Na beira oposta están os que teñen entre 18 e 29 anos, que empregan maioritariamente o castelán no seu día a día (53,1 % deles, sendo case un 26 os monolingües en castelán). A xente nova que fala maiormente galego non chega á cuarta parte do total: son un 24,3 % (14,5 monolingüe). Os que din falar ambas por igual nesta franxa representan o 17,7, sendo o 1,8 os que falan outra lingua e 3,1 os que non responderon na enquisa de Sondaxe.
Noutras franxas acontece o mesmo: canto máis novas, menor uso do galego. Nos falantes de entre 30 e 44 anos predominan os que usan o castelán (45,5 %) fronte a quen escolle o galego (33,4). Na seguinte franxa, de 45 a 64 anos, a relación é a mesma, pero a diferenza diminúe: 44,7 % de castelán e 34,6 de galego.
Estes datos poden anticipar, por tanto, unha perda progresiva do galego entre os falantes ao longo dos próximos anos: isto é, a xente nova de hoxe (maioritariamente castelanfalante) non usará nun futuro o galego coas novas xeracións e a transmisión da lingua non estará asegurada, como veñen avisando institucións como o Consello da Cultura. A tendencia tamén implica unha diminución de paleofalantes (aqueles galegofalantes que usan o idioma como lingua nai desde o nacemento) e o uso quedaría en mans dos neofalantes, aqueles que se pasan ao galego tendo sido educados desde cativos en castelán.
Os monolingües en castelán son os que máis conservan a súa lingua no traballo
No ámbito profesional, ben sexa laboral ou educativo, o idioma que predomina é o castelán. Sobre todo entre os estudantes; emprégano maioritariamente un 59,4 % deles, tal e como indica o barómetro de Sondaxe. Logo estarían os traballadores asalariados (45,4), seguidos dos autónomos (45,3), os desempregados (41,6). Xa por detrás quedaría quen se encarga dos labores do fogar (23,1) e, moi por debaixo, os xubilados que só empregan maioritariamente o galego nun 9,2 % dos casos.
Esta última franxa correspóndese por tanto coa realidade xeracional: os máis maiores son os que máis galego falan e, por tanto, menos castelán empregan. Da mesma forma, os estudantes, que pertencen ás xeracións novas, exprésanse fundamentalmente en castelán e deixan de lado o galego, sobre todo cando se relacionan nun ambiente distinto ao do seu entorno familiar.
En canto ao uso do galego, este destaca entre os autónomos. Segundo a enquisa de Sondaxe, un de cada tres traballadores por conta propia usa maioritariamente o galego no ámbito laboral. Os asalariados representan case a mesma porcentaxe (28%) e con menos uso estarían os desempregados, con case un 20 %, e os estudantes (18,8). As persoas que traballan na casa emprégano un 15,9 e os xubilados un 19, mais nas dúas categorías houbo altas taxas de non resposta. Con todo, os pensionistas son os únicos que se expresan máis en galego que en castelán. Iso si: chama a atención que non son os máis monolingües nese idioma, xa que tan só hai un 9,2 % que non cambia cando se expresa. Entre os autónomos hai un 13,5 % que só fala en galego e entre os traballadores por conta allea case un dez.
O estudo de Sondaxe tamén contempla os cambios lingüísticos dos falantes, en función do idioma que falan no seu entorno familiar e o que usan no traballo ou no eido educativo. Hai un terzo de monolingües en galego que non mudan na vida profesional. Logo hai un 18 % que mantén o galego, pero que tamén emprega ocasionalmente o castelán, aínda que en menor medida. Unha décima parte cambia e usa ambas por igual, mentres que un 4,1 % prioriza o castelán. Os que pasan de falar só galego na casa a empregar só o castelán no traballo non chegan ao 1 %. Pola contra, os monolingües en castelán conservan sempre a súa lingua nun 61 % e tan só antepoñen o galego nun 4,6 % dos casos.
Os votantes do BNG e do PP, os máis galegofalantes fronte aos de Ciudadanos e Podemos
En canto aos usos da lingua segundo o partido votado nas eleccións autonómicas do 2020, os que empregan maioritariamente o galego de forma habitual son os votantes do BNG (55,6 %) e os do PP (40,1). En terceiro lugar ficarían os electores do PSdeG (36,6) e, xa por detrás, os de En Común Podemos (30,6) e Ciudadanos (24,2).

A orde é a inversa para o uso maioritario do castelán, quedando os seguidores do partido laranxa como os que máis castelán falan (58 %), seguidos dos de En Común (52,2) e do PSdeG (44). Entre os electores do PP, os que escollen maioritariamente o castelán son case os mesmos que prefiren o galego, e no caso do Bloque só predomina o uso do español na quinta parte dos que o votan (21,7%).
Á vista dos datos, os galegofalantes concéntranse nos partidos máis asentados en Galicia, mentres que os de recente creación, con menor penetración entre o electorado galego e cunha maior dependencia orgánica do partido en Madrid, como son En Común Podemos e Ciudadanos, optan máis polo castelán. A compoñente nacionalista é outra das claves que explica as cifras, sendo aqueles máis centralistas (como a organización de Inés Arrimadas) os que concentran os castelanfalantes, fronte aos nomeadamente nacionalistas, como é o BNG.
Caso á parte é o de Vox. Os seus votantes nas autonómicas do 2020 son os máis monolingües en castelán (32,3 %) e menos en galego (10). Este partido ten defendido en diversas ocasións que en Galicia existe unha discriminación do castelán fronte ao galego. Porén, estas afirmacións non encontraron en ningunha ocasión o respaldo do resto de formacións políticas do Parlamento galego, nin tampouco de ningún dos estudos sobre usos lingüísticos na sociedade que se teñen publicado ao longo destes anos.
Os electores que votaron por outros partidos distintos dos antes citados son maioritariamente monolingües en castelán, concretamente representan algo máis do 38 % sobre o total.
Entre os votantes que optaron pola abstención nesas autonómicas de hai dous anos, hai case unha metade de falantes (47,7) que escollen maioritariamente o castelán na súa vida diaria, mentres que un 36,3 deles prefiren o galego. Por outra banda, o 13,8 dos abstencionistas afirma usar as dúas linguas por igual.
la voz
Por idades, o uso do galego na vida persoal tan só predomina entre os falantes de maior idade e diminúe entre a xente nova, que fala máis castelán. Máis da metade da franxa de 65 en adiante usan maioritariamente o galego (56,4 %, dos que un 35,9 son monolingües). En canto ao resto, hai menos dunha cuarta parte que usan fundamentalmente o castelán (24 %) e o resto falan ambas por igual (17 %) ou usan outras.
Na beira oposta están os que teñen entre 18 e 29 anos, que empregan maioritariamente o castelán no seu día a día (53,1 % deles, sendo case un 26 os monolingües en castelán). A xente nova que fala maiormente galego non chega á cuarta parte do total: son un 24,3 % (14,5 monolingüe). Os que din falar ambas por igual nesta franxa representan o 17,7, sendo o 1,8 os que falan outra lingua e 3,1 os que non responderon na enquisa de Sondaxe.
Seguir leyendo