Antes diso decidiron acudir á xurisprudencia do país nórdico. «Alí contratamos un avogado noruegués coa idea de esgotar todas as vías no país. Puxéronnos moitas trabas e non gañamos nada. A xustiza é moi corrupta e toda a prensa está baixo o paraugas do Estado. Déusenos moi pouca publicidade porque queren seguir dando a imaxe do país das marabillas, pero nunca o foi», critica Alberto, quen engade que «moitas veces queixámonos do noso, pero habería que comparar co de fóra».
Nos últimos dous anos a actividade da asociación e de Alberto Paz cambiou, pero non parou. O portavoz de Long Hope fai vida preto do mar, en Noia («case sempre vivimos onde nacemos, pero xa estiven no interior e prefiro a costa»), e continúa coas súas xestións a favor de que lles paguen as pensións. «Nós parados nunca estamos porque sempre mantemos contacto co Goberno, co Ministerio de Exteriores e andamos con consultas, pero desde que empezou a pandemia só puidemos facer unha manifestación. Somos xente maior e non nos vamos arriscar a un contaxio meténdonos todos nun bus».