Valentín González Formoso: «Sería un insulto estar coas cuestións internas do PSdeG en plena pandemia»

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago A CORUÑA

GALICIA

CESAR QUIAN

O presidente da Deputación de A Coruña di compartir un proxecto de Galicia cos alcaldes de A Coruña, Santiago e Ferrol

10 may 2021 . Actualizado a las 20:02 h.

Valentín González Formoso (As Pontes, 1971) é presidente da Deputación da Coruña dende o 2015. Antes, no 2007, chegou á alcaldía das Pontes, que renovou con maioría absoluta nas municipais do 2011, 2015 e 2019. Foi membro da executiva do PSdeG que lideraba José Ramón Gómez Besteiro no 2013, e no 2017 foi elixido secretario xeral provincial do PSOE coruñés. Toda unha proxección no partido. Casado e con dous fillos, é un apaixonado da historia da Segunda Guerra mundial.

—Comecemos polo inevitable. Tentará liderar o PSdeG?

—Estamos nun momento que probablemente sexa o máis duro, non para a provincia ou para Galicia, senón para todo o mundo e o país dende a Guerra Civil. Temos unha pandemia que provocou unha situación crítica dende o punto de vista sanitario e familiar, con toda a xente que se foi. E que abre un período de incertezas sobre que vai pasar co emprego ou coa sostibilidade das pensións. Neste escenario, o que toca é facer todo o posible dende unha institución humilde como a Deputación. É momento de poñer o mellor de nós mesmos ao servizo da sociedade. Eu estarei onde os compañeiros consideren oportuno, pero en calquera caso os procedementos orgánicos teñen o seu tempo e agora mesmo sería un insulto á sociedade se, en vez de estar dedicados ás cuestións que comentaba, nos dedicamos a falar de cuestións orgánicas que son menores en comparación coa xestión da pandemia.

—Comparte a análise crítica que fixo, por exemplo, Abel Caballero sobre o PSdeG?

—A reflexión de Abel Caballero é respectable e compartida pola maioría da militancia. Pero insisto en que tocará falalo nos procesos orgánicos. Sería irresponsable non centrarnos na pandemia.

—Que se puido facer dende a Deputación contra a pandemia?

—Estamos moi vinculados aos concellos, centrados no apoio financeiro. Cun orzamento de 170 millóns de euros, fomos capaces de poñer en servizo 28 millóns para apoio dos autónomos e a hostalería a través dos concellos. Mediante o plan reactiva fomos quen de ampliar o orzamento de protección social nun 137 % a través do plan reactiva orzamento. Puxemos todos os recursos ao servizo dos que estaban na primeira liña, dos sanitarios e as forzas de seguridade. Na residencia Rosalía Mera [antiga Calvo Sotelo da Coruña] creamos un hotel no que estiveron aloxados de media 75 profesionais sanitarios sen custe para eles. Tamén puxemos o edificio para crear un parque de bombeiros bis. Creamos un área loxística no polígono de Sabón para un sector ao que lle debemos un recoñecemento histórico, os transportistas, que trouxeron alimentos, respiradores, equipos de protección de todo o mundo mentres a poboación estaba confinada. Non tiñan nin ducha nin un sitio para tomar un café. Tamén tentamos acordar coa Xunta, Fegamp, Goberno e concellos as liñas de axuda para coordinalas e cubrir todas as necesidades.

—Ve as Deputacións necesarias? Falouse moito de suprimilas.

—Insisto sempre en que hai unha tarefa pendente de redeseño da arquitectura administrativa. Temos a Delegación do Goberno a 500 metros da Subdelegación, con edificios, funcionarios e parque móbil independente. Temos unha Demarcación de Costas con edificio propio que xestiona os primeiros seis metros do dominio público marítimo terrestre e, noutro edificio, con persoal e orzamento distinto, o departamento da Xunta que xestiona dos seis ata os cen metros. A supresión das Deputacións é factible, pero fan funcións que temos que preservar como o apoio financeiro e técnico aos concellos. Podería facelas a Xunta se hai garantía de que sería igual de eficiente. Pero tería que ser no marco dese redeseño da Administración, que tería que facerse cun claro: a Administración ten que estar ao servizo do cidadán e non ao revés.

—Era presidente cos alcaldes das Mareas nas tres urbes da provincia. Que cambiou cos que agora son do PSOE?

