«Se o galego é só unha lingua de exames e de ensino, é a morte»

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas REDACCIÓN

GALICIA

La Voz

Mesa de debate: a blindaxe do galego. Pilar García Negro, Henrique Monteagudo e Malores Villanueva reflexionan sobre a situación lingüística 40 anos despois de que o Estatuto recoñecese o galego como a lingua propia. 

25 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai máis de 40 anos en Galicia o tema da lingua era obxecto dun debate vivísimo, «aquí producíronse as maiores manifestacións a prol da lingua que houbo en todo o Estado», recorda a profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro nada máis comezar un debate no que se pretende facer memoria e repasar a situación lingüística neste tempo, con vistas a albiscar un futuro algo máis alentador. Para tal fin, Henrique Monteagudo, sociolingüista, profesor da USC e académico da RAG, e a profesora Malores Villanueva, membro da Fundación Penzol, abren a fiestra para poñer algo de luz sobre un conflito que segue sen amañarse.

O artigo 5 do Estatuto recoñece o galego como a lingua propia de Galicia, pero á diferenza da Constitución co español, non fai mención ao deber de coñecelo. Houbo que esperar á Lei de Normalización de 1983 para reparar esa eiva, pero «o Goberno español impugna perante o Tribunal Constitucional esta lei, de xeito que quedou eliminada esa prescrición», explica García Negro. «O Estatuto, como carta outorgada, depende forzosamente da Constitución, que establece unha constrición severa e ríxida desde o momento en que reclama deberes para unha única lingua: o español. A partir de aí -engade- hai todo un ronsel de limitacións para o exercicio social da lingua propia, que debe ser usada en todos os ámbitos».

Ten sido ese emprego normal nestes anos? Como recollen os rapaces máis novos hoxe en día ese galego? «O Estatuto -especifica Malores Villanueva- podería terse permitido políticas de máximos en materia educativa, pero non foi así. De feito, imposibilítase que o galego sexa lingua vehicular en materias científicas. Hoxe está prohibido dar Matemáticas, Física e Química ou Tecnoloxía en galego. E dou fe, como profesora, de que nas cidades galegas, fóra da materia de Lingua Galega, non está no día a día dos rapaces. Os datos en educación primaria e infantil alertan nese sentido e está demostrado que o decreto de Plurilingüismo vixente foi nocivo para a lingua». «Hai uns días -engade Villanueva- saíu que a Carta Europea das Linguas volve alertar dos problemas no ensino co galego. Os Gobernos deberían ter vontade de que o galego tivese futuro con leis que garantan esa presenza da lingua».

«Unha lingua normal -subliña García Negro- concédese todos os espazos, é ubicua, non é clasista, non é grupal, é oral e escrita, é pública e privada, e no caso do galego non o é».

«Tendemos a culpar á xente nova de abandonar o galego cando moitos non o recibiron nin por parte da familia nin no sistema educativo. Se a xente nova só ten a oportunidade de falar galego na aula, cal pode ser o incentivo para usala? Se o galego é unha lingua de exames, de materia, de ensino, é a morte. Hai que crear ocasións de uso coas novas tecnoloxías, nas redes sociais», indica o sociolingüista Henrique Monteagudo. Para cambiar de lingua son necesarias, en palabras deste académico, «a competencia, a motivación e sobre todo as ocasións de uso, que no caso do galego non son tales». «Hai pais que mandan os seus fillos galegofalantes ás garderías falando galego e saen falando castelán. Por que? Porque xa non é que o mestre ou a mestra se comunique en castelán, é que non teñen amigos con quen falar en galego fóra da casa», explica Monteagudo.

«Está prohibido dar Matemáticas Física e Química ou Tecnoloxía en galego. É nocivo para a lingua»

«As políticas teñen que ser de inmersión», reflexiona Malores Villanueva, unha postura que matiza Monteagudo: «Está comprobado que o mellor procedemento para garantir a competencia nas dúas linguas é a inmersión, pero hai que facela cun consenso social. Creo que se fose feita desde arriba, xeraría o efecto contrario, non sería beneficioso».

