Ángeles Vázquez: «Ou damos seguridade xurídica ou as ocupacións ilegais irán a máis»

Juan María Capeáns Garrido
juan capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Sandra Alonso

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda denuncia que o Goberno non informa deses casos desde hai case un ano

27 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Leis urbanísticas con ducias de artigos, okupas, contedores de lixo de diferentes cores e manadas de lobos. Todo entra na carteira de Ángeles Vázquez (Melide, 1972), que di ter unha confianza cega na madurez dos cidadáns galegos respecto ao territorio e a paisaxe. A súa resposta para case todo é a mesma: informar e axudar. E se aínda así a cousa non funciona, actuar.

-Cando veremos os resultados de tantas leis e normativas que están a redactar para mellorar a paisaxe galega?

-Levamos dez anos traballando arreo. Este ano vai ser recordado por pechar ese corpus lexislativo da paisaxe e pola súa simplificación, que é primordial. A paisaxe non ten sentido se arredor dela non podemos desenrolar actividades. Se os galegos faiamos en ocasións é porque non temos coñecemento de como facelo mellor, e agora penso que si temos ese coñecemento.

-Que é o que máis lle doe á vista á conselleira?

-Segue a haber agresións sobre a paisaxe, coma os residuos, ou os incendios, iso doe moito, porque rexenerar e descontaminar custa moito. Pero hai que dicir que agora os galegos somos máis consecuentes coas nosas accións.

-Somieres para os peches das fincas, bañeiras recicladas para poñer plantas... Iso é economía circular ou unha chapuza?

-Iso é economía circular que chama a atención e ten que deixar de verse no territorio. Cada un de nós ten que aportar, porque as administracións non poden ter un policía vixiando o que facemos. Pero son anécdotas.

-As casas sen acabar, con ladrillos á vista, están aí.

-Dando axudas e informando a xente acabará facéndoo ben, e se hai xente que non actúa haberá que tomar medidas.

-Case todos os concellos galegos perden poboación. É lóxico construír máis?

-A Xunta ten claro que hai que rehabilitar o xa construído e poñelo en valor. Con todo, hai diferenzas entre os municipios pequenos e os grandes, nos que si hai demanda de vivenda, como na Coruña ou en Vigo. Aí estamos a traballar sacando solo residencial, e chegaremos a 1.400 vivendas sen perder de vista os cascos históricos, que están quedando baleiros e precisan solucións.

-En Galicia hai 330.000 vivendas baleiras, por que?

-Por inseguridade xurídica. O BNG fala de grandes propietarios, pero en Galicia non os hai. Hai emigrantes que pensaron na xubilación e teñen dous ou tres pisos, e agora o que teñen son medos e dúbidas polas ocupacións ilegais. Aí estamos traballando. Non tivo todo o éxito que buscaba o programa de vivendas baleiras, porque tiñan que involucrarse os concellos, e nas grandes cidades non o fixeron. Non é bo politizar a vivenda.

-Para saber de que falamos, podería cuantificar o problema das ocupacións ilegais en Galicia?

-Hai dous tipos de ocupación: os que entran pola forza e os que só pagan o primeiro mes e acaban esnaquizando a propiedade. É un problema importante, pero as comunidades autónomas non temos os datos. Si sabemos que no primeiro trimestre do ano pasado había 59 denuncias, e no segundo, 79, pero somos coñecedores de que foron a máis porque o Instituto Galego da Vivenda recibe constantemente chamadas e habilitamos un número de teléfono que recibe casos de todo tipo. Ou damos seguridade xurídica e actuamos ou as ocupacións irán a máis, e a consecuencia é que a xente resígnase e acaba tapiando as portas.

-Está de acordo en limitar os prezos dos alugueiros? Tería algún efecto nas cidades galegas?

-Cremos que non se debe intervir o mercado da oferta e da demanda.

-Acúsanlles de non facer vivendas públicas.

-É que a Xunta apostou máis por rehabilitar e deseñar distintas liñas de axudas para o acceso á vivenda que por construír e ampliar a pegada urbanística. Ata o 2025 mobilizaremos mil millóns de euros, e 340 serán axudas directas da Xunta.

-É certo que aos promotores non lles sae a conta a vivenda protexida?

