Carmela Silva: «Hai unha relación de distanciamento, de confrontación, que nace da Xunta»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

GALICIA

Ramón Leiro

A dirixente socialista, que preside a Deputación de Pontevedra, recoñece que a relación con Feijoo «é inexistente»

18 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tralo recente anuncio de Pedro Sánchez de que o estado de alarma se levantará o 9 de maio, a presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, recoñece que o último ano marcado pola pandemia do coronavirus «foi moi duro, como para o resto das administracións e o conxunto da cidadanía. Tivémonos que enfrontar a unha pandemia global con miles de persoas que faleceron, cunhas restricións da nosa mobilidade, das nosas relacións humanas e afectivas, o que ten deixado unha pegada moi dura. E logo tendo que facer fronte a cambios continuos. Na etapa de confinamento, pasar do traballo presencial ao teletraballo, de ter que axilizar todas as axudas, subvencións, financiamentos, inversións para intentar facer fronte ás consecuencias da crise».

-E a todo isto súmase a incerteza, o non estar seguro do que pode acontecer mañá.

-Si. Saiamos dun confinamento e dunha onda e criamos que empezabamos a ver a luz ao final do túnel e, de repente, o túnel volvía estar cheo de escuridade. E logo unha segunda onda, unha terceira... E agora si que, de novo, podemos ter un certo optimismo porque a vacinación é a solución e as cousas van mellorando. Foi certamente moi duro.

-Comparte entón que coa vacinación se ve o final da crise?

-Si. Creo que a vacinación é o inicio do fin da pandemia. Estou convencida de que ao finalizar o verán estará vacinada en España o 70 % da poboación e, polo tanto, iso fará que haxa unha inmunidade moi ampla e poidamos intentar volver reactivar a vida social e económica. E quero ser optimista. Sinto fatiga pandémica coma todo o mundo, pero non podemos perder a esperanza. A vacinación está claro que é o fin dunha situación tan dura.

«Sinto fatiga pandémica, como todo o mundo»

-Entendo que, polo tanto, a crise sanitaria non pasou factura ao bipartito na Deputación.

-Goza dunha extraordinarísima saúde. Somos un exemplo de como poden gobernar dous grupos diferentes que, aínda que comparten moitas cousas, diverxen noutras, pero que teñen un proxecto conxunto para a provincia. Estamos transmitindo que se pode gobernar sen facer ruído.

-Fala da provincia. Como valora a situación política?

-Esta provincia é unha grande referencia na forma de transformar, de construír presente e construír futuro e ten moito que ver, e o fago como reflexión sen nada de sectarismo, con quen goberna nas grandes cidades, na Deputación e tamén na maioría dos concellos. O Partido Socialista goberna en concellos que aglutinan a cerca de seiscentas mil persoas e noutros concellos, grupos políticos progresistas. E iso nótase. Somos unha referencia en igualdade e o gran motor económico de Galicia. Temos enriba da mesa moitas ideas, como unha fábrica de baterías, a aposta polo hidróxeno verde ou pola intelixencia artificial. A industria do século XXI non vai ser de naves ou chemineas, vai ser de intelixencia.

«Gustaríame ter unha boa relación co presidente e coa Xunta»

-É a relación coa Xunta e co presidente Núñez Feijoo?

-Certamente, é inexistente. Entristéceme dicir isto tan claramente, pero non é porque nós non queiramos. Gustaríame ter unha boa relación co presidente e coa Xunta, que representa a todos os galegos. Gustaríame poder sentarme con el e dicirlle: «Creo que na provincia debería facerse isto». Deberiamos dar pasos na dirección de fortalecer a provincia, porque fortalecer Pontevedra é fortalecer Galicia. Pero é imposible. Cando fun nomeada presidenta desta Deputación, as primeiras persoas que me atacaron, moito antes dos cen días, foron Feijoo e Rueda. Era incrible, e preguntábame por que me estaban a facer oposición o presidente e o vicepresidente da Xunta. Iso cambio. Non lles daba ningún rédito, pero o certo é que cada vez que poden atacan a esta Administración e a esta presidenta. Normalmente, sen ningún dato obxectivo. Hai una relación de distanciamento, de confrontación que nace da Xunta e unha imposibilidade de diálogo, incluso nesta pandemia. Pedinlle sete veces ao presidente da Xunta que nos convocara para que falaramos do que tíñamos que facer para facerlle fronte e nin sequera respondeu.

