Caballero chama a recuperar a actividade cultural previa ó covid

La Voz

GALICIA

O líder socialista participou este sábado nunha ofrenda floral a Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres, cunha declaración polas Letras Galegas que se celebrará cada ano

15 may 2021 . Actualizado a las 18:48 h.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou este sábado nun acto para festexar o día das Letras Galegas no que realizou tamén unha ofrenda floral a Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres. Unha homenaxe que, como avanzou, comezará a celebrarse a partir de agora cada ano, sumado así ao recoñecemento que cada 25 de xullo, Día de Galicia, congrega aos socialistas galegos en Rianxo.

«Festexar institucionalmente o día das Letras Galegas é honrar a todos os que loitaron antes que nós por unha Galicia próspera, anovada e con futuro, sen renunciar ao que é máis intrinsecamente noso, a nosa lingua», enfatizou, consciente da loita de «moitos socialistas que dedicaron a súa vida a este fin».

Neste foro, o máximo dirixente do PSdeG reivindicou a lingua e a cultura galegas e subliñou que, nun momento no que están sufrindo «retrocesos», «é importante trasladar e reforzar o noso compromiso» co que nos é propio. Ao fío disto, sinalou que a Xunta ten que desenvolver «unha política cultural ambiciosa» dende una perspectiva «positiva, de amor e agarimo pola nosa lingua e a nosa cultura».