Ana Pontón: «O BNG leva nas súas siglas o que é, unha forza nacionalista»

domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Sandra Alonso

A portavoz nacional do Bloque foxe do independentismo e defende continuar na UE: «Temos que estar onde se toman decisións que nos afectan»

09 nov 2021 . Actualizado a las 14:29 h.

O 99 % dos militantes do BNG veñen de reelixir a Ana Pontón (Sarria, 1977) como portavoz nacional do BNG na asemblea nacional celebrada no Coliseo da Coruña. Foi como un paseo triunfal, que os nacionalistas aproveitaron para facer xestos de apertura coa finalidade de ensanchar o apoio social.

—Que foi o que mudou nesta asemblea nacional do BNG?

—Empezamos un novo ciclo que deixa atrás unha etapa na que pasamos da resistencia á reorganización e ao despegue. E imos cara a un BNG cunha intención moi clara, que é a de chegar á maioría social co obxectivo de poder ter a presidencia da Xunta.

—Fala de novo ciclo, pero é como ir a unha festa co traxe vello, porque a executiva apenas cambia.

—Eu son da idea de que aquilo que funciona non hai que cambialo, e hai cinco anos fixemos unha renovación importante da executiva, na que hai unha nova xeración que se puxo á fronte nun momento moi difícil, e demostramos que esta executiva soubo ler o momento político que estabamos vivindo e que ten ganas e capacidade, que é o que se nos require.

—Deixou o Bloque de ser unha forza independentista?

—O BNG leva nas súas siglas o que é, unha forza política nacionalista, e iso significa defender este país, non ter ataduras nin sucursalismos. E sempre dixemos que temos que aspirar a ter un autogoberno real que nos permita tomar decisións relevantes sobre os nosos recursos económicos, as autoestradas ou os nosos impostos. Aí é onde está o BNG.

—E que etiqueta lle pon vostede a ese espazo político?

—O dunha organización nacionalista, é que o levamos no nome, e estamos demostrando que ese nacionalismo que representamos é a alternativa ao PP porque este país ten que deixar atrás a submisión a Madrid e ter as mans libres para defender os intereses dos galegos.

—Voulle ler a carta de principios políticos e ideolóxicos, que coñecerá ben, que di que o BNG defende «a liberdade da nación galega para se constituír nun Estado soberano». Iso non é ser independentista?

—Iso é defender a soberanía dun país, que decidamos nós e non que decidan en Madrid. E hai moitas fórmulas nas que iso se pode establecer, pero o importante é que nós temos unha folla de ruta marcada para os próximos tres anos onde o gran reto é dirixirnos á maioría social para obter a presidencia da Xunta e darlles aos galegos un futuro mellor, porque co PP Galicia faise cada vez máis pequena na industria, no emprego, nos servizos públicos, na demografía, e iso tamén é un retrato da incapacidade do Partido Popular.

—E non estarán branqueando a liña independentista para gañar votos, como din os seus rivais?

—Non, o que existe é un BNG que é moi claro e que ten diante un PP que está moi nervioso, ao que lle preocupa ver ao BNG defendendo a súa alternativa en ámbitos moi concretos, conseguindo que cada vez máis galegos nos escoiten.

—Cre que Galicia debería saír da UE, como fixo o Reino Unido ou valora Polonia?

—Iso debateuse nesta asemblea nacional e a militancia decidiu todo o contrario. Nós cremos que hai que construír outra Europa, somos críticos co actual modelo, pero temos que estar en todos os ámbitos nos que se toman decisións que nos afectan.

—Recibiu a felicitación de Feijoo pola súa reelección?

—Debeu perder o meu teléfono. Agarda que miro… [comproba o móbil uns segundos]. Nada, negativo.

—A que atribúe esa falta de cortesía que si que tivo co gañador das primarias do PSdeG?

—É evidente que a forza política que lle preocupa a Feijoo é o BNG, porque estamos en disposición de disputarlle a maioría en 2024. Sabe que hai unha alternativa de país e que traballamos en serio, que somos unha forza con cohesión que non vai permitir que nos despiste.

—Por curiosidade, que adhesivos levaba vostede nas súas carpetas do instituto?

—Eu son moi de gardar as cousas, e teño pendente miralo, pero ao mellor inclínase máis polos recortes da revista Súper Pop. Dende logo, Pujol non era o meu ídolo.

—Pensa realmente que o PP é batible agora mesmo?

—Estou convencida. Demostraremos que o PP e Feijoo son derrotables, e imos deixar a pel para que cada vez máis galegos confíen en nós. Sei que é un camiño no que temos que facer un diálogo moi amplo con moitos sectores da sociedade, pero vou facer todo o que estea na miña man.

—Algo terá que dicir o PSdeG nesa alternativa, ou non?

—Quen decide son os cidadáns co seu voto, que son os que quitan e poñen presidentes, non as forzas políticas.

—Que tipo de relación quere ter co novo PSdeG de Formoso?

—Sempre tivemos unha relación de respecto dende a convicción de que somos dúas forzas políticas distintas, pero tamén de saber que a cidadanía, ás veces, pide alternativas que nos obrigan a entendernos e que debemos ter a capacidade de facelo.

—O BNG valora agora apoiar os Orzamentos do Estado, cando o ano pasado se borrou da foto. Supúxolles desgaste aquilo?

—Nós no que estivemos é na foto con Galicia, o que sería un desgaste para nós é apoiar uns orzamentos que soben en todas partes e baixan en Galicia. E mire, o feito de que o Goberno rectifique e o investimento suba, superando os mil millóns en Galicia, é tamén un recoñecemento de que a posición que mantivo o BNG ten efectos positivos.

La dirección del BNG, durante la asamblea en el Coliseo

Del funeral de Amio a la fiesta del Coliseo: el fin a una década de travesía por el desierto del BNG

Domingos Sampedro

Con casi toda la militancia levantando el brazo a la vez y cerrando filas en torno a Ana Pontón, el BNG culminó este domingo en el Coliseo de A Coruña la travesía por el desierto que iniciaba hace una década, tras la asamblea nacional de Amio, cuando sufrió el desgarro interno más doloroso de toda su historia. Aquella reunión celebrada en el mercado ganadero de Santiago, al que cientos de militantes entraron como reses al matadero, fue la de la ruptura, la de la escisión de grupos como el Encontro Irmandiño o Máis Galiza, y también la del portazo dado por Xosé Manuel Beiras, uno de los referentes ideológicos del Bloque y líder de la organización durante veinte años.

Seguir leyendo