«Acabamos cos "chiringuitos" para dar transparencia á xestión das inversións»

José Tomé Roca, presidente da Diputación de Lugo, lamenta que os entes provinciais asuman competencias «propias da Xunta»

José Tomé foi parlamentario durante seis anos e tamén é alcalde de Monforte desde o 2015
José Tomé foi parlamentario durante seis anos e tamén é alcalde de Monforte desde o 2015

Lugo / La Voz

José Tomé Roca (Guitiriz, 1958), alcalde de Monforte de Lemos desde o 2015, chegou á presidencia da Deputación de Lugo logo dun proceso de fractura no PSOE lucense, e tras un mandato anterior marcado pola inestabilidade e os conflitos políticos. Nada máis chegar xa definiu novas regras, cun xesto tan simbólico como o de instalar nos plenos un reloxo para controlar os tempos de intervención dos deputados.

—Como se encontrou a Deputación de Lugo?

—Pois tiña o prestixio moi tocado. Era importante ofrecer normalidade, que fora vista polos veciños como unha institución útil. Creo que case dous anos despois devolvemos a tranquilidade á Deputación e somos noticia polo que xeramos e facemos, e non por elementos externos.

«Non se trata dunha proxección persoal, o que pasa é que se fas cousas, hai proxección»

—Comezou o mandato cun perfil baixo, pero co paso dos meses foi optando por máis presenza.

—Había que empezar por asentar a casa e a partir de aí amosar a acción de goberno. Non se trata dunha proxección persoal, o que pasa é que se fas cousas, hai proxección. Estou moi orgulloso do grupo socialista e quero ser xeneroso cos socios do BNG. Temos un goberno estable, non demos ningunha mostra de desencontro. Somos dous partidos distintos e cando hai unha diferenza, falámolo. A coalición está san e funciona. Hoxe non estamos preocupados polo funcionamento da casa porque hai normalidade e tratamos de proxectar o noso goberno con feitos.

—Desde o PP se lles acusa de empregar a Deputación como ariete contra a Xunta, e vostedes de que o Goberno galego os «ningunea». A quen facemos caso?

—Eu non lle fago oposición a Feijoo. Para iso xa está o Parlamento e os grupos políticos. Eu o que defendo son os intereses da provincia de Lugo, e a Xunta ten débedas históricas en materia de infraestruturas. Xa non digo que faga cousas novas, pero polo menos que execute o que está pendente. O PP de Lugo o que fai é de paraugas de Feijoo, que en vez de defender os intereses da provincia intenta desacreditar aos demais por pedirlle que cumpra con Lugo.

«As residencias son un exemplo de acercar os servizos ao rural para fixar poboación e que os maiores vivan no seu entorno»

—Fala de que Deputación asume competencias que son da Xunta, como as residencias de maiores.

—Temos cinco abertas e este ano abriremos outras tres; e seguiremos adiante cos compromisos adquiridos ata completar 18. É un exemplo de que queremos acercar os servizos ao rural para fixar poboación e que os maiores vivan no seu entorno familiar e persoal. Ademais, para as 30 prazas de cada centro xeramos 25 empregos directos. E iso o está a facer a Deputación e non a Xunta, cando o debería financiar porque o marca o Estatuto como competencia do Goberno galego. Terían que crear unha rede galega baseada no noso modelo: non masificado, de achegar o territorio aos servizos e que promove o consumo e a economía local. E unha boa mostra deste éxito é que non tivemos nin un só caso de covid en toda a pandemia. Eu se tivera que ir a unha residencia, como me gustaría que me trataran? Pois con atención personalizada como a que ofrecemos nós, e iso custa cartos.

—Outra das decisións que están a definir o seu mandato é a liquidación de Suplusa [ligada á ordeación do territorio].

Coa fin de Suplusa podemos dicir que xa non hai «chiringuitos» na Deputación de Lugo. Era un ente que en vez de ser útil facía contragoberno á institución matriz, e iso non se podía permitir. Agora temos xestión directa dos fondos, co que se mellora a transparencia e o control político dos cartos que se invisten.

«Estamos potenciando o perfil da provincia como escenario de películas e series»

—E un terceiro eixo do seu goberno é unha aposta decidida polo turismo como motor da economía lucense.

—Eu falaría dun cuarto, que é a colaboración cos concellos. Pero efectivamente o turismo supón o 11 % do PIB e o 13 % do emprego da provincia. Non buscamos un turismo de sol e praia, o clima é o que é, pero si temos un enorme potencial para ofrecer un turismo de calidade, de experiencias, de proximidade, que compaxine natureza e patrimonio. Ademais estamos potenciando o perfil da provincia como escenario de películas e series.

