Gonzalo Rabuñal, exciclista profesional: «Bici e xardín teñen moito en común»

GALICIA

Rabuñal sobre un cortacésped, con uno de los edificios de Inditex al fondo.
Rabuñal sobre un cortacésped, con uno de los edificios de Inditex al fondo. VÍTOR MEJUTO

De promesa das dúas rodas a gran corredor de equipo entre os anos 2007 e 2010, o arteixán vive agora unha nova etapa profesional como xardineiro, e tamén persoal como pai dun neno de dous anos

07 oct 2021 . Actualizado a las 11:00 h.

O ano pasado, sorprendía a noticia de que Inditex estaba a plantar un bosque na súa sede central de Arteixo. Hoxe as árbores locen esveltas no medio do polígono de Sabón, e o encargado de mantelas con boa saúde, igual que fai co resto da vexetación do complexo, é o exciclista profesional Gonzalo Rabuñal (Arteixo, 1984). No ano 2009, por exemplo, correu o Giro de Italia ou a Vuelta a España co Xacobeo Galicia, arroupando a Ezequiel Mosquera. Como se pasa diso a ser o rei da desbrozadora, o rego e os fitosanitarios? «Cando deixei o ciclismo traballei nunha tenda de bicis, logo noutra tenda... Pero non acababa de levar ben o horario comercial. E xurdiume a oportunidade de dar un xiro radical e dedicarme á xardinería. Eu crieime sempre nunha casa, así que xa sabía o mínimo, e ao meterme descubrín un mundo que me gusta moito», explica Rabuñal.

Asegura que o coidado das plantas ten máis cousas en común coa bicicleta das que poda parecer. «Igual que no ciclismo, a palabra clave é planificación. No deporte organizabas a temporada seguindo ciclos para ir traballando distintas cousas. E coas plantas, como seres vivos que son, pasa igual: para que estean ben cando toque dar flor, tes que fertilizar en certo momento, podar noutro... E logo, igual que enriba da bici, aquí tes que pelexar coa meteoroloxía», comenta divertido.

Na súa nova vida non abandonou de todo o deporte. Segue a saír na bicicleta un par de veces por semana, ás veces xunto cun compañeiro. E non poucas veces, a carreira remata no bar. «Rimos dicindo que para tomar unha caña e un pincho abonda con se vestir de torero. Cando era profesional, tomarme unha Coca-Cola supoñía tres ou catro horas pedaleando», recorda.

As saídas, iso si, fanse con permiso do seu fillo. «Ten dous anos e agora require moito tempo para el», explica Gonzalo con tenrura. Neses dous anos, o cativo xa viaxou a Tenerife e Gran Canaria. «Cando mira un avión no ceo di: ‘‘viaxe, viaxe''», conta, se cadra orgulloso de que o pequeno estea a herdar a súa afección por ver mundo, consolidada sobre as dúas rodas. «Só no 2009 pasei máis de sete meses fóra, en varios países de Europa, en Turquía, México... E mentres corría, incluso durante as carreiras oficiais, fixábame moito en todo. Logo no autobús dicíalles aos compañeiros: ‘‘Vistes tal sitio?''. E eles dicían: ‘‘Pero como te puideches fixar?''. Pero si, facíao, tiña esa capacidade para fixarme na paisaxe e non caer. Por aquel entón, a paisaxe que máis me impresionou foron os Dolomitas italianos». Dende aquela, e xa sen maillot, visitou Indonesia, Tailandia, Camboia, Vietnam, Filipinas, Marrocos... E o que lle queda, en canto o covid o permita. «Hai que viaxar moito e comparar. Así cando teña 70 ou 80 anos poderei dar consellos de onde ir, ha ha ha».

A primeira bici

Aínda que como moitos nenos, as primeiras pedaladas deunas sobre unha bicicleta prestada, a primeira que tivo propiamente súa foi unha BH California de cross «que daquela estaba moi de moda entre os rapaces», rememora. Xa para competir, debutou cunha Bianchi 603 «cor verde turquesa, con letras en violeta», cunha historia ben curiosa asociada a ela. «Tívena con 14 anos. E máis dunha década despois, volvía eu de competir en Santiago, un día en que as cousas non me sairan ben e regresaba moi enfadado, cando ao baixar do autobús escoitei a un home berrando: ''Rabuñal, Rabuñal!'' Achégome e dime: ''Teño eu a túa primeira Bianchi, compreina de segunda man en Carballo e dixéronme que era dun rapaz que apuntaba maneiras. Anos despois volvín preguntar e dixéronme que era de Rabuñal, que xa estaba en profesional''. Xa ves, aí seguía a miña primeira bicicleta aínda facendo kilómetros», conta o exciclista.

FUCO REI

Fun

Ciclista profesional no Xacobeo Galicia. Participei na Vuelta a España e no Giro de Italia, entre outros 

MARCOS MÍGUEZ

Son

Xardineiro