Ana Pontón: «Sánchez non está cumprindo con Galicia, repite a discriminación do PP»

Rubén Santamarta Vicente
Rubén Santamarta REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

La Voz

A portavoz nacional do BNG defende fuxir de «enfoques partidistas» para saír da crise da pandemia, denuncia a ausencia de diálogo de Feijoo, e lamenta a política de vacinación do Sergas

21 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai case cinco anos (cúmprense o próximo domingo), Ana Pontón (Sarria, 1977) era elixida primeira muller á fronte do Bloque Nacionalista Galego. Nese febreiro do 2016, o BNG era cuarta forza no Parlamento galego, o nacionalismo estaba fondamente dividido e as expectativas ante os comicios eran deprimentes. Cinco anos despois, o partido que dirixe é segunda forza cunha representación histórica tras os comicios de xullo, recuperou voz no Congreso dos Deputados e as enquisas (Sondaxe e o CIS) marcan que aínda non tocou teito. «O que din esas enquisas é que somos a alternativa ao PP en Galicia. Pero é momento de arrimar o ombro, agora mesmo as eleccións non están no noso foco».

—Cando foi a última vez que falou persoalmente co presidente Feijoo, precisamente nun momento como este do que fala, cando hai que arrimar o ombro?

—No mes de novembro, antes do peche perimetral das cidades, para comunicarnos esa cuestión.

—Non máis desde entón?

—Non, pese a que lle estamos pedindo un debate sobre asuntos relevantes como os fondos europeos, porque nos preocupa que Galicia perda ese tren, que reciba menos dos 12.000 millóns que nos corresponden, ou que haxa unha xestión centralizada dese diñeiro. E sempre recibimos un non por resposta, o PP solo dialoga co PP, e ese é un problema para o noso país. Con todo, temos a máxima disposición para falar con todo o mundo, estamos nun momento no que a política necesita saír do enfoque partidista.

—Pero é que o PP acaba de reafirmar e incrementar a súa maioría absoluta. Ten un respaldo maior dos votantes. Non sei se ten moito que negociar...

—Nun momento de crise o diálogo é máis necesario, ou é que só se precisa se non hai maioría absoluta? E vemos que hai sectores como a hostalería, o turismo, a cultura... que levan meses pechados sen que haxa un rescate real, sectores que nos piden altura de miras.

—Hai que abrir xa a hostalería?

—Esa é unha decisión que ten que tomar a Xunta co comité clínico. O que pido é que os criterios de control da pandemia se poñan por diante. É necesario un rescate real para a hostalería, e non axudas que chegan tarde, que son un respiro, pero non son unha solución.

—Fala con Pedro Sánchez?

—Nunca falei con el.

—A portavoz nacional do BNG nunca falou co secretario xeral do PSOE, pese a asinar a súa investidura?

—Son as circunstancias políticas.

—E como están as relacións co Partido Socialista tras ese pacto? Hai moitos puntos sen cumprir, nomeadamente o da gratuidade da AP-9.

—Nós dixemos sempre que tiñamos disposición para negociar compromisos con Galicia e para que no Goberno do Estado non estivera a dereita. Pero neste momento, o señor Sánchez non cumpre con Galicia e repite a discriminación do PP. O que está facendo o Estado é un exemplo de manual de por que sube o BNG: os galegos e galegas están cansos de ver como as forzas estatais cambian de opinión segundo gobernan en Madrid. Vímolo coa AP-9, con Endesa, con Alcoa, co AVE... Con todos os temas estratéxicos do país. Cando goberna o PP, Feijoo é sumiso. E agora en cambio confronta, porque é útil para a súa estratexia.

—O acordo de investidura segue a ser válido?

—Os acordos están para cumprilos, e seremos firmes esixíndoo. Non é entendible por que non hai rebaixas na AP-9, habería que preguntarlle ao PSOE por que non o fan. E non temos un acordo de lexislatura co PSOE, temos un acordo de investidura.

—Creen que son prescindibles para Sánchez en Madrid, cando son socios estratéxicos para os socialistas en Galicia?

—Un deputado do BNG é máis útil que 20 do PSOE, do PP ou de Podemos. Grazas a ese deputado puxemos de novo a Galicia no mapa. Agora ben, temos un deputado de 350. Pero sen o BNG non estariamos falando de temas como os descontos da AP-9.

—Hai risco de que, se seguen sen cumprirse eses acordos, o BNG poida rachar acordos co PSOE en Galicia?

—Iso é o que me di Feijoo que teño que facer. Creo que ninguén entendería que deixaramos institucións nas que estamos facendo cousas pola xente para que veñan eles a desfacelas. Correríannos a gorrazos.

—Que se pode facer para parar o goteo incesante de malas novas na industria galega? O caso de Siemens nas Somozas é o último, pero non parece que se vaia quedar aí. Alcoa, Endesa...

