da periferia, mellor que quede na periferia».

Fun

Membro de Voces Ceibes e profesor na Escola Técnica de Arquitectura da Coruña (UDC).

Son

Xubilado e avó.