«Non nos vai parar nin a extrema dereita, nin a dereita extrema»

A pandemia non só determinou a restrición de determinados dereitos, senón que tamén serviu para que algúns a empregasen como escusa para atacar ao feminismo. «Levamos un tempo que non so é a pandemia, senón que grupos de extrema dereita e Partido Popular comprando ese discurso fixo que se cuestionara o feminismo e a igualdade. Non só foi Vox quen asegurou que os contaxios tiveran como epicentro o 8M, senón que o PP tamén se sumou a ese discurso, que é absolutamente falso. Recordo os campos de fútbol cheos de milleiros de persoas e outras actividades. Xa dicía Simone de Beauvoir: ‘‘Mulleres, estade alerta porque todo o que vamos conquerindo pode desaparecer ante unha crise económica, social, cultural ou relixiosa’’. E estaba no certo», remarca Carmela Silva.

-Que lles di aos que atacan ao feminismo con estes argumentos?

-Que teñen un gravísimo problema, que non estamos dispostas. Somos máis da metade do mundo. Como estamos tan empoderadas e tan convencidas de que é a loita máis xusta que existe, non nos vai parar ni a extrema dereita, nin a dereita extrema.

«A das mulleres é a loita máis xusta que existe»

-Dende que chegou a presidencia da Deputación, moitas das súas políticas están centradas en rachar os distintos teitos de cristal. Quedan moitos?

-É que non hai área de actividade humana na que non haxa infrarepresentación das mulleres. Mentres que a porcentaxe máis grande de persoas que estudan nas escolas e conservatorios de música son mulleres, na consecución de carreiras profesionais estamos por debaixo do 20 %. É dramático. Pero se imos á xudicatura pasa o mesmo e exactamente igual nas empresas do Ibex 35, na dirección dos medios de comunicación... É intolerable porque estamos perdendo talento. Hai estudos que afirman que o feito de que as mulleres non estean nos postos de dirección fai que caian os PIB porque se perden coñecementos, ese talento.

-Como se loita contra unha realidade na que, incluso, persoas feministas caen, en ocasións, en micromachismos?

-Temos que reeducarnos. Eu mesma, que son unha feminista convencida e levo toda a miña vida loitando pola igualdade, atópome en ocasións dicindo frases que logo, reflexionando, dígome: «Isto que acabas de dicir é propio dun pensamento patriarcal». Edúcannos nese pensamento patriarcal e temos que reeducarnos todos e todas. Tes que repensar o mundo cunha mirada, tamén, de muller. Avanzamos moitísimo, pero aínda queda moito.

«Hai un exceso de protagonismo das eleccións de Madrid e resulta cansino»

Cos comicios autonómicos de Madrid copando titulares día si, día tamén, a presidenta da Deputación de Pontevedra recoñece estar «asombrada de que unhas eleccións dunha comunidade autónoma, que non é máis importante que ningunha outra -dende logo non considero a Madrid máis importante que Galicia- parezan as eleccións autonómicas do Estado. Pois non. Hai un exceso de protagonismo e resúltame cansino. Estou empezando a desconectar cando falan de Madrid porque me farta».

-En todo caso, esta situación non é algo novo.

-Isto é moi propio da vila de Madrid. Eu que fun deputada e senadora era algo que me sorprendía moito. Parecía que o mundo acababa en Madrid e o mundo é moi grande e plural.

-Retomando a política máis local, acaban de aprobar os presupostos máis elevados da historia da Deputación de Pontevedra.

-Non soamente aprobamos o orzamento máis importante e máis alto da historia da Deputación, senón que anunciamos que imos facer máis esforzos ao longo deste ano. Anunciaremos pronto novas inversións. Cando hai que facer políticas de inversión pública? Cando hai crises económicas. É algo que non digo eu, xa dixo Keynes que en épocas de crise hai que facer moita inversión para ter un efecto multiplicador, que xere actividade económica, que xere riqueza, crecemento económico e emprego. Todo vai estar moi centrado na inversión e todo coa vista posta en poder facer fronte ás grandes transformacións con todo o que ten que ver coa dixitalización, o coñecemento e a innovación. Pero tamén garantindo que haxa dotacións, equipamentos e servizos moi particularmente nos concellos máis pequenos.