O secretario do Partido Galeguista afea ao BNG que se «apropiase» do aniversario da súa fundación

La Voz O GROVE / LA VOZ

GALICIA

Francisco López, Chesqui, secretario xeral do Partido Galeguista
Francisco López, Chesqui, secretario xeral do Partido Galeguista MARTINA MISER

Francisco López asegura que ninguén da fronte nacionalista se puxo en contacto coa súa organización e lamenta que se intente «manipular a historia e o nome do PG»

07 dic 2021 . Actualizado a las 18:37 h.

O acto co que o BNG conmemorou esta semana dende Pontevedra o 90.º aniversario da constitución do Partido Galeguista, reclamando a súa herdanza no século XXI, recibiu onte unha inesperada réplica por parte da estrutura que aínda pervive da histórica formación nacionalista que Castelao, Alexandre Bóveda, Vicente Risco, Otero Pedrayo ou os irmáns Vilar Ponte, entre outros persoeiros, fundaron o 6 de decembro de 1931. Francisco López é o actual secretario xeral do PG. Na súa opinión, a celebración do Bloque supuxo «unha apropiación indebida ou un intento de manipulación das siglas, da historia e das persoas que as fixeron posible».

López —coñecido polo seu alcume, Chesqui— explica dende O Grove que o BNG non contactou co Partido Galeguista para a preparación do evento que tivo lugar na cidade do Lérez. Non é que lle pareza mal que o Bloque lembre unha data tan sinalada, pero considera que «un partido que reclame tal herdanza, e dispoña de representación, goberno e mando en diferentes Administracións, debería ir máis aló do simbólico». O secretario xeral do PG refírese ao feito de que a fronte «faga caso omiso das demandas de institucionalización do Día da Galiza Mártir», e mesmo se abstivese da aprobación desta proposta na Deputación de Ourense.

Engade Chesqui que o PG nada ten en contra do BNG «nin de calquera outra formación galeguista ou nacionalista que loite en favor do recoñecemento desta terra como pobo diferenciado, con identidade propia no conxunto dos pobos da península ibérica, de Europa e do Mundo», aínda que iso non pode significar que «se manipule a historia e o nome do PG». E insiste, se a formación que lidera Ana Pontón non vai máis aló do simbólico «para cumprir obxectivos, o resto sería mera propaganda».