—Precisamente está citando vostede multinacionais que levan recibido cantidades inxentes de diñeiro público. O que provocan esas novas é reforzar a idea que temos de que non se poden seguir drenando fondos públicos a multinacionais, como pretende Feijoo coa súa aposta para os fondos europeos. Hai que cambiar o modelo e apoioarnos na pequena e mediana empresa, e enraizar proxectos no país. Pódese cambiar esto? Si. O caso de Gamesa é sangrante: aquí se vai triplicar a potencia eólica, e unha das poucas empresas que teñen que ver co sector eólico vai pechar. E non se senta a negociar. Hai unha responsabilidade da Xunta. Por que non se pon unha clausula nos concursos dos parques que obligue a que unha parte da producción dos componentes se faga en Galicia? Iso faise en Europa.

—Xa que fala do sector industrial. Sobra Ence en Galicia?

—O que non pode é estar onde está, a lei dice que non pode estar aí. En todo Galicia non hai outro punto onde poñer unha industria contaminante como esta, en vez de na ría de Pontevedra?

—É mellor que peche a que que siga aí?

—Esa non é a alternativa. Ten que trasladarse. Mandan máis que o un goberno? Non é aceptable. Vamos aceptar unha chantaxe así?

Sandra Alonso

«Habería que facer públicas as listas de vacinación, e non priorizar aos políticos»

—Cre que a vacinación se está a facer da mellor maneira posible?

—Eu faría unha petición: que non se faga propaganda coa vacina. É a gran esperanza que temos, e non é serio que Feijoo diga que é capaz de vacinar a 200.000 persoas ao día, logo que 120.000, logo que 100.000... E todo iso porque sabe que non hai vacinas.

—Onde está o problema? Nas poucas vacinas que chegan a Galicia ou na xestión que está facendo o Sergas?

—O primeiro problema é que non hai vacinas suficientes, en parte polo fracaso da xestión na propia Unión Europea. Deixar en mans de multinacionais a saúde da xente é un mal negocio. O que nos ten que explicar Feijoo é por que tarda máis dun mes en vacinar a 40.000 persoas, de residencias, se tiña capacidade para facelo máis rápido. Hai que reforzar o sistema sanitario público. Non se fixo ben, pero estamos a tempo de facelo.

—Cre que os casos que están saíndo de vacinacións irregulares son anecdóticos?

—De entrada, non entendo por que o PP defende actuacións como as da vacinación da conselleira delegada de Domus Vi e do seu irmán, ou da alcaldesa de Boimorto. Igual hai que facer públicas as listas de quen se vacinou, porque tal vez nos levariamos sorpresas...

—É partidaria de que se vacinen antes os membros do Consello da Xunta, ou o mesmo o presidente?

—Que se vacinen cando lles toque. Se hai que darlle prioridade a alguén sería aos maiores, e logo a todos aqueles que están en contacto coa xente, desde caixeiras de supermercados ata os das gasolineiras. Ningún político debería ir antes a vacinarse.

—Ten que actuar a Xustiza cando alguén non quere vacinarse?

—O que nos di a OMS é que as campañas de vacinación obrigatorias son contraproducentes. Pode haber casos puntuais, pero non é ese o problema, o problema é que non hai vacinas.

«Nunca defendo a violencia, pero ás veces criminalízase o dereito a querer manifestarse»

Nas últimas semanas, o vicepresidente Pablo Iglesias cuestionou que España fose unha auténtica democracia. A líder da oposición en Galicia coincide con esa diagnose: «Que [a democracia española] ten eivas é algo que levamos anos dicindo no BNG. É algo que din os cidadáns nas enquisas do CIS, e vémolo con feitos preocupantes: que haxa xente na cadea por expresar as súas opinións é algo que debe levar á reflexión sobre a calidade democrática do Estado.

—E a resposta a iso deben ser manifestacións que acaban con coches e motos queimados nas rúas, como sucede nestes días?

—O debate primeiro é que non se pode meter na cadea a liberdade de expresión. E iso está pasando. Nunca defendo a violencia, pero ás veces criminalízase o dereito da cidadanía a querer manifestarse. Non vou caer nesas campañas.

—Un pode manifestarse contra algo sen acabar queimando a moto dun repartidor.

—Todos vimos escenas desagradables, como cargas desproporcionadas contra a xente. Non vamos permitir que se criminalice o dereito á manifestación, máis alá de comportamentos que eu non avalo.

Sobre o acto no que participou con Otegi: «A ninguén lle pode estrañar a nosa relación con outros partidos»

As últimas eleccións en España, as de Cataluña, amosaron unha vitoria clara para as forzas independentistas, algo do que se gaba Ana Pontón.

—Fixo campaña por Esquerra. Síntese máis cómoda con esa formación que cando o BNG ía coa extinta CiU?

—Sempre tivemos unha política ampla de alianzas con todas as forzas do nacionalismo, temos relacións con ERC, con Junts, coas forzas nacionalistas vascas...

—Como explicaría a votantes non nacionalistas, que os tivo nas eleccións de xullo, a súa participación nun mitin de ERC con Arnaldo Otegi?

—Non escondemos o que somos, a ninguén lle pode sorprender que participemos nun mitin onde están outras forzas nacionalistas do Estado. Preocúpame que Feijoo estea tratando de crispar a vida política con asuntos como este para non ter que falar dos problemas que ten este país.