María Abel, exatleta: «Boto moito de menos o atletismo»

borja casal REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

A deportista María Abel fotografada esta semana na praia de Rodeira, en Cangas
A deportista María Abel fotografada esta semana na praia de Rodeira, en Cangas XOAN CARLOS GIL

Correu en varias distancias e participou nos Xogos Olímpicos de Sidney no 2000 e mais nos de Atenas no 2004. Agora, lonxe das carreiras, traballa como profesora de educación física en Aldán

05 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

María Abel (Lugo, 1974) pasou a vida entre carreiras. Nos seus inicios gañou varios títulos galegos en pista, fixo cross e foi campioa de España de 5.000 metros en 1996. Despois chegarían os maratóns, onde seguiu con marcas notables. Como atleta correu nos Xogos Olímpicos de Sidney no 2000 e de Atenas no 2004. Logo viría a titulación en Maxisterio, un primeiro contacto coa docencia en Andalucía, e xa recentemente unha vida en Cangas como mestra de educación física nun colexio de Aldán.

«Xa desde pequeniña me gustaba o medio fondo e desde que me vin competindo nos 10 quilómetros xa me chamaban moito a atención as carreiras de longa distancia», lembra a exatleta sobre a súa evolución deportiva. O seu terceiro maratón foi en Valencia no ano 2002, que gañou cun tempo de 2.28.07 que non tardaría en mellorar. Meses despois fixo a súa mellor marca en Frankfurt: 2.26.58. «Quedei a sete segundos do récord de España. Foi unha pena porque cheguei con forza ao final, pero as carreiras son así». «E na segunda metade da proba houbo vento, que non axudou», engade sobre unha pequena espiña que entende como o normal dentro das competicións.

Imaxe de arquivo de María Abel, no 2003, durante os seus anos como atleta
Imaxe de arquivo de María Abel, no 2003, durante os seus anos como atleta juan lazaro

Antes diso foi olímpica en Sidney no ano 2000 na categoría de 10.000 metros, unha experiencia que repetiu no 2004 na maratón de Atenas. Esa foi a súa última gran cita, xa que María Abel acabou por retirarse catro anos despois por cuestións de saúde. «Tiña problemas estomacais e por idade, ademais, xa me ía sendo hora se quería ser nai».

Como outras tantas deportistas de elite, Abel non perdeu de vista a formación de cara ao seu futuro despois do atletismo. «Empecei a estudar a carreira mentres adestraba na miña época profesional. Quería algo relacionado co mundo do deporte, aínda que ao principio non tiña claro se como adestradora de atletismo ou como profe».

Primeiramente comezou a titulación de INEF (Ciencias da Actividade Física e do Deporte), pero por un problema de traslado de expediente a Madrid non puido continuar e pasou a Maxisterio, carreira que finalmente remataría. O ano en que acabou non sacaron prazas en Galicia, polo que opositou en Andalucía e comezou a súa andaina nas aulas do sur da península. «O primeiro ano foi en Sevilla, embarazada e cunha calor que case morro», recorda entre risos María Abel, que logo estaría outros cinco anos impartindo clase na provincia de Huelva, preto da fronteira con Portugal.

Despois de pasar polo sur, María conseguiu praza en Galicia e desde este ano é mestra nun colexio de Aldán, en Cangas, onde agora vive lonxe das competicións e como nai de dúas fillas. «Entre o traballo e as nenas non teño moito tempo para adestrar, pero intento saír a correr dous ou tres días á semana. Bótoo moito de menos, pero non fago máis de dez quilómetros. Agora só deporte-saúde». E volver aos maratóns? «Gustaríame preparar algún sen obxectivo, só por pasalo ben», confesa.

Fun

Atleta que participou nos Xogos Olímpicos de Sidney 2000 e de Atenas 2004.

Son

Mestra de Educación Física.