—Avogan por derrogar o decreto do plurilingüismo. Cren que é responsable desta situación?
—É positivo o plurilingüismo, pero o marco legal actual é lesivo para o galego dende o primeiro momento. O problema non é só a menor presenza do galego, que o é, senón como está configurado o sistema educativo. Os centros limítanse a dar en galego só as obrigatorias e nas actividades extraescolares está ausente.
—Hai unha vaga de músicos e creadores de contidos en galego que triunfan entre os mozos. Pode a lingua tomar impulso con isto?
—Nos setenta e oitenta o galego viuse arrastrado pola mocidade, houbo unha recuperación que estamos volvendo a ver. Hai un dinamismo cultural. A xente nova ve no galego un elemento de innovación, positivo e de futuro, de creatividade. Isto aparece na sociedade e, por fortuna, presenciamos un momento así. Para que iso teña un efecto máis en profundidade é necesario un arroutamento social e unhas políticas públicas máis decididas, tanto nas Administracións galegas como nas estatais.
—Estes movementos sociais e culturais atraerán novos falantes?
—Hai capacidade de atracción. A actividade cultural en galego que prende hoxe á xente nova asóciase con elementos de innovación. É fundamental que unha lingua subordinada enganche e sexa quen de asociarse a elementos de futuro. A normalización lingüística non pode ser a restauración de cousas antigas, debe ser unha innovación social e camiño do futuro.
—É optimista co galego?
—A situación non convida ao optimismo polas tendencias xerais, pero sigo pensando que o galego ten opcións. O galego segue a ser a lingua minorizada con maior porcentaxe de falantes en Europa. Esta é unha base importante na que construír futuro para o galego. Non debemos aboarnos a discursos pesimistas, hai que ser realistas e ver que hai posibilidades para o galego no futuro.
Eurovisión, xuíces e lusófonos: unha mestura para impulsar o idioma
O idioma como unha ponte a 270 millóns de persoas, como instrumento principal para triunfar en Eurovisión ou para sumar miles de subscritores en YouTube nunha canle dedicada, basicamente, a falar sobre a propia lingua. Acontece algo curioso co galego: cada ano perde falantes, sobre todo polo declive demográfico, pero nunca contara cunha proxección similar fóra da comunidade e, ademais, co esforzo de xente nova que viu no seu idioma unha oportunidade e non un atranco.
«Houbo quen entendeu o galego como un valor diferencial, con proxección cara a fóra», explica Mario Brión, natural de Boiro, remeiro e creador de contidos na Rede. Na súa canle Olaxonmario fía con humor temas lingüísticos ou de actualidade e conversa con outros creadores galegos. Conta con máis de 7.800 subscritores e hai unhas semanas subiu unha entrevista con Leonardo, da canle Portuguese with Leo —100.000 seguidores—, que supera xa as 31.000 visualizacións. «Son temas nicho, vai dirixido a unha audiencia concreta, pero que é moi fiel e leal a estes contidos. Si é certo que cada vez hai máis xente á que nunca lle interesara este tipo de temas», comenta.
A música de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro é unha reivindicación do propio: pandeiretas, galego e, de nome, Tanxugueiras, unhas leiras dunha parroquia de Riós. «Co galego podemos chegar igual de lonxe que con outras linguas», reivindica Sabela. A semana pasada, despois de que milleiros de eurofans llo reclamasen por redes sociais, anunciaron que presentarán candidatura para representar a España no festival, que se celebrará o próximo mes de maio en Turín.
«Era impensable optar a Eurovisión porque nunca se nos pasara pola cabeza. O bo é que somos inconscientes, así que vivimos as cousas con intensidade e tamén con calma. Sabemos que hai cousas improbables, pero hai que intentalo», subliña a artista, que recoñece a sorpresa que sentiu o trío cando viron a cantidade de mensaxes dende fóra de Galicia animándoas a participar no certame. «Está a mudar a forma de pensar. Incluso xente que non falaba galego e agora si, reivindícao e lévao con orgullo», continúa.
Outra entrada ao galego
Moita xente nova de zonas urbanas está a mudar do castelán ao galego. Son neofalantes —fronte aos nativos ou paleofalantes— que cada vez máis acceden ao idioma a través do reintegracionismo, unha vertente que defende que o galego e o portugués sexan tratados como unha mesma lingua. «Non é deixar de falar como o facemos, senón diluír as fronteiras artificiais ou políticas entre galego e portugués, sobre todo na escrita», defíneo Eduardo Maragoto Sanches, presidente da Associaçom Galega da Língua (Agal). Di que entre os mozos é máis coñecido, pero non tanto no resto da sociedade. Segundo Maragoto, o reintegracionismo permitiría «multiplicar o valor comunicativo» do galego, pasando dun ámbito de apenas 2,6 millóns de persoas aos máis de 270 millóns que falan portugués en todo o mundo. «Tórnase ao galego nunha lingua máis interesante e útil para os seus usuarios», subliña.
Propono, ademais, consciente de que o galego «non está aínda preparado para comunicarse cos nove países de lingua portuguesa». «Somos comprensivos coa situación que se xerou nos anos 70 e 80, cando se tomou a decisión de tratar os dous idiomas separadamente», polo que valoran a coexistencia das dúas normativas no idioma. Reivindica que a norma lusista entre nas aulas, cando menos unha hora por semana, «sen eliminar a dimensión máis identitaria e sentimental da lingua». Para Maragoto é cuestión de supervivencia: «Vexo o galego en colapso, obrigado a competir constantemente co castelán en vez de abrirse a un segundo mundo comunicativo tan amplo como o portugués».
Tamén nos xulgados
«O galego non está nun momento marabilloso, pero na Xustiza é case peor que noutros eidos», lamenta Dalila Dopazo, directiva da Irmandade Xurídica Galega e xuíza en Lugo. Ela é unha das maxistradas que traballan por normalizar o idioma nun campo onde nunca o foi. Cita un informe do 2009 que cifraba entre o 2,5 e o 5 % o número de resolucións en galego, «unha porcentaxe excesiva porque o estudo atendía a órganos que neses momentos usaban máis o galego».
Apunta a varias razóns, como os prexuízos asentados na sociedade dende hai séculos, pero tamén a dinámicas no traballo, como interactuar con organismos con sede en Madrid, como é o caso do Consello do Poder Xudicial. O problema fundamental para Dopazo, non obstante, é que o programa informático que empregan está só en castelán. «Todo o que se tramite faise nese idioma obrigatoriamente, e traducir todos os documentos agora sería imposible», lamenta. Aínda así, dende a Irmandade reivindican a presenza do galego: «Poñemos en común experiencias e sentímonos menos sós. Somos un grupo amplo de xente no que cada un fai o que pode».