«Como nos fixemos criaturas humanas, bípedes, para ser nenos, adolescentes e logo adultos?», pregúntase Pilar García Negro para responder de seguido: «A base de prescrición e de inmersión». «De nenos non se nos preguntou como nos gustaría que se chamase tal cousa ou tal outra. Se a xente asocia galego á gramática, gramática á ortografía, ortografía á normativa e normativa á exame e este á suspenso, é a morte. A lingua galega ten que estar asociada á vida, ao cine, á música, á parte lúdica e a todos os ámbitos e materias. Por moito que traballemos desde abaixo, se non hai un esforzo continuado institucional e de todos os poderes públicos, o proceso para reverter a situación será lentísimo».

«A maior agresión ao idioma é a exclusión. Onde está a responsabilidade dos poderes públicos cara a maior presenza social do galego?»

Falar galego, en moitos casos, tense convertido nunha heroicidade, nunha cuestión de vontade persoal. «Pero para cambiar de lingua hai que coñecela —explica Malores Villanueva— e a xente nova que non foi criada en galego non ten a posibilidade real de coñecelo. O decreto de Plurilingüismo vixente secuestra o galego, faino desaparecer da educación infantil e doutros niveis», apunta esta profesora, que asoma unha cifra demoledora: «Os datos din que só o 24?% dos menores de 15 anos se expresan con fluidez en galego». Para o sociolingüista Henrique Monteagudo, a situación é moito peor que hai corenta anos no aspecto do comportamento respecto ao galego: «É verdade que agora temos máis recursos para confrontalo que daquela, pero non conseguimos reverter o proceso nin frear a perda de falantes, mesmo nas familias que transmiten o galego».

«Creo que é importante apuntar como era o punto de partida: nos anos 70 e 80 tiñamos unha percepción optimista porque o galego era amplamente maioritario, parecía que estaba en condicións óptimas, era boa a porcentaxe de falantes. Pero debaixo diso había desequilibrios moi patentes respecto ao uso no campo e nas cidades, por grupos de idade, e xa había unha ruptura de transmisión xeracional na xente que nacera nos 50 e anteriormente», subliña. «Quero dicir —engade Monteagudo— que estabamos nunha diglosia brutal e nunha dinámica moi negativa de proscrición social do galego. Que pasou despois? A partir dos noventa volveron as dinámicas negativas pola falta de iniciativa e de liderado no desenvolvemento social. Non se lle soubo facer fronte á globalización»

 

«Moitos nenos entran na gardería falando galego e saen falando castelán. Por que? Porque non teñen con quen falar galego fóra da casa»

«Só se expresan con fluidez en galego o 24 % dos menores de 15 anos»

«Onde está a responsabilidade dos poderes públicos cara a maior presenza social do galego?», pregunta Pilar García Negro. «A maior agresión a un idioma é a súa exclusión, porque predicas que é prescindíbel. E eu pregunto a eses responsables, vostedes que aman tanto o galego, que queren? Que sexa un perpetuo Peter Pan? Non só non se lexisla a prol do galego, senón que non se fomenta un diálogo social de base, un movemento amplo lingüístico e cultural por parte da Administración». «Para o español temos máis de 500 normativas que o impoñen, pero canto hai de amparo e de abrigo para o galego? E se o pouco que hai nin sequera se aplica...», reflexiona García Negro, que lembra que xa no Estatuto do 36 había un artigo que incluía que os funcionarios deberían coñecer o galego. «Hoxe esa inercia social negativa continúa favorecida porque algúns funcionarios poden permitirse o luxo de nin sequera devolver o galego aos usuarios que así o practican. Refírome a xuíces, médicos, policías, profesores...».

«O que é matador da nosa sociedade —continúa— é a naturalidade coa que se dá a marxinación do galego. Hoxe hai unha nova mentalidade colectiva contra a violencia machista ou racial con respecto a hai uns anos, pois aquí tamén tería sido posible se se traballase noutra política lingüística».