 

«Hai unha estratexia do PP para ir contra min porque non saben como facer oposición»

Unha protesta de cargos e alcaldes do PP diante da Deputación contra o responsable de Vías e Obras, o propio Tomé, acabou en polémica pola alusión que este fixo sobre a presidenta popular, Elena Candia: «Coa súa vestimenta, con aspecto de leopardo, parecía o vaqueiro ese que asaltou o Capitolio».

—Arrepíntese do que dixo?

—Que vaia por diante que son un defensor da igualdade, a proba é que a maior parte do meu equipo de traballo son mulleres. O que dixen foi unha ironía sobre un acto, unha «batukada» que o PP montou, que eles mesmos cualificaron de rebumbio, e que acabaron manipulando politicamente o que era unha ironía. O que lamento é o dobre raseiro. O mesmo PP que me critica, non dixo nada cando Feijoo dixo no Parlamento que a voceira do BNG, dona Ana Pontón, «estaba necesitada». Eu dou por rematado este episodio de manipulación do PP.

—Cre que nos últimos meses hai unha ofensiva premeditada do PP de Lugo contra vostede?

—Sen dúbida, e sei que iso o acordaron como estratexia política nunha xuntanza do PP. Dáme a impresión de que como o goberno da Deputación funciona, que demos estabilidade, e que ofrecemos políticas útiles para os veciños, os sectores produtivos e aos concellos, desde o PP están desesperados porque non saben como facer oposición. E dedícanse a facer algaradas, como a política do bache ou protestas con cascos de obra. É unha mala conselleira a ansiedade política. Que van contra min? Non me preocupa, ao contraio, estimúlame máis para seguir traballando pola provincia de Lugo.

—Hai alcaldes do PP que lle din unha cousa en privado e logo din o contrario publicamente?

—Iso é así, pero non un, varios. Non vou falar de conversas privadas, pero dixéronme que non están de acordo con esta política de algaradas «propias de Podemos» ou criticaron o de facerse fotos diante de fochancas.

 

«A palabra lealdade hai que practicala, e por iso Gonzalo Caballero conta co meu apoio»

José Tomé tamén preside a executiva provincial do PSdeG que dirixe a parlamentaria Patricia Otero, persoa de confianza de Gonzalo Caballero.

—Este ano haberá congreso do PSdeG. Apoia a Caballero?

—Creo que a pandemia prexudicou a Caballero na cita electoral, tanto polo aprazamento como polo desgaste que supuxo para o PSOE. O señor Feijoo sen facer nada parecía o presidente do Goberno. Antes da pandemia non estaban claras as cousas e o PSOE era o segundo partido máis votado. Dito isto, haberá que ver que compañeiros se queren postular para dirixir o partido. Eu teño claro que a palabra lealdade ademais de escribila hai que practicala, e mentres non remate o mandato, Gonzalo conta co meu apoio. Cando chegue o momento dos congresos hai que analizar que pasou nestes catro anos e cal é a mellor opción, pero a lealdade é un valor.

—O PSdeG necesita estabilidade?

—Ao PSOE foille mal en Galicia cando hai demasiada volatilidade nas direccións. Fai falla un certo recorrido e ata que con Touriño o PSdeG tivo esa estabilidade, non conseguimos gobernar en Galicia. Máis alá dalgúns erros propios da inexperiencia, o bipartito foi un bo goberno para Galicia, e moitas variables socioeconómicas de agora están por detrás de cando o señor Touriño deixou a Xunta, tendo moito menos orzamento e tres veces menos de débeda pública que o señor Feijoo.

—Dentro de dous anos quere ser candidato á Deputación?

—Non é tempo de postulamentos. Se os compañeiros de Monforte queren, seguirei sendo o candidato á alcaldía. A partir de aí confío que os veciños me sigan a dar a confianza como ma deron maioritariamente nas últimas eleccións. E a partir de aí se os compañeiros da provincia pensan que podo ser útil para estar na Deputación, estaría sempre dispoñible para o partido. Pero ten que chegar ese momento e primeiro hai que gañar as alcaldías e a Deputación.

—Necesitarán dos alcaldes que foron do PSOE: Sarria e Becerreá.

—Non me toca levar a vida orgánica do partido, pero na secretaría de organización seguro que o saben xestionar. O diálogo nunca é malo, independentemente de se hai acordos. Creo que se Sarria e Becerreá avanzaron foi porque houbo alcaldes socialistas. Por iso espero que nos dous casos haxa outra vez unha volta á normalidade para que os veciños teñan un goberno estable e de esquerdas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Acabamos cos "chiringuitos" para dar transparencia á xestión das inversións»