Máis de 2.300 persoas recuperan a memoria da terra por toda Galicia

Manuel Varela Fariña
Manuel Varela REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Aplicacións de escritorio e móbil de Galicia Nomeada
Aplicacións de escritorio e móbil de Galicia Nomeada Sandra Alonso

A plataforma Galicia Nomeada acolle medio millón de microtopónimos

26 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai en Silleda quen sube ao alto de Bentevexo para confirmar que si, que dende ese monte vese Anzo, Noceda e O Corpiño. En Moraña teñen unha fonte que chaman da Preguiza e que, malia a nugalla que transpira o nome, mudaron lixeiramente de localización. No regato do Mexote ou Auga Mexa, en Pontedeume, mellor non achegar os beizos para beber —o nome fai alusión á cor escura pola presenza de ferro na auga—. Cada cuarta de terra en Galicia ten nome dende hai séculos, microtopónimos que serven para situarse no territorio, dar indicacións ou salientar os atributos dun lugar en concreto. Pero eses termos pérdense co tempo, ben pola construción de novos barrios e o nomenclátor das rúas, ben pola avellentamento ou pasamento das fontes que gardan esa memoria, a meirande parte persoas maiores de zonas rurais.

Nesa loita contra o reloxo leva anos traballando a Xunta e a Real Academia Galega. Primeiro foi co Proxecto Toponimia de Galicia, no que se recolleron preto de medio millón de microtopónimos nun 35 % do mapa galego dende o ano 2000 ata o 2011. Dende o 2019, a través de Galicia Nomeada, 2.365 usuarios rexistrados fan achegas a través da Internet nesta plataforma colaborativa. Os responsables do proxecto, no que tamén está implicada a Amtega, o Instituto de Estudos do Territorio e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, recomendan que os colaboradores sitúen no mapa da plataforma o microtopónimo, envíen un audio coa súa pronuncia, unha fotografía do lugar e faciliten, de habela, unha descrición do nome.

Un dos microtopónimos recollidos e validados pola RAG
Un dos microtopónimos recollidos e validados pola RAG

A partir de aí é momento de validar esas achegas, que nestes dous anos foron 33.605, das que máis de 25.000 foron xa confirmadas. É un traballo complexo, no que primeiro se realiza unha comprobación lingüística e despois con capas cartográficas como os planos do catastro —mesmo o do Marqués de Ensenada, de 1749, ou en documentacións históricas do arquivo Galiciana—, para asegurar a súa localización. Mesmo chegan a reunirse con académicos do Seminario de Onomástica para comprobar os máis estraños. Recollen tamén as gheadas, seseos ou despalatizacións das fontes para facer a recolla máis fiel posible. Todo ese patrimonio inmaterial, case medio millón de nomes, pode consultarse no mapa de Galicia Nomeada.

Como participar

Calquera con acceso a Internet pode crear a sú aconta, onde é preciso deixar o correo electrónico para que el equipo de técnicos da plataforma estableza comunicación cos colaboradores no caso de ser necesario. Tamén hai a opción de facilitar un teléfono de contacto aos responsables do proxecto.

[Ligazón á páxina de Galicia Nomeada]

Unha vez estean autorizados, os usuarios poden comezar a colaborar introducindo os microtopónimos sobre o mapa, que conta con varias capas, incluída a do voo americano dos anos cincuenta que permite sobrevoar a Galicia de hai medio século

Ademais de recibir a información, coa ferramenta poden trazarse áreas sobre o mapa e engadir descricións e imaxes. Todo a través da aplicación de escritorio ou a de móbil, que permite realizar «un traballo de campo», apunta un dos técnicos.

Recolleita da pronuncia. Os técnicos aconsellan enviar un audio ou transcripción fonética para non perder o xeito no que se pronuncian os microtopónimos. Neste caso, en A Lama e Ribeira, recóllese na web a escrita oficial e a forma oral
Recolleita da pronuncia. Os técnicos aconsellan enviar un audio ou transcripción fonética para non perder o xeito no que se pronuncian os microtopónimos. Neste caso, en A Lama e Ribeira, recóllese na web a escrita oficial e a forma oral

Os usuarios percorren a zona co seu teléfono para ir captando imaxes, enviando o audio coa pronuncia dos microtopónimos e mesmo entrevistando os veciños da parroquia para obter máis información. 

Moitos profesores desenvolveron proxectos similares cos seus alumnos, entregando unha porción de mapa a cada un para que investiguen nas súas zonas. Vicente Feijoo, coordinador da plataforma, participa en charlas divulgativas polos centros da comunidade para compartir as claves dun proxecto que acumula máis de 2.300 colaboradores rexistrados. 

Vicente Feijoo, coordinador de Galicia Nomeada, no seu escritorio no Gaiás
Vicente Feijoo, coordinador de Galicia Nomeada, no seu escritorio no Gaiás PACO RODRÍGUEZ

Vicente Feijoo: «Cada ano pérdense centos de nomes, é urxente preguntar aos maiores por eles»

Vicente Feijoo, coordinador de Galicia Nomeada, pateou monte e camiños por todo o mapa, con fotografías aéreas na mochila, para recuperar esa memoria do territorio. Agora encárgase co seu equipo de técnicos de revisar as achegas que fan os colaboradores dende o ordenador ou a aplicación do móbil, na que calquera pode rexistrarse.

—Queda tempo para recuperar os microtopónimos?

—Dalgunha maneira, ten data de caducidade. Cada ano que pasa pérdense centos de topónimos. Quen sabe da microtoponimia é a xente maior, e cada vez falecen máis. Son memoria viva da microtoponimia.

—Onde hai maior risco de perder esa memoria?

—Sobre todo en dúas zonas: nas serras galegas e no mar. Nas serras, os únicos que saben os microtopónimos son os pastores, e cantos quedan autóctonos? No mar, o mesmo, os mariñeiros coñecían as pedras porque faenaban sen axudas de GPS ou sistemas de navegación. Coñecer cada palmo da terra e do mar desaparece cada día. É urxente coller aos maiores e preguntarlles por todo isto. Non só os topónimos, senón toda tradición oral existente arredor dun topónimo.

—Como fan chegar este proxecto?

—Facemos unha campaña para difundir a existencia da plataforma. Con Toponimízate imos por concellos e a centros de ensino para que alumnado se implique. Coa aplicación poden preguntar aos seus avós e facer as achegas. Se todos os centros de ensino se implicasen, ao mellor conseguiriamos ter Galicia enteira recollida en dez anos. Alí onde chegamos vemos que a xente se dá de alta e mete nomes. Boto en falta unha implicación institucional maior, que fose case obrigatorio facer participar nos centros de ensino.

—E nos concellos?

—Ás veces hai gran receptividade por parte do alcalde ou concelleiros, implícanse para facer participar. Noutros hai boas palabras, pero os resultados quedan aí. Recoller microtoponimia en zonas que medran é unha maneira de salvagardar a toponimia tradicional, poñéndolla a rúas ou novas urbanizacións. Sen ir máis lonxe, hai uns días mandei unha carta ao alcalde de Barbadás por poñer topónimos que non eran das terras en chalés adosados que acaban de construír. Nesas leiras había centos de nomes e decidiron inventarse Finca Fierro ou Mun di Deu. Fano moitos concellos: inventar nomes que non teñen nada que ver coa terra cando hai unha chea deles. En cambio Ames é un bo exemplo. Bertamiráns e Milladoiro medraron moito e as novas rúas e urbanizacións mantiveron os nomes que había.