Dous milleiros de persoas reclaman en Santiago «ter dereito real a vivir en galego»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

A manifestación de Queremos Galego desenvolveuse na praza do Obradoiro

17 may 2021 . Actualizado a las 22:10 h.

Non houbo percorrido polas rúas debido á pandemia, pero o Día das Letras Galegas volveu a ser momento para reivindicar e defender o uso da lingua propia cunha concentración na praza do Obradoiro de Santiago convocada por Queremos Galego. Houbo distancia social e, desta vez, as mensaxes non estaban só nas bandeirolas e nas diferentes pancartas, senón tamén nas máscaras, con lemas de amor polo idioma que foron repartidas entre os que se achegaron á praza compostelá. «Hai que falar en galego, é a única maneira de defendelo», reclamaba nada máis empezar a actriz Isabel Risco ante os aproximadamente dous milleiros de persoas que, segundo a organización, se deron cita neste acto. «Era necesario volver ás rúas para reivindicar algo tan básico como que queremos vivir en galego, queremos ter dereito real a vivir en galego», afirmou o portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, despois dun ano sen poder organizar a manifestación.

Desta vez, a reclamación principal era a normalidade e o recoñecemento pleno para o galego. «Corenta anos de autonomía non serviron para repor, para rehabilitar e normalizar a lingua galega», detallou antes de dirixirse aos asistentes Marcos Maceira, resaltando que o galego «é hoxe só aparentemente lingua oficial, xa que non se pode empregar en todo e para todo, como reivindicamos». Así, asegurou que a reclamación é que «o galego sexa plenamente oficial; e non é plenamente oficial aquela lingua que está excluída na atención sanitaria en plena pandemia, aquela lingua que está excluída practicamente de todos os contidos audiovisuais e non é unha lingua oficial a que non se pode empregar ou a que o seu uso é arbitrario en función do que decida o funcionariado na Administración pública». Durante a lectura do manifesto, Maceira fixo fincapé en que, «se hai galego en certos espazos, é porque houbo presións». Nese sentido fixo referencia ao regreso á programación para os máis novos coa canle Xabarín.

O acto de Queremos Galego na praza do Obradoiro durou preto dunha hora na que se escoitaron con forza demandas como «Queremos galego xa» e «Na Galicia, en galego» por parte dos asistentes. Ademais de Maceira, tamén falaron representantes de diferentes ámbitos sociais para reclamar o uso do galego na Administración, na educación, no traballo ou no ámbito audiovisual. Non faltou a música, con Xiao Berlai e un grupo de gaiteiros. Os asistentes distribuíronse formando ringleiras e mantendo distancia.

Pontón: «Despois de 12 anos de políticas ''lingüicidas'', o galego é a única lingua que perde falantes»

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou xunto coa práctica totalidade da executiva nacional e do grupo parlamentario na concentración convocada por Queremos Galego na praza do Obradoiro. A líder do Bloque criticou as políticas lingüísticas que está desenvolvendo a Xunta de Galicia e amosou a preocupación «pola situación á que está conducindo o Partido Popular ao noso idioma»: «Vemos como, despois de 12 anos de políticas lingüicidas, o galego é a única lingua do Estado que perde falantes». Ademais, engadiu que o PP «está reducindo o dereito de usar o galego a miles de persoas». «Por iso queremos reclamar un cambio de rumbo e desas políticas lingüicidas, e abrir unha nova etapa para o galego, onde desconfinemos o noso idioma como mellor forma de demostrar o orgullo de ser desta terra», engadiu.

A voceira do Bloque tamén fixo referencia ao recente informe divulgado pola Real Academia Galega sobre o uso do galego entre a mocidade, apuntando que este «certifica que o decreto da vergoña impide que miles de mozos e mozas teñan competencias lingüísticas en galego e, sen coñecemento, non hai liberdade de uso».

Por outra banda, Pontón apuntou que o futuro do galego é tamén o futuro dunha Galiza máis forte: «Temos que seguir traballando para que o galego gañe espazos, normalidade, porque é un sinónimo de vitalidade para o país». Por último, a voceira do Bloque salientou a importancia de reivindicar o orgullo de ter lingua propia.

Caballero reclama á Xunta unha discriminación positiva cara ao idioma propio

A convocatoria de Queremos Galego tamén tivo resposta por parte de representantes do PSdeG-PSOE, co seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, á cabeza. O líder dos socialistas incidiu na necesidade de «poñer en valor o galego como unha lingua viva, que necesita apoio e discriminación positiva desde as políticas da Xunta». «Non podemos permitir retrocesos e hai estudos que advirten que a mocidade está deixando de usar o galego. Necesitamos un impulso do galego na xente máis nova», engadiu. Nese senso, incidiu en que desde a Xunta se deben poñer en marcha políticas de discriminación positiva para achegar a lingua propia á rapazada.