«Aínda que chove, o galego non encolle»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Milleiros de persoas saíron á rúa en Santiago para reclamar poder «estudar, traballar e vivir» en lingua galega e pedirlle compromiso coa lingua ao novo Goberno galego

17 may 2022 . Actualizado a las 22:36 h.

«Aínda que chove, o galego non encolle». Milleiros de persoas saíron de novo ás rúas de Compostela este 17 de maio para sementar mil primaveras máis para a lingua galega, nunha manifestación marcada polo mal tempo, pola esixencia de poder «estudar, traballar e vivir» en lingua galega.

«Non hai ningún futuro negativo escrito para o galego. Depende de nós, da mobilización social e do compromiso dos poderes públicos». Con estas palabras de Marcos Maceira, arrincaba a manifestación, que volveu percorrer as rúas de Santiago ata a praza da Quintana para reclamar tamén ao novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao seu gabinete, un compromiso coa promoción e a defensa da lingua galega. «No seu discurso de investidura falaba de galeguismo, falaba de liberdade e de exercer o seu cargo con dignidade. Se quere facelo, terá que cumprir co estatuto de autonomía,que di que os poderes públicos teñen que promover o galego», salientaba o voceiro da plataforma Queremos Galego ao inicio da mobilización.

Unha promoción que pasa tamén por «comprometerse tamén coa liberdade no uso na lingua galega» en todos os ámbitos, especialmente no do ensino. «Os nenos e nenas entran hoxe na escola falando galego e saen falando castelán». A afirmación de Maceira era recollida por Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, que cualificaba de «máquina desgaleguizadora» o sistema educativo de Galicia e reclamaba a «derrogación do decreto da vergoña» para poñer en marcha uno novo marco normativo para que a escola sexa «unha aliada para fortalecer o futuro da lingua, para garantir que nenos e nenas coñezan o idioma e teñan a liberdade para poder falalo se queren».

Mentres a portavoz do BNG se lamentaba de que actualmente na Xunta hai un Goberno que «rema á contra da lingua», o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamaba a Rueda unha defensa clara da «nosa máxima expresión cultural como pobo: a lingua». Aínda que non moi convencido de que haxa un cambio substancial na política lingüística do Goberno, González Formoso pediu «dar marxe» a Rueda, malia que «leva 13 anos compartindo a forma de entender o galego» como un elemento máis da administración para tentar «corrixir os erros do pasado por parte do Goberno da Xunta».

Aínda que o pulo principal da manifestación era reivindicativo, tamén houbo momento para a celebración de fitos como que Netflix vai empezar a dobrar ao galego e unha sentenza histórica « ue vai comezar a garantir o dereito ao uso do galego diante de toda a administración, nomeadamente a do Estado», lembraba Maceira, que tamén reclamou apoio da Xunta para vencer as «resistencias» do Goberno central para garantir a lexendaxe e a dobraxe ao galego na nova lei do audiovisual.

«Dende logo imos traballar para que o galego gañe espazos», subliñaba Ana Pontón. Espazos como o da administración de xustiza, o lecer ou as novas tecnoloxías, enumeraba Formoso. Espazos tamén como os de toda admnistración autonómica, xa sexan servizos «que dependen directamente da Xunta ou que están privatizados pola Xunta», explicaba Maceira.

O percorrido (especialmente rápido este ano) rematou nunha praza da Quintana onde os milleiros de manifestantes, animados por Xurxo Souto, corearon o Terra das Tanxugueiras (co galego non hai fronteiras) para reclamar que «queremos vivir en galego agora e vivir en galego sempre».