-É un problema real. Somos moi esixentes coa vivenda pública, que non ten que estar identificada con malos materiais ou a baixa calidade, e o certo é que temos que ter unha solución antes de sacar a concurso o solo residencial. Temos que actualizar os prezos.

«Chegaremos ao 2025 reciclando o 50 % dos residuos co quinto contedor, o marrón»

O recibo do lixo vai subir por mor do imposto estatal que o Goberno ten que aplicar por cada tonelada que chegue aos vertedoiros. A medida é contraria á liña seguida ata agora pola Xunta.

-Canto vai supoñer ese imposto e por que o aplican?

-Non é bo incrementar impostos para tratar de rebaixar os residuos. Entre outras cousas porque iso non o vai pagar Sogama ou os concellos, vano pagar os cidadáns. Non estamos de acordo porque a Xunta sempre apostou por incentivar a reciclaxe e gratificar aos concellos que o fan ben. Isto repercute nas economías domésticas en 3 ou 5 euros, pero é un xeito de explicarlle á xente que hai que xerar menos residuos.

-Pero é Europa a que di que España non cumpre e manda aos vertedoiros máis residuos dos debidos. Galicia tamén?

-É certo que España non cumpre, pero por iso non hai que gravar con impostos á xente. Galicia vai investir 25 millóns en tres plantas de biorresiduos, que coa de Cerceda e as de transferencia darán cumprimento ao quinto contedor, o marrón, que vai chegar xa. Así chegaremos ao 2025 reciclando o 50 % dos nosos residuos. Temos que baixar do 10 % de residuos no vertedoiro, e Galicia vai cumprir este ano. En valorización enerxética estamos por riba dos estándares. E a terceira pata é a reciclaxe, pero non é necesario poñer impostos, hai que investir para cumprir.

-Espéranos algunha medida de impacto cidadán inminente?

-Ademais da chegada do contedor marrón, o próximo reto é completar a circularidade da reciclaxe e a súa rendibilidade. Temos xa un proxecto público-privado para o tratamento de pneumáticos e plásticos agrarios e mariños.

«Non sabemos a que obedece esa teima [de Teresa Ribera] coa protección do lobo»

A Consellería de Medio Ambiente é un exercicio permanente de equilibrio entre distintos intereses socioeconómicos e do medio ambiente. Ante a dúbida, Vázquez di que hai que «apostar polos cidadáns».

-Como son as relacións cos colectivos que teñen distintos intereses no territorio?

-A miña obriga é escoitar a todo o mundo, aos colectivos relacionados co medio ambiente e tamén aos empresarios, por suposto, pero sempre con equilibrio. Todos teñen a porta aberta, pero non todo vale. Hai proxectos que non cumpren e teñen informes negativos, e outros que si, e saen favorables.

-Ás veces hai dúbidas ou interpretacións.

-Se hai que buscar solucións estas deben favorecer sempre ao cidadán. A ver, o trámite é sempre o mesmo, e o facemos coa máxima publicidade, pero depende do que decidas sobre un proxecto sempre haberá quen pense que conseguiu parar algo pola súa presión. Ou acusará á Administración de non mirar ben o expediente.

-Aí vexo unha crítica ás organizacións socias?

-Hai boas organizacións que o teñen clarísimo e outras que teñen mentalidade política, e se non coincides...

-Tampouco coinciden co Goberno na situación do lobo, ten volta atrás?

-Non sabemos a que obedece esa teima coa protección do lobo. A vicepresidenta do Goberno non escoita ás comunidades, pero tampouco ás gobernadas polos seus. Tampouco escoita aos científicos. A ministra pode dar marcha atrás e non vai quedar mal, o que temos que facer é unha nova estratexia do lobo contando cos que saben.

-Cantos hai en Galicia?

-Hai noventa manadas, unha cifra que temos que actualizar e que probablemente é maior. Son máis das que hai en Francia ou Portugal. A min encántame o lobo, pero tamén o cabalo ou unha vaca cachena, e se pretendemos unha protección absoluta do lobo o gandeiro vaise cansar. Non hai necesidade de ter este enfrontamento, en absoluto.

-Espera máis sensibilidade con Galicia para o reparto dos fondos europeos de reactivación?

-Fixemos un traballo fantástico no que participou todo o mundo, cumprindo os obxectivos ambientais de Europa. Cada proxecto que presentamos cumpre, pero agora hai que ver os cartos que chegan, que non defrauden aos galegos.