Carlos Varela: «A Xustiza tense que actualizar»

José Manuel Pan
José Manuel Pan REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Carlos Varela, esta semana no seu despacho da Fiscalía na Coruña.
Carlos Varela, esta semana no seu despacho da Fiscalía na Coruña. MARCOS MÍGUEZ

Viaxa en tren entre A Coruña, onde está o seu posto de traballo, e Cangas, onde ten o seu curruncho familiar e social. Carlos Varela, que foi fiscal superior de Galicia durante dez anos, non para. Le, escribe e reflexiona sobre os problemas de Galicia

29 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi fiscal superior de Galicia durante dez anos. Nese tempo buscou a participación activa da Fiscalía nos problemas da sociedade. Promoveu investigacións sobre os incendios forestais, sobre os accidentes de tráfico en Galicia, sobre o furtivismo mariño, a sinistralidade laboral na construción, o impacto dos vertidos ilegais de xurro ou os roubos do patrimonio da Igrexa. Hoxe é un dos fiscais da Fiscalía Superior de Galicia, onde atende xunto aos seus compañeiros asuntos das xurisdicións civil e penal, contenciosa e social. Carlos Varela (O Carballiño, 1956) non bota de menos aquel posto, que deixou no 2015. «A cuestión é que cando finaliza un cometido profesional, empeza outro, e un ten que adaptarse ao novo desempeño. Xa levo case seis anos nesta tarefa, polo tanto estou perfectamente adaptado ás novas responsabilidades».

Traballa na Coruña, pero vive en Cangas. «O meu hábitat é Cangas». O desprazamento de norte a sur faino en tren, no que pode ir adiantando cousas de traballo e facendo reflexións sobre a súa vida e sobre a súa profesión, como as que fai no libro Unha Xustiza en diálogo co país. Conversas con Carlos Varela, un ensaio escrito pola xornalista Ruth Nóvoa, delegada de La Voz de Galicia en Ourense, no que se relata o centro da súa vida, dende que foi nomeado fiscal superior de Galicia e facendo paradas na súa infancia ou na etapa de estudante.

Fóra do despacho, Carlos Varela ten unha nomeada actividade social como membro activo da entidade Couto Mixto ou do Foro Peinador. Cumpriu xa os 65 anos, pero quere seguir traballando ata os 72, a idade tope de xubilación no seu caso. E mentres, dálle voltas aos problemas da súa profesión, da Xustiza en xeral. «A xustiza ten que facer reformas estruturais, tense que actualizar. Temos modelos que funcionaron ben nos séculos XIX e XX, pero estamos no XXI e hai novas necesidades».

Fala do modelo territorial. «Os de referencia son os provinciais, pero esa é unha realidade que está moi superada. O ámbito sanitario entendeu moi ben iso e organiza as áreas sanitarias superando o modelo provincial». E pon un exemplo: «Lalín e A Estrada están preto de Santiago, e pertencen a esa area sanitaria, e non á de Pontevedra, que é a súa provincia. A Xustiza terá que facer algo parecido».

E tamén propón cambiar os modelos organizativos propios. «Non pode haber xulgado número 1, número 2... Non se pode entrar nese tipo de reparto. Unha vez definida a demarcación territorial hai que analizar a vida socioeconómica da zona e definir cantos xuíces ou fiscais necesito. Os asuntos non se distribúen por número de xulgado, senón globalmente, segundo as ratios establecidas para cada zona. Como se fai agora, hai que estar creando xulgados continuamente».