Pilar García Negro, profesora da UDC e exdeputada do BNG: «Bailo como Raffaella Carrà»

GALICIA

VÍTOR MEJUTO

«Eu son unha galega que quero que se note», confesa García Negro, que elixe como actriz a Julie Andrews e chora coa «Muiñeira de Chantada»

16 jul 2021 . Actualizado a las 10:34 h.

A Pilar García Negro (Lugo, 1953) encantáballe asubiar pola rúa de nena e descubrir as palabras prohibidas nos dicionarios que había na casa dos pais. Alí aprendeu que había que ser educada e discreta, pero non calar ante provocación. E, claro, calar a Pilar, ademais de ser imposible, resulta unha necidade porque toda ela é un torrente de saber que achega con humor e agarimo.

—Cando a coñecín na facultade daba un pouco de medo!

—Se esa imaxe existe, teño que admitila. Coido que quen me coñece máis de perto non sente iso. En intervencións públicas hai un nesgo de xénero: o que en moitos homes se configura como firmeza nas mulleres é dureza.

—Sorprende, porque vostede no persoal é moi afectuosa.

—Esa confusión é un pouco inxenua: falar con toda a clareza e debater con vehemencia non ten nada que ver con despois ti manter a educación. Eu fun, se me permites a redundancia, educada niso. A partir de aí, a relación cos compañeiros é cordial, eu así a tiven coa maior parte dos deputados galegos onde traballei 14 anos. Alí fixen amigos de todos os bandos.

—É das que chora nas películas?

—Eu choro en filmes abondosamente e máis aínda coa música.

—Por exemplo?

—Na música funciona ese mecanismo de asociación a vivencias túas. A muiñeira de Chantada era unha das preferidas da miña nai, un amigo tocouna no seu enterro. Para min é escoitala e brotar de inmediato.

—É verbeneira? Baila?

—Si, si, eu son moi bailadora, tamén é unha herdanza de miña nai, que dicía: «O día que Maruxa Negro non poida bailar, adeus Maruxa Negro» [ri].

—Pero en plan Raffaella Carrà, «Explota, explótame, expló», movendo a melena?

—Si, si, claro, unha amiga e mais eu facemos esa parodia, tendo cabeleira ou sen tela [ri].

—Por Galicia chorou algunha vez?

—Moitas veces, por cousas que me dan moita pena: entre o que a realidade impón e o que os galegos e galegas poderíamos ser tendo o control sobre nós, as posibilidades económicas, de control dos nosos recursos, de traballo, e naturalmente de uso da lingua, todo vai no mesmo lote.

—Cales son os seus piares, Pilar?

—Eu son simplemente unha galega que quero que se note. E quero actuar en consecuencia, seguir o ensino de meus pais de que cómpre traballar para ser independente. A partir de aí o que defendo e practico é a independencia de criterio, e ser leal coas amizades e a miña familia.

—De nena era rebelde?

—O que me recordan é de ser moi trasna e moi atolondrada, un adxectivo que me fastidiaba moito. Eu lémbrome atrevida e con moita curiosidade.

—E de amor como anda?

—Non sei se che gosta Amalia Rodrigues, pero eu son Amalista, hai unha marabillosa canción dela que di: «De quem eu gosto nem às paredes confesso» [ri].

—O primeiro bico onde foi?

—En Santiago, aos 18 anos, xa non vive o correspondente.

—Contra Fraga vivíase mellor?

—Non é que se vivise mellor senón que as condicións do debate político eran moito mellores.

—Un político de dereitas ao que admire ou admirase moito?

—Tiven moi bo trato e admirei a bonhomía de Victorino Núñez, expresidente do Parlamento.

—Dígame un comportamento machista que a marcase?

—Lembro nunha discoteca hai moitos anos que as entradas para eles eran a 600 pesetas, e para nós, 400. Claro, montei un número!, díxenlle se nos cobraban menos por compromiso de soba. Negueime e non entramos.

—Foi sancionada no 84 por dar Lingua Castelá en galego. Hoxe sería «la marimonera»?

—Esa foi a miña práctica desde o 76, pero no 83 xa había a lei de normalización, iso foi o dramático. Eu teño que recordar que era o uso do galego como lingua vehicular, mais todos os textos orais ou escritos eran en español, porque era a materia que impartía. No seu momento houbera unha contestación importante. Hoxe vexo a cousa moito peor, esa naturalidade da exclusión do galego está máis admitida.

—Unha actriz que lle guste?

—Julie Andrews, si, si. E Frances McDormand, e das galegas, Melania Cruz.

—Era máis de Julio Iglesias ou de Raphael?

—De ningún dos dous. Eu era de Adamo, as súas baladas eran o máximo. Pero a miña canción preferida é Parole de Mina.

—Que libro lle recomendaría a alguén que se achegase a Galicia por primeira vez?

Cousas, de Castelao, pero con algo de explicación adxunta. Porque son relatos moi breves, alfaias dun ourive, e hai un retrato da sociedade daquel tempo que hoxe ten moita derivación.

—Que lle pasa con Pardo Bazán?

—[Ri] Ela é a raíña da elocuencia, do discurso rotundo, é moi atractiva, pero eu permítome a liberdade de enxuizala desde unha óptica galega. Nos seus libros a maioría social feminina da clase popular e traballadora, isto é, as mulleres galegas, está deshumanizada. É clasista e fortemente egolátrica.

—Viu algún episodio de Rociito?

—Non, absolutamente ningún. Paréceme unha obscenidade e dígoche máis: é fascismo moral. E non gosto nada de usar a palabra fascismo, é descritivo.

—De Morata nin falamos... Vibrou coa selección española algunha vez? No gol do Mundial?

—Endexamais! Para min iso non é deporte, é diñeiro puro, para min deporte é a natación que eu fago, o meu soño imposible é nadar indefinidamente.