—A relación persoal cos anteriores alcaldes era moi boa. Con estes, ademais da moi boa relación, hai unha enorme afinidade ideolóxica. Compartimos un proxecto progresista non de cidade ou provincia, senón de Galicia. Coñézoos dende hai anos, son amigos e admiro a súa xestión. Están sendo capaces de levantar cidades que tiñan que ser espertadas e volvendo a enganchar a unha sociedade que demandaba que se liderase a provincia, e que foran guías para os concellos pequenos. A Coruña, Ferrol e Santiago son faros que deixaron de brillar nas anteriores lexislaturas, pero que agora volven facelo con forza, ilusión, optimismo e moito realismo para moita xente.

«Teño apagada a televisión para que os meus fillos non vexan a política madrileña destes días» 

Formoso cre que é momento dunha política construtiva.

-Galicia é un oasis fronte o ruído da campaña madrileña?

-O espectáculo madrileño teñen que facerllo mirar. Teño apagada a televisión para que os meus fillos non vexan a política madrileña destes últimos 15 días máis que en toda a vida. Creo que a cidadanía, se nalgún momento está demandado que nos poñamos de acordo nos temas importantes de pais é agora mesmo, cando acaban de morrer ducias de miles de persoas e cando hai miles de empresas en desaparición co que iso implicará. Ante eses retos, a resposta dos partidos non pode ser o espectáculo madrileño, ten que ser a confrontación construtiva, ten que ser a fiscalización responsable dende a oposición e a chamada ao diálogo dende os gobernos.

-Pero as divisións parecen maiores ca nunca.

-Non podemos esquecer que estamos aquí para ofertar servizos á xente. Esa é a nova política que xa se exercitou neste país dente a Transición e hai que volver a ese espírito construtivo do que estamos orgullosos ata xente como eu, que cando Tejero entrou no Congreso estaba en pantalóns curtos e vin a reacción de Gutiérrez Mellado, que sendo xeneral igual podería vivir moi ben nunha ditadura, pero decidiu dar un paso adiante e enfrontarse a eles. Ou Carrillo, que estivo exiliado e perseguírono, pero sentou na mesma mesa que exministros franquistas para chegar a acordos en beneficio do país. Así se constrúe país. Así se resolve o reto das pensións ou se supera unha pandemia. Non se supera denunciando ao ministro Illa 14 veces ante o penal, nin deixando a conferencia de presidentes para sacar a foto diante da caixa de máscaras. O populismo nesta pandemia non resolveu nin un problema.

«O Goberno fixo unha magnífica negociación coa UE polos fondos de descarbonización» 

A provincia da Coruña é unha das máis afectadas polas políticas de descarbonización da economía. González Formoso recorda que esta mesma semana a luz bateu un récord disparada polo prezo das emisión de CO2. Ese mercado, «o do aire que respiramos», sinala, «foi liberalizado pola UE no 2016 e calquera especulador pode entrar nel». O prezo «subiu un 70 % nun ano» por ese «sistema especulativo» que «está pechando industrias e causando sufrimento ás familias polo prezo da luz». Cre que se a UE non corrixe esa política «pouco intelixente», que elevou o prezo «de 16 euros hai dous anos a 60 euros», quizá a descarbonización se acelere, pero farao «cunha enorme destrución de empresas e emprego e enormes subidas do prezo da luz a curto prazo».

-Acertou o Goberno na parte que lle toca dese proceso?

-Estou satisfeito por unha cuestión, o Goberno fixo unha magnifica labor na negociación dos fondos de descarbonización ante a Unión Europea. O primeiro reparto atribuía 204 millóns para todas as zonas afectadas polo proceso e agora, tras as alegacións presentadas polo Goberno, asignáronse 1.407 millóns. E hai que engadir a creación dun Instituto Nacional de Transición con orzamento propio para a reactivación económica das zonas afectadas, que vai permitir a creación de novos proxectos empresariais e a instalación de produción de enerxías renovables como o hidróxeno nelas.

-Pensa que será suficiente?

-Todo é mellorable e nós imos pelexar para que se concreten esas iniciativas e se desenvolvan con máis axilidade nas zonas a reactivar. Pero este mesmo ano, solo no meu concello [As Pontes], o Goberno aportou 1,4 millóns de euros para tres proxectos municipais de reactivación económica. É só un exemplo, pero demostra o compromiso do Goberno de España por acadar unha transición enerxética, que é un proceso inevitable, xusto e viable. E nós non imos deixar de demandar eses proxectos. Porque non podemos deixar atrás a territorios que durante moitas décadas deron o mellor de si mesmos para que houbese luz nas casas e para que puidésemos traballar nas nosas fábricas. Falaría mal da sociedade española que eses territorios quedasen atrás. Pero creo que ese non é o espírito da Deputación, nin da Xunta nin do Goberno, e se traballamos de forma conxunta, cos indicadores que temos, eu son optimista.