—Compartir papeleta e actos con Bildu e ERC dá votos en Galicia? O PP, sempre que pode, utiliza iso contra vostede.
—O PP o que leva demostrado nos últimos dous anos é que está nervioso co avance do BNG, porque sabe que temos un proxecto e estamos disputando unha maioría social. Os galegos tamén saben quen é o BNG, cales son as nosas propostas.
—Pero suman ou non?
—Que o BNG teña relacións con forzas políticas nacionalistas é algo tan normal que semella un ataque desesperado. En todo caso, o que debe preocuparlle á sociedade galega é que o PP vaia do ganchete da estrema dereita.
—Vostede mantivo contactos co Goberno vasco. Volve interesarlle o modelo do PNV?
—Foi unha visita institucional. Sobre o PNV, non creo que sexamos dúas forzas homologables, pero gústanos coñecer experiencias de goberno de éxito. Euskadi é unha demostración de que defendendo o autogoberno a sociedade avanza.
—Como explica que un comunicado do BNG de cinco parágrafos contra a guerra non cite a Rusia ou a Putin nin fale de invasión?
—Quero negar a maior. Desde o primeiro minuto deixamos claro que hai un agresor, Rusia, e un agredido, que é o pobo de Ucraína. Ver ao PP e ao PSOE utilizando a dor da xente para atacar ao BNG é do máis lamentable que teño visto en política.
—O comunicado non era tan claro como o é vostede agora.
—Eu creo que cando se quere facer unha caricatura búscase calquera escusa. Dito isto, pensamos que alimentar a escalada bélica non é a resposta para a paz.
«Yolanda Díaz é unha política con habilidades, pero non podo valorar un proxecto descoñecido»
Pontón defende o papel do BNG no Congreso, sempre con máis perspectivas e interpretacións.
—Votarían a Sánchez de novo?
—O BNG fixo o que tiña que facer. Nun momento decisivo puxo enriba da mesa os intereses de Galicia. Cando un ve as rebaixas nas peaxes da AP-9 grazas a ese acordo pensa que fai unha política que pode axudar. Pero non é un cheque en branco, porque cando o Goberno incumpre non fai esperar ao BNG, os que esperan son os galegos, que merecen un trato mellor por parte do Estado.
—Vostede foi veciña de escano de Yolanda Díaz no Hórreo. Falou con ela ultimamente sobre ese espazo que quere impulsar?
—A última vez que a vin foi nun acto en Santiago, pero non tivemos ocasión de falar, máis alá de saudarnos. Eu teño unha boa relación con ela.
—Xera inquedanza no BNG ese movemento na esquerda?
—Respecto moito a Yolanda Díaz, é unha política interesante, con habilidades, pero non podo valorar un proxecto descoñecido. É unha intención, pero non temos máis elementos. Como demócrata sempre vou defender o pluralismo político.
—A vostede non se lle escoita dicir que Galicia será unha república soberana. Ao seu deputado en Madrid, Néstor Rego, si.
—Que sigan, que digan que son nacionalista e republicana, e que digan que o BNG defende máis capacidade de decisión para Galicia, porque mellor nos vai ir.
—Coas competencias actuais, é realista dicirlles aos galegos que poden ter una unha tarifa eléctrica propia e máis barata?
—Temos unha crise de prezos na que o que máis incide é a enerxía. Nós imos defender que Galicia teña unha tarifa máis baixa, e gustaríame que sexa cun acordo de país, porque é de sentido común. Se temos enerxía, poñámola ao servizo de Galicia e non de intereses con beneficios escandalosos. En Europa xa hai tarifas diferenciadas, e eu creo que é posible facer esa negociación política para pagar menos.
—E ter unha Facenda propia, como vascos e navarros? Moitos economistas din que non saen as contas para Galicia.
—Eu non vin esas contas, porque temos unha relación co Estado con moita opacidade sobre a recadación. Habería que preguntarse se non será o Estado o que está sobrefinanciado, porque queda cunha parte dos recursos públicos con competencias que non son as máis importantes. O que nós defendemos, incluso asumindo o actual modelo, é reclamar máis autonomía financeira para Galicia.
Moi persoal
Borrou datos do teléfono estes días?
Non. Úsoo igual que sempre. Non teño nada que ocultar, pero iso non dá dereito a ninguén a espiar.
En que produto notou a inflación disparada?
No combustible, no gasóleo, no meu caso. E na compra, no aceite.
Canto cobra da política?
Despois de entregar ao BNG 1.300 euros, eu recibo 3.355.
Ten algunha viaxe pendente?
Tiven que suspender a viaxe a Chile pola covid, á toma de posesión do presidente Boric. No persoal teño moitas viaxes aparcadas, pero cunha nena de 2 anos...
Cite unha virtude persoal
Escoitar e ter empatía.
E unha virtude de Feijoo?
É hábil na comunicación.
E de Alfonso Rueda?
Non sei, tería que pensalo máis.
A que non renuncia na vida diaria pola política?
Á miña familia e ás amizades.