Iago Seara, arquitecto: «A conservación é responsabilidade»

borja casal REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Seara fotografado este mércores en Santiago, onde reside desde hai anos, coa Catedral ao fondo
Seara fotografado este mércores en Santiago, onde reside desde hai anos, coa Catedral ao fondo Sandra Alonso

Seara foi xefe de Arquitectura da Consellería de Cultura e dirixiu parte da restauración da catedral compostelá. Logo dunha ampla traxectoria, o arquitecto xubilouse como profesor universitario para asumir novas obras

16 ene 2022 . Actualizado a las 21:20 h.

Participar na restauración da catedral de Santiago semella o broche perfecto para a carreira de calquera arquitecto. Non así para a de Iago Seara (Ourense, 1948), responsable dos traballos que se levaron a cabo nas cubertas da nave principal e o cruceiro, quen aínda conta con levar a cabo máis obras futuras. «Xusto antes da pandemia xubileime como profesor universitario, un pouco coa idea de ter máis tempo para novos proxectos», lembra Seara. Iso si, o do grande templo galego recórdao como un dos máis complexos. «Foi un traballo arduo e complicadísimo que me levou a estar na obra practicamente todos os días durante varios anos», resume o arquitecto, veciño da capital galega e de orixe ourensá. «Alí din que son o arquitecto de Santiago, e en Santiago din que son o de Ourense», conta entre risos.

No seu currículo figuran traballos como o da Biblioteca do Parlamento de Galicia (un dos seus preferidos, confesa); o da Sala de Armas do Arsenal Militar de Ferrol; ou o deseño do escenario que se montou na praza do Obradoiro para a visita do papa Bieito XVI no ano 2010. Tendo en conta a súa vontade por seguir en activo («seguirei durante un tempo que pode ser máis pequeno ou máis grande, non hai que enganarse», di), o exemplo de Seara fai certa a idea de que a mellor obra dun arquitecto é a que está por chegar.

E ten que ser así porque o ourensán entende o seu traballo como un servizo público. «Hai 15 anos decidín centrar a miña carreira na conservación. Se algo quero transmitir é que a conservación é responsabilidade: a responsabilidade de que non se che caia o traballo que tes nas mans», sinala quen tamén foi presidente do Ateneo ourensán nos anos oitenta. «Esa experiencia vén dunha suma de vectores, sobre todo da responsabilidade social que adquirín na miña época universitaria», subliña.

Desa implicación tamén dá conta a transmisión de coñecemento que levou a cabo como docente. «Quedei moi contento con esa etapa e teño recordos moi positivos. É unha alegría recibir tanto de compañeiros e alumnos», lembra Seara, profesor na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña durante anos. «Con algúns estudantes, por certo, cheguei a traballar nas obras da catedral», destaca o arquitecto, quen insiste en poñer en valor «que unha restauración como esa se convocara de forma aberta, coa idea de que distintos profesionais puidesen presentar as súas ideas».

Sobre o chamado feísmo, Seara celebra os avances que houbo nos últimos tempos para darlle resposta a unhas prácticas que desvirtúan o patrimonio. «Agora temos ferramentas para controlar o desenvolvemento urbanístico e facer un seguimento de como evoluciona a paisaxe. As figuras de ordenación son imprescindibles, pero por suposto todo é mellorable», conclúe.