David Fernández Calviño: «O Parlamento pareceume horrible»

GALICIA

David Fernández Calviño no hall do Edificio Politécnico do campus de Ourense
David Fernández Calviño no hall do Edificio Politécnico do campus de Ourense Santi M. Amil

No ano 2013, Fernández Calviño cambiou o seu escano de AGE no Hórreo por unha estancia de investigación en Dinamarca. Hoxe traballa na universidade, e segue a política con certo desencanto

04 mar 2021 . Actualizado a las 16:08 h.

Foi deputado de AGE no Hórreo apenas un ano. Pero David Fernández Calviño (Toén, 1979) chamou a atención pola súa pouca ortodoxia, a súa intensidade e —por que non lembralo— polas curiosas mensaxes das súas camisetas. Tamén porque escolleu deixar o escano para irse a Dinamarca cunha bolsa de investigación. «Un deputado doutro grupo preguntoume por que me ía, se alí estaba moi ben e tiña posibilidades de repetir. Pois porque nos meus plans sempre estivo ser científico, non político. Aínda que valoro moito a política e creo que todo o mundo debería participar nela unha vez na vida, sempre o vin como algo temporal», recorda.

Sete anos despois, Fernández Calviño non se arrepinte da súa decisión. «Sabía que se quería seguir coa miña carreira investigadora tiña que facelo, aínda que era a segunda vez que me ía fóra [xa estivera con outra bolsa en Suecia], e mentalmente custoume bastante. Con certa idade esas estancias no estranxeiro, pese a ser enriquecedoras, desestabilizan», confesa. Hoxe está contratado como investigador Ramón y Cajal na Universidade de Vigo, a mesma na que se doutorou cun sobresaínte cum laude logo de se titular como enxeñeiro técnico agrícola, e tamén como enxeñeiro de montes. Dende o campus de Ourense lidera un proxecto europeo sobre a biodiversidade do solo e participa noutro sobre o uso do cobre en viñedos.

«O parlamentarismo galego é moi pobre, ten moito de paripé»

Centrado na investigación, non bota de menos a Cámara do Hórreo. En absoluto. «O Parlamento pareceume un lugar horrible. Hai moito debate estéril, apenas hai marxe de negociación, todo está xa escrito. O parlamentarismo galego é moi pobre, ten moito de paripé. Resultoume decepcionante», di contundente.

A política segue a interesarlle, aínda que agora mesmo non milita en ningunha formación. «Non me sinto representado por ningunha. Si comparto ideais políticos con algúns compañeiros, mesmo manteño contacto con xente coa que compartín espazo e á que lle pasa o mesmo que a min. Igual máis adiante nos atrevemos a crear algo novo, pero agora estou moi centrado na universidade», explica, sen descartar de todo un regreso ao mundo político, no que chegou a ser concelleiro, ademais de deputado. Sobre o espazo político do que formou parte, limítase a dicir que a súa situación política «é desastrosa».

«A situación política do espazo do que formei parte é desastrosa»

No ámbito máis persoal, Fernández Calviño segue a vivir en Toén coa súa parella. Alí dedica o tempo libre a desbrozar e plantar árbores nos montes da familia. «Hai quen me chama tolo, pero logo de tantas horas de ordenador, esa actividade física reláxame», confesa, recoñecéndose un namorado de todo o que teña que ver co monte, dende coller cogomelos ata apañar castañas.

Fernández Calviño intervindo no Parlamento no ano 2013
Fernández Calviño intervindo no Parlamento no ano 2013 Lavandeira Jr || EFE

Fun

Concelleiro en Toén e deputado no Parlamento de Galicia

Fernández Calviño segue a gustar das camisetas e xerseis informais con frases curiosas
Fernández Calviño segue a gustar das camisetas e xerseis informais con frases curiosas Santi M. Amil

Son

Investigador científico e docente na Universidade de Vigo