Pontón defende na RAG a viveza do galego: «É útil para ligar, para trapear e para o reguetón»

GALICIA

Cabalar

A líder do BNG considera reversible o declive da lingua do país, e chama a extender o seu uso entre a mocidade

30 jun 2021 . Actualizado a las 19:41 h.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou este mércores na Coruña ao equipo directivo da Real Academia Galega (RAG), logo da reelección de Víctor F. Freixanes como presidente, no pasado mes de abril, para poñer en común os retos que ten por diante a institución e analizar como se lle pode dar a volta «a un declive» que aprecia no uso do galego, e que considera «reversible», pois trátase dunha lingua que útil para todo: «Para poder relacionarse, para xogar, para ligar, para trapear e para o reguetón».

A dirixente nacionalista aludiu ao decreto do trilingüísmo, que regula o uso do galego nas aulas, para subliñar que dende a súa aprobación, no 2009, xa hai toda unha xeración que foi educada baixo os preceptos do que chama «decreto da vergoña». E salientou que a devandita normativa «está privando a moitos mozos e mozas da liberdade de escoller o seu idioma», pois o 40 % deles rematan os estudos da ESO sen ter unha competencia completa á hora de falalo.

É por iso que Pontón reivindicou unha nova política lingüística, coa constitución dunha mesa cos sectores sociais implicados, que poña fin a este «retroceso» e que estea dirixida a «frear o proceso desgaleguizador» que na súa opinión se dou nos últimos anos e que están a impedir «o desenvolvemento pleno do noso país».

Un dos aspectos esenciais desa reorientación que demanda o BNG para o galego consiste en promover «referentes» no uso da lingua propia en todos os ámbitos, no social, nos deportes, nos medios de comunicación, e moi especialmente entre a poboación infantil e xuvenil. «Hai moito que mellorar», engadiu Pontón, que tamén destacou a «pinga de esperanza» que supón o movemento neofalante, de persoas que asume o uso do galego, pese a seren educados no ámbito familiar e escolar noutra lingua. «O galego é útil para todo», insistiu, tamén para formar parte da cultura asociada á xente máis nova e de xéneros musicais coma o trap ou o reguetón.