A metade dos veciños nun centenar de concellos superan os 60 anos

Manuel Varela Fariña
M.Varela REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

MARCOS MÍGUEZ

Un terzo da poboación galega pasará dos 65 anos no próximo decenio

17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Se partimos Galicia en cuadrículas, cada unha dun quilómetro cadrado, atopamos anacos do territorio nos que non hai unha persoa menor de 64 anos. Acontece, por exemplo, a poucos minutos de Santiago, nos concellos de O Pino e Touro. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), unha desas cuadrículas coincide no medio dos dous concellos. Alí, os veciños teñen 86 anos de media de idade. Non hai outro lugar con residentes tan lonxevos, aínda que distan de ser unha excepción. É a tendencia cara a que avanza unha das comunidades máis envellecidas de Europa, na que un terzo da poboación superará os 65 anos en só doce anos.

Hai varias ducias de concellos onde son maioría. En Calvos de Randín, na provincia de Ourense, seis de cada dez veciños superan os 60 anos. En Lobeira, O Bolo, San Xoán de Río e Sarreaus, todos tamén ourensáns, a porcentaxe supera o 60 %. A metade dos veciños dun cento de municipios teñen, polo menos, esa idade.

O 25,75 % da poboación galega ten 65 ou máis anos, seis puntos por enriba da media nacional. A única comunidade cunha porcentaxe maior é Asturias, cun 26,6 %. A proporción de xente en idade de xubilación aumenta cada ano. No 2035, serán un 33 % —fronte ao 26,5 no conxunto de España—. A porcentaxe incrementarase nuns sete puntos en todas as provincias, alcanzando o 37,8 % en Ourense e o 36,3 % na de Lugo. O IGE vén de publicar un informe sobre o sistema de indicadores de lonxevidade en Galicia, no que recolle a preocupación na comunidade polo envellecemento da súa poboación. Nese conxunto de indicadores, recolle precisamente o índice de envellecemento, unha regra que amosa o número de maiores de 65 anos ou máis por cada cen menores de vinte anos. Non hai unha soa comarca con ese índice por debaixo de cen, é dicir, en ningunha hai máis mozos de vinte anos ou menos que xente en idade de xubilación.

A desproporción é enorme nos concellos da Baixa Limia e na Terra de Caldelas, ambas comarcas ourensáns. O índice é de 796,8 e 746,2 maiores de 65 anos por cada cen menores de vinte, respectivamente. A media de idade nestes territorios é tamén das máis altas, 59,1 e 59,6 anos. No extremo oposto, aínda que tamén por riba de cen, as comarcas de Santiago (120,5), O Condado (120,6) e O Morrazo (132,6), estas dúas últimas na provincia de Pontevedra. En canto ás áreas metropolitanas das cidades, Vigo e Pontevedra presentan uns índices de 132 y 134, respectivamente, e unhas medias de idade de 46,1 e 46,3 anos —proxeccións do IGE para este 2022—. A Coruña, Lugo, Ourense e Ferrol, nesa orde, contan con índices que van de 134,5 a 169,9. 

Máis dependentes

Todos os indicadores de envellecemento van a máis e as proxeccións dispáranse para os próximos anos. O medidor de sobreenvellecemento, que compara o número de persoas con 85 anos ou máis por cada cen habitantes, acada o 30,4 % na comarca de Quiroga, en Lugo. Na mesma provincia, supera o 27 % en Meira, A Fonsagrada e na Terra de Lemos. En Ourense, en Terra de Caldelas e en Trives roza o 30 %.

E a maiores está a proxección sobre o índice de dependencia senil, que calcula cantos veciños de 65 ou máis anos viven nun territorio por cada cen persoas en idade potencialmente activa, de 15 a 64 anos. «Este indicador en Galicia presenta un incremento continuo nos últimos anos e grandes diferenzas entre ambos os dous sexos», apunta o informe do IGE. Entre as mulleres chega ao 47,6 % neste 2022, 11 puntos máis que entre os homes. A fenda baséase na maioría feminina entre a poboación a partir dos 65 anos.