La Voz de Galicia celebra as catro décadas do Estatuto de Autonomía de 1981 cun número monográfico que recolle a transformación do país neste tempo e como viviron aquel momento histórico unha vintena de galegos. Un especial coas firmas de Rajoy, Laxe, Touriño ou Feijoo. E ti? Onde estabas daquela? Podes contalo aquí
25 abr 2021 . Actualizado a las 00:18 h.Baixo a histórica cabeceira El Pueblo Gallego, xornal que impulsou o errado estatuto de 1936, La Voz de Galicia entrega este domingo un suplemento especial co gallo do 40 aniversario do Estatuto vixente hoxe na comunidade, o documento de 1981 que permitiu a Galicia recuperar o seu autogoberno. Ese especial permite advertir como mudou o país nestas catro décadas, tanto social como economicamente, e como foi construíndo paseniño todo o marco institucional de Xunta ou do Parlamento. Unha vintena de galegos, ademais, explican onde estaban naquel 1981, que facían daquela e as expectativas que tiñan ante un acontecemento histórico: Luz Casal, Miguelanxo Prado, Iván Ferreiro, Marilar Aleixandre...
O monográfico afonda tamén en como era o Estatuto orixinal de 1936, o que lle valeu a Galicia a consideración de nacionalidade histórica; como foi a votación do texto actual, cando se produciu unha elevadísima abstención pese ao lema «anque chova, vota»; e o fiasco do único intento por modificar ese texto, entre 2006 e 2007.
No suplemento fala Carmen Lovelle, unha das tres únicas mulleres (a única viva) que formou parte do primeiro Parlamento galego tras a ditadura,das dificultades pero tamén da ilusión que supoñía retomar o poder lexislativo. Académicas como Margarita Ledo, escritoras como María Xosé Queizán, intelectuais como María Xosé Fernández Cerviño, ou a primeira muller presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, achegan a súa visión daquel tempo nun suplemento ilustrado por Siro.
O suplemento especial de La Voz inclúe case vinte firmas de colaboradores que explican o que supuxo para Galicia aquel estatuto de 1981. Participan historiadores, académicas e dirixentes políticos. Entre estes últimos, o expresidente do Goberno Mariano Rajoy, que recorda a súa etapa no primeiro Parlamento de Galicia, onde foi o membro máis novo, e onde todo estaba por construír. Escriben tamén os tres presidentes vivos de Galicia desde 1981: Fernando González Laxe, Emilio Pérez Touriño, e Alberto Núñez Feijoo. Leopoldo Calvo-Sotelo Ibáñez-Martín, fillo do presidente do Goberno que o 28 de abril de 1981 estampou a súa sinatura no Boletín Oficial do Estado para aprobado o Estatuto de Autonomía, que recorda a emoción do seu pai cando se chegou a aquel momento. O constitucionalista Roberto Blanco Valdés repasa os doce artigos esenciais do Estatuto, a politicóloga Nieves Lagares contexualiza ese texto no seu momento, e o historiador e premio nacional Xosé Manoel Núñez Seixas abunda nas consecuencias da súa aprobación.