Valentín González Formoso: «Preséntome para dirixir o PSdeG porque non me resigno a que o partido sexa o terceiro en Galicia»

GALICIA

Valentín González Formoso, alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña
Valentín González Formoso, alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña CESAR QUIAN

ENTREVISTA. O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes cre que o desafío é «volver ilusionar a sociedade galega», e evita aclarar se compabilizará os seus cargos coa posible dirección do PSdeG. Mañán presenta a súa candidatura oficialmente cun acto na súa vila 

29 sep 2021 . Actualizado a las 17:10 h.

Era o home do que se falaba entre bastidores, o que estaba en boca de boa parte do PSOE galego como a opción para disputarlle o liderado do partido a Gonzalo Caballero. Valentín González Formoso (As Pontes, 1971) presentará mañá formalmente a súa candidatura. Farao na súa vila natal, na que comezou no 2003 como concelleiro e que lle deu dende entón catro maiorías e a porta para presidir a Deputación da Coruña.

—Por que se presenta?

—Dende o respecto á militancia, que é a que ten que decidir o modelo de partido para os próximos catro anos, somos moitos os que queremos facer un PSdeG que conecte mellor coa sociedade. Preséntome porque non me resigno a que o PSdeG sexa a terceira forza, como moitos que tampouco se resignan e ven necesario un novo proxecto en Galicia.

—Fala de «moitos», en plural. Con que apoios conta?

—Levo meses recibindo chamadas de moitos compañeiros das catro provincias que din que temos que ser capaces de enviar unha mensaxe de esperanza, de que todo o PSdeG sexa capaz de volver ilusionar a sociedade galega, como xa fixemos con Touriño unha vez. Ese é o desafío.

—Tivo algunha indicación de Ferraz para dar este paso?

—Non, non hai ningunha indicación expresa. É unha decisión persoal, compartida tamén con moitos militantes. Ferraz sabe perfectamente cal é o estado do PSdeG no territorio, e está preocupado polos resultados das eleccións autonómicas e pola falla de visibilidade de ser unha alternativa clara en Galicia.

—Cal é o seu diagnóstico da situación actual do PSOE galego?

—A sociedade galega foi quen de identificarse co proxecto do PSOE de Pedro Sánchez, tamén cos proxectos municipalistas de moitos compañeiros, e así gobernamos no Estado, en 111 concellos e tres das catro deputacións. Pero, en cambio, non se identificou co proxecto socialista nas autonómicas e colocounos como a última forza política.

—E por que non se identificou?

—Penso que calou a idea de que o PSdeG renunciou a defender os intereses dos galegos a nivel do Estado, deixándolle ese papel a outras forzas. Galicia é unha parte do Estado, pero que tamén ten intereses propios, como os teñen outros territorios, e que necesitan ser defendidos. E o que eu propoño é un proxecto político pegado á defensa deses intereses, socialista, plenamente identificado co PSOE, pero en constante conexión coa sociedade galega.

—Fixo o PSdeG a lectura correcta da derrota nas autonómicas?

—É evidente que non, houbo un resultado malo, moi malo, e todos os días escoitamos que se mellorou, cando quedamos como última forza política do Parlamento. Todo isto co agravante de que o PSOE de Pedro Sánchez viña de gañar unhas eleccións en Galicia por primeira vez na historia. Viñamos dunhas municipais nas que en provincias como a miña acadamos por primeira vez máis alcaldías có PP, e tamén con grandes resultados municipais en Lugo, Ourense e Pontevedra.

—Comparte que afectou o covid, como dixo a dirección galega?

—Creo que hai que tratar os cidadáns como persoas adultas para ter credibilidade, e tería sido moito mellor recoñecer que tivemos un moi mal resultado electoral. Negar as evidencias non axuda a recuperar a credibilidade. Por iso creo fundamental escoitar a cidadanía e ter empatía cos seus problemas.

—Que modelo de partido quere promover vostede?

—O dun partido no que somos todos necesarios, sen sectarismos, que represente a todos os progresistas galegos, que defenda os intereses de Galicia, teña peso no Estado e axude a Pedro Sánchez na defensa do proxecto socialista en España e en Europa. Como xa facemos con éxito en moitos concellos de Galicia.

—Presentou algunha protesta polo artigo do secretario de organización do PSdeG, no que fala de vostede e de José Ramón Gómez Besteiro como o pasado escuro do partido?

—É unha carta que descualifica a quen a escribe, seguramente o mellor exemplo do que non debe facer nunca a dirección dun partido político, que ten que sumar a todos e non dividir e atacar os compañeiros. Entendo a política como a suma de moitos esforzos, o sectarismo nunca trae nada bo.

—Que relación ten vostede con Besteiro?

—É un gran amigo, como moitos que teño no partido, e teño que dicir tamén que causa dor ver que é a persoa que sufriu a maior persecución política e xudicial dos últimos anos. E doe ver que haxa compañeiros á fronte do PSdeG que afonden nesa dor.

CESAR QUIAN

—Non teme a división e as feridas que poden deixar as primarias?

—A cidadanía mandou unha mensaxe clara, e non temos que ter medo á democracia, que estamos para practicala. O partido ten un instrumento que se chaman primarias, no que os militantes deciden o modelo de partido, así que non hai que terlle medo a votar, porque votar non vai contra a unidade, non rompe nada.

—Renunciará a alcaldía das Pontes ou á deputación se sae elixido secretario xeral?

—O meu compromiso co PSdeG é total, faremos as cousas con sentido común e estarei á altura do que precise o partido. O que me parece imprescindible é facer equipos, saber delegar. Gústame rodearme de xente capaz, se pode ser máis capaz ca min, e temos equipos en cada ámbito para funcionar correctamente.

—Como se fixo militante do PSOE?

—Cando empecei a estudar en Santiago, en 1990, e despois, no 2003, pasei ás Pontes para ser candidato á alcaldía.

—Pero que foi o que o moveu a afiliarse?

—Varias cousas. As influencias familiares, miña nai era moi socialista, e fomos criados nesas ideas. Eu son fillo dun ordenanza e dunha ama de casa, o pequeno de sete irmáns. O primeiro licenciado da familia foi miña irmá, que estudou grazas ao sistema de becas implantado pola Administración socialista nos anos oitenta. Como non identificarse con este proxecto, cando non somos dunha clase privilexiada, senón fillos de traballadores?

—Gonzalo Caballero presumiu de non tomar unha copa na vida. Como é vostede nesta faceta?

—Son un tipo normal, gozo da compaña dos amigos, da familia, e sobre as copas teño que dicir que despachei máis das que tomei, porque traballei de camareiro catro anos para poder pagar os meus estudos.