A Lei Paz Andrade, unha oportunidade para o galego que fica aínda no caixón

borja casal REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Imaxe de arquivo da fronteira entre Galicia e Portugal, en Tui
Imaxe de arquivo da fronteira entre Galicia e Portugal, en Tui Oscar Vázquez

O texto para favorecer a conexión cos países de fala portuguesa foi aprobado polo Parlamento galego de forma unánime no 2014, pero apenas acadou obxectivos

22 mar 2022 . Actualizado a las 13:45 h.

«As institucións galegas deben valorizar o galego como unha lingua con utilidade internacional». Esa é a idea de fondo da Lei Paz Andrade, aprobada no ano 2014 de forma unánime polo Parlamento galego, tras chegar ás cortes a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) impulsada pola sociedade civil e que conseguiu máis de 17.000 sinaturas. A norma busca aproveitar e estimular os vínculos entre Galicia e os países de lingua portuguesa (lusofonía), facendo uso do potencial do galego para conectarse cos 270 millóns de falantes de portugués que hai no mundo.

A Lei Paz Andrade fixa obxectivos en tres liñas fundamentais: aprendizaxe do portugués nos centros de ensino galegos, promoción das relacións coa lusofonía a distintos niveis (económico, cultural, ambiental...) e fomento dos intercambios audiovisuais entre Galicia e Portugal. Os grupos políticos que aprobaron o texto destacaron o potencial da lingua e viron na norma unha oportunidade para que o galego gañase atractivo, sobre todo entre as xeracións máis novas, dada a súa conexión co portugués.

Durante os últimos anos, tanto esa franxa de idade como o resto veñen reducindo o uso do galego no día a día en favor do castelán, tal e como acredita a enquisa trimestral de Sondaxe. Por mor diso, a Lei Paz Andrade aparece no debate como unha ferramenta para devolverlle algo de pulso á lingua. O problema, apuntan os grupos políticos da oposición, é que o texto ficou esquecido nun caixón. Tanto o BNG como o PSdeG critican que nos últimos anos apenas houbo avances significativos e reclaman máis vontade política.

«O desenvolvemento da lei é claramente insuficiente. Chegou con miles de sinaturas ao Parlamento, mais este aval social non está a ser correspondido polo Goberno galego», denuncia Mercedes Queixas, do Bloque. Na mesma liña fala a deputada socialista Noa Díaz: «Oito anos de aprobación, oito de incumprimento. Quixeron quedar ben co tecido asociativo, pero non hai unha vontade política real. Cantos galegos poden citar unha soa medida da Xunta para a promoción do portugués?».

Portugués no ensino

Ambas as dúas parlamentarias, Queixas e Díaz, demandan un maior estímulo nun dos puntos centrais da lei: o portugués no ensino. Este curso hai preto de 5.000 estudantes de lingua portuguesa en Galicia (3.897 son alumnado de ESO e Bacharelato, mentres que 1.021 están nas Escolas de idiomas). A oposición considera estas cifras insuficientes e pon de exemplo o bo facer de outras comunidades. «En Extremadura hai máis de 20.000 estudantes de portugués. Teñen moi claro que é unha lingua importante no social, cultural e económico», sinala Mercedes Queixas.

Pola súa parte, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que dirixe Valentín García, sostén que «a implantación do portugués como segunda lingua estranxeira está directamente vinculada coa demanda por parte do alumnado» e que a matrícula medra ano tras ano. Porén, a deputada do BNG cuestiona ese argumento e afirma que hai falta de promoción. «Se non se comunica, como vai haber demanda? Ao final todo queda nas mans dos docentes que animan ao seu alumnado e fan por impartir a materia de portugués», di.

Sobre este tema tamén coloca o foco Noa Díaz, quen subliña que «chama a atención que en Extremadura todo o alumnado teña acceso a matricularse en lingua portuguesa, cousa que aquí non pasa». A parlamentaria socialista refírese á escaseza de profesorado especialista, algo que a Xunta afirma que vai cubrindo pouco a pouco nas sucesivas ofertas de emprego público educativo.

En canto a estreitar os vínculos de Galicia cos países da lusofonía, Política Lingüística pon en valor os avances que se teñen feito ata o de agora. «Son cada vez maiores en todos os ámbitos», sinalan, se ben non concretan ningunha medida en particular, alén da aprobación da Lei de acción exterior para mellorar a proxección no estranxeiro, que «reforza a nosa liña de traballo». Desde o punto de vista lingüístico, a intención da Xunta é mellorar a colaboración co Instituto Camões, equivalente ao Instituto Cervantes na promoción do portugués.

Desde os grupos da oposición tamén se cuestionan os esforzos a respecto dos vínculos internacionais. Mercedes Queixas lembra o potencial que esas relacións teñen para as empresas galegas, sobre todo no contexto actual. «Esa ponte coa lusofonía daríanos pulo extra de cara aos fondos de recuperación europeos».

Para avaliar o grao de cumprimento da lei, tanto o Bloque como o PSdeG piden que a Secretaría Xeral de Política Lingüística facilite un informe anual e pormenorizado, tal e como esixe a propia norma. «Aínda non o fixeron, pero é a forma de ver canto se gasta e que se consegue. Hai outras cuestións coas que igual non se coincide a nivel político, pero isto é de sentido común e precisamos de accións concretas», reflexiona Noa Díaz.

Audiovisual

Outra das pezas fundamentais da Lei Paz Andrade é a coprodución de contidos audiovisuais entre Galicia e Portugal. Ao fío deste marco téñense desenvolvido algunhas series emitidas tanto na TVG como na televisión portuguesa. Neste eido, falta unha das medidas máis esperadas: poder ver a televisión portuguesa en Galicia. A Xunta destaca que «sería dunha grande utilidade para o coñecemento mutuo das linguas», mais ao tempo sinala que aínda non é posíbel porque «o reparto do espazo radioeléctrico é unha competencia estatal».

Eduardo Maragoto, presidente da Associaçom galega da língua (Agal): «Hai que prestixiar a lingua, máis que normalizala»

Detrás das máis de 17.000 sinaturas que levaron a Lei Paz Andrade ao Parlamento houbo varios colectivos que traballaron arreo para impulsar a norma. Un deles foi a Associaçom galega da língua (Agal), cuxo presidente, Eduardo Maragoto, dá algunhas claves sobre a importancia do texto. «O interesante é que foi unha lei abrazada por todos os partidos e iso é algo que pasa poucas veces. Hai quen pensa que a dereita galega non ten sensibilidade por estes temas, mais aquí foron moi conscientes de que a sociedade non pode perder as oportunidades que ten a lusofonía», destaca Maragoto. «A complicidade cultural e lingüística explica que os empresarios brasileiros entren na península por Portugal e non por Galicia», engade.

Alén do potencial económico, Maragoto valora o texto como unha ferramenta moi potente con que poñer en valor a lingua. «Hai que prestixiar o galego, máis que normalizalo, e a Lei Paz Andrade é un moi bon punto de partida. Se tivésemos unha alianza maior co portugués, teríamos un galego moito máis atractivo tanto para quen xa o fala, como para quen non», afirma o presidente da Agal.

Na súa opinión, esta lei tería de estar no centro de calquera política lingüística. «A lusofonía dálle unha potencialidade tremenda ao galego. Con este enfoque, xa non se trataría tanto de competir co castelán, senón de facer máis atractivo o galego por si mesmo», reflexiona Maragoto, ao tempo que pide centrar esforzos no portugués no ensino. «Se aumentamos esforzos, calquera estudante pode saír do instituto cun B1 ou B2 de portugués», conclúe.