Gonzalo Caballero: «O meu proxecto garante que o PSdeG non vai sufrir unha dereitización»

GALICIA

Gonzalo Caballero, nas rúas da zona vella de Santiago
Gonzalo Caballero, nas rúas da zona vella de Santiago XOAN A. SOLER

O candidato á reelección ao fronte dos socialistas galegos reivindica que «o partido está hoxe mellor que hai catro anos»

02 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Corría o ano 2017 cando Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975) se impuxo nunhas primarias a outros dous candidatos, erixíndose en líder do PSdeG. Agora tenta repetir fronte ao alcalde das Pontes, González Formoso, aínda que a xestión á fronte do partido neste tempo xa lle deixou algunha rabuñadura.

—Que quere facer co PSdeG que non fixera nestes catro anos?

—Hai catro anos plantamos un proxecto que xerminou, pero que necesita tempo para dar froito porque houbo que acompasar o impulso que tiñamos á pandemia. Eu quero avanzar cun PSdeG galeguista, feminista, ecoloxista e que estea na esquerda. E tamén quero facelo cunha organización aberta e que conecte cunha maioría social de progreso.

—Séntese apoiado dende Ferraz para renovar o cargo?

—A noite electoral das autonómicas, Pedro Sánchez chamoume para trasladar que sabía que fixeramos un gran traballo, e incidiu en que eu levaba pouco tempo á fronte do partido, e que debía volver a ser candidato. Foi claro na posición, e penso que cambiar de adestrador cada tempada non permite avanzar nesta encrucillada na que estamos.

—Con que apoios conta?

—Cos de moitísimos militantes e cadros do partido, pero nas primarias todos os votos valen o mesmo. Eu non son marioneta de ninguén e dende logo creo que o meu proxecto garante que o PSdeG non vai sufrir ningún tipo de dereitización.

—Pensa acaso que Formoso pode dereitizar o PSdeG?

—Ao longo do último ano houbo certas estratexias para intentar cambiar ao secretario xeral, e á militancia non lle gustan ese tipo de operacións. Non lle gustou cando o aparato marcou a retirada de Touriño na noite electoral do 2009 nin tampouco cando provocou a caída de Pedro Sánchez. Así que o PSdeG está agora nunha encrucillada na que hai un modelo que está na esquerda como alternativa a Feijoo e outro modelo cunha visión máis conservadora, que non confronta con Feijoo e busca dirixir o partido dende certas baronías.

—Que lectura fai do feito de que o alcalde de Vigo, o seu tío, evitara apoialo en público e dixera que non tiña a cabeza nas primarias?

—Máis ben evitou apoiar ningunha candidatura.

—Certo, tampouco a vostede.

—Falo habitualmente co alcalde de Vigo, reconstruímos a relación política nos últimos anos, e ese modelo fortaleceu moito o PSdeG na provincia de Pontevedra, onde avanzamos moito, xunto coa de Ourense. En cambio, o modelo que se propón como solución, o da Coruña, non foi quen de contribuír da mesma maneira a que accederamos ao Goberno da Xunta.

—Agora recollerán os avais internos. Vai ter o de Abel Caballero?

—Non falamos do asunto dos avais, pero a cordialidade está sendo ampla. Abel e mais eu estamos moi orgullosos do PSOE, sempre, e preocúpame que alguén que se postula como alternativa diga que ten que recuperar o orgullo de ser socialista, porque implica que non sempre o tivo.

—No comité nacional que convocou as primarias falou ata tres veces das deslealdades que sufriu. A que se refería?

—Son dono das miñas palabras e tamén dos meus silencios.

—Son palabras grosas...

—Podería amosar algunhas cicatrices, pero prefiro falar dun proxecto para Galicia que quere gañar dentro coa militancia para gañar logo fóra coa cidadanía.

—Apela a miúdo á unidade arredor da súa candidatura.

—Díxeno con claridade, pero había intereses que o impediron.

—Pódese pedir unidade logo de que o seu número dous atacara nun artigo aos seus posibles rivais internos ou denunciara afiliacións pantasmas nas Pontes?

—Eu falo das miñas declaracións.

—Xa, pero trátase dun membro cualificado da súa executiva.

—O secretario de organización ten palabra, bolígrafo e capacidade de dicir todo o que quere, este é un partido con liberdade de expresión, e trasladar as posicións políticas sen ningún tipo de agravio. É algo que está na tradición dunha democracia avanzada. Chámame a atención que algúns teñan a pel tan fina.

—Por que lle custa tanto recoñecer que, fronte a Feijoo, o PSdeG acabou de terceira forza?

—Non me custa. O que digo é que se vemos o conxunto de resultados en xerais, locais e galegas, o PSdeG ten unha representación que lle dá a forza de ser a alternativa real ao PP. Xa sei que nas autonómicas fomos a terceira forza, pero se alguén quere inocular no PSdeG o fatalismo para xustificar un cambio, equivócase, porque o partido está hoxe mellor que hai catro anos.  

—Que significa para vostede ser socialista?

—É a miña forma de entender a vida. Dende mozo entendín que a loita contra as inxustizas sociais e pola igualdade de oportunidades é fundamental para axudar a quen está nunha posición máis feble. Sen as bases mínimas de igualdade ninguén pode ser libre.

—Aprendeu a delegar?

—Ese é un relato que fan catro no partido para buscar o seu espazo. Eu son perfeccionista, moi esixente e gústame que as cousas se fagan ben, pero o partido ten un equipos de traballo en distintos ámbitos, e sei delegar. Na miña etapa deilles participación a moitas persoas que estaban fóra da primeira liña.

—Vímolo emocionarse varias veces cada vez que recorda todo o tempo que dedica ao partido. Ten iso un custe persoal?

—[Deixa de falar medio minuto a prosigue coa voz entrecortada]. Estou pendente duns pais que empezan a ter anos e duns fillos que necesitan atención, e probablemente a páxina máis ingrata disto é pensar que non lles dedico o tempo que merecen.

—Teme que lle poida pesar esa falla de dedicación?

—É algo que penso moitas veces, porque o tempo non se recupera. Se algún día deixara a dirección do PSdeG, acomodaríame con moita facilidade á miña vida familiar e universitaria, teño dous nenos pequenos e son a miña máxima preocupación.

—E se por casualidade non gaña as primarias, que fará?

—Pois seguir traballando por Galicia dende o PSdeG.

—Como deputado ou regresando á docencia universitaria?

—Eu gañei hai catro anos coas baronías do partido en fronte, e estou seguro de que a militancia vai avanzar e non vai volver aos tempos peores. Teño un compromiso cos galegos para estar no Parlamento, e eu cumpro.