Pola súa parte, a directora da Amtega lembrou que a intelixencia artificial será a tecnoloxía do futuro e que Galicia xa se está a postular para acoller a sede da futura Axencia española de Supervisión da Intelixencia Artificial.
Normalizar a lingua
Unha das ideas de fondo deste proxecto —para que o Xunta espera investir 15 millóns de euros— é a de normalizar a lingua en tecnoloxías que cada vez cobran maior importancia no día a día dos falantes. Ademais de favorecer os dereitos lingüísticos da cidadanía galega, o proxecto permitirá prestixiar o idioma nun ámbito que terá implicacións no PIB galego e tamén español nun futuro próximo. Con todo, o primeiro acordo de colaboración entre a USC e a Xunta asinouse no 2021: daquela o investimento foi de 150.000 euros e permitiu establecer tres liñas de traballo centradas na conversación oral e escrita con persoas, na calidade da lingua e na xestión da información. Ademais, definíronse oito subproxectos a desenvolver, dos que agora sairán